Nun breve espazo de tempo, pouco máis de trinta anos, trala morte de Xesús de Nazaret, o Cristianismo nacente abrangue case todo o orbe antigo, incluída a que era daquela a capital do mundo, Roma. Rexurdindo a partir de pequenas comunidades domésticas comeza unha expansión de tal éxito que nin tivo nin ten parangón na historia da humanidade. A parábola evanxélica do gran de mostaza comezaba a facerse realidade. Unha onda de festa e alegría inundaba pobo tras pobo. Importantes personaxes populares, masas de xentes ben consideradas, escravos e libres, convértense e fanse bautizar. Algo novo estaba xurdindo. A primavera reiniciábase como nunca acontecera. Todo parecía incrible. En moi pouco tempo sucedera algo que caeu como un raio de luz sobre os desilusionados campesiños e os frustrados pescadores. Alguén de quen oíran falar, que os viu e coñeceu, seduciunos para unha nova misión e, sen pedir moitas explicacións, cambiaron o rumbo das súas vidas e deixáronse cativar. De súpeto convertéronse en entusiasmados misioneiros e en mensaxeiros da fe.
Que foi, entón, o que transformou estas xentes sinxelas, homes e mulleres de Galilea, en testemuñas celosas da fe de tal xeito que no espazo de tres séculos fixeron posible a conversión de importantes pensadores (filósofos gregos) e emperadores romanos? Que foi, entón, o que sucedeu, malia as frecuentes persecucións e os intentos de exterminio? Que sucedía no interior destas testemuñas que preferiron ser arroxados aos leóns nos estadios e morrer antes que traizoar a súa fe e os seus principios?
Sen dúbida a fe no Resucitado que hoxe nos chega a través da Igrexa, que ten a súa orixe no testemuño de María Madalena (chamada “Apostola Apostolorum“) e no propio testemuño dos apóstolos que viron o sepulcro baleiro e creron. Sucedeu o primeiro día da semana e desde entón será para sempre o Día do Señor, o Domingo, o día do descanso. A Pascua permanente e a festa da memoria viva daquel acontecemento.
A historia da Resurrección de Xesús é verdade. O mesmo Resucitado foi quen sacou por segunda vez aos discípulos do seu mundo habitual, camiñou ao seu carón, contoulles de novo historias verdadeiras, comeu con eles e fíxolles experimentar o misterio da nova vida que puideron ata meter os seus dedos nas chagas do crucificado. Aquela Igrexa, como a de hoxe, ten aínda na chisteira a mellor noticia: “Quen cre nel ten a vida eterna“. Esta é a convicción fundamental dos cristiáns do mundo e temos unha morea de razóns para iso.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral