Nicolás Susena Presas será ordenado diácono o 4 de xuño ás 18:30h na igrexa da Milagrosa, Lugo. Nicolás Susena naceu en Lalín en 1992. Fixo os seus estudos de secundaria e bacharelato no IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín). Bacharel en Teoloxía pola Universidade San Dámaso, actualmente estuda o Máster en ciencias do matrimonio e a familia no Pontificio Instituto Juan Pablo II en Madrid.
O diácono administra o Bautismo, reserva e distribúe a Eucaristía, asiste ao Matrimonio e bendíceo en nome da Igrexa, leva o Viático aos moribundos, le a Sagrada Escritura aos fieis, instrúe e exhorta ao pobo, preside o culto e a oración dos fieis, administrar os sacramentais, preside o rito dos funerais e da sepultura.
CELEBRACIÓN
Na Eucaristía, trala proclamación do Evanxeo, ten lugar a ordenación diaconal. O candidato será presentado e proposto ao Bispo que, despois da homilía, preguntará ao candidato sobre a súa intención e este prometerá ante todo o pobo cumprir o seu ministerio segundo os desexos de Cristo e da Igrexa e baixo a autoridade do Bispo. Invocarase seguidamente a todos os santos nas ladaíñas, mentres o candidato permanece prostrado no chan.
O momento central da ordenación vén a continuación, coa imposición de mans e a pregaria de Ordenación do Bispo. Unha vez terminada a pregaria, o candidato é xa diácono e revestirase cos seus ornamentos propios sobre a alba: a estola cruzada e a dalmática. Entrégaselle o libro dos Evanxeos como expresión da súa función diaconal de proclamar o Evanxeo nas celebracións litúrxicas e de predicar a fe de palabra e de obra.