O debate sobre o relixioso na vida pública

Seminario Lugo

Limítome a expoñer algúns datos que considero necesarios para o debate sobre o relixioso na vida pública. A partir deles considero que é posible iniciar un diálogo fecundo. Dada a amplitude do tema, centrarei a miña reflexión na cuestión da educación. Cada ano, por este tempo, con motivo da elección de materias para o novo curso, observo estériles debates en torno ao Ensino Relixioso Escolar (en diante, ERE). Esta, como materia optativa que é, supera e gana, cada ano, un difícil referendo por parte dos pais e alumnos que a elixen maioritariamente malia os vaivéns que sofre cada vez que se fai unha nova lei ou decreto educativo. Desde unha perspectiva política é evidente que as leis de educación maltratárona por un forte sustrato ideolóxico. Ignorouse ás comunidades educativas e instrumentalizouse algo tan sagrado como é a educación producindo dolorosas consecuencias: interveuse excesivamente o maxisterio, alterouse a acción vocacional e desinteresada de moitos mestres e profesores, e xerouse, en pais e educadores, en xeral, un fastío e tedio desconcertantes.

Neste e outros contextos, constato escasa madurez e pouca información e formación sobre o debate relixioso na vida pública. A marxinación ideolóxica da filosofía, a teoloxía e as humanidades en xeral percíbese na escaseza de argumentos de moitos tertulianos e librepensadores. Algúns aínda están enfermos de nacionalcatolicismo, outros tratan ao fenómeno relixioso e á Igrexa Católica desde enfoques trasnoitados e viscerais. Desde estes fenómenos, a ERE viviu e vive entre un ambiente de desprezo e outro de respaldo legal froito duns acordos internacionais de fai case corenta anos, desde o dereito dos pais á educación relixiosa que maioritariamente queren para os seus fillos e unha serie de materias alternativas con case nulo contido académico.

Por exemplo, Martha Nussbaum, a filósofa estadounidense, premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2012, nunha das súas obras (Sen fins de lucro) afirma con claridade que “o coñecemento sobre as numerosas tradicións relixiosas do mundo reviste importancia para o avance da democracia”. A necesidade de formación relixiosa pídea tamén a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa. A citada Asemblea recomenda ao Comité de Ministros que anime aos gobernos dos Estados membros a asegurar o ensino relixioso con criterios tan suxerentes como o dereito a que os alumnos descubran as relixións practicadas nos seus propios países e nos veciños, para que perciban que cada un ten dereito a crer que a súa relixión é a “fe verdadeira” e que os outros non son diferentes por ter outras crenzas. E tamén, que se lles proporcione aos mozos a formación relixiosa necesaria de maneira que lles capacite para dar razón das súas crenzas fronte aos partidarios do fanatismo relixioso.

A realidade é que en moitos países europeos, a ERE está moito mellor tratada que en España. Por exemplo, en Lituania, Luxemburgo, Suecia, Reino Unido, etc. o perfil curricular propón unha opción obrigatoria e nalgún destes países con valoración e exames públicos. E aquí, como sempre, tirando do carro dos erros que outros cometeron outrora. Oxalá o ceo inspire aos nosos políticos para pensar o cambio.

 

Mario Vázquez

Cristianismo e saúde

Este domingo a Igrexa Católica en España, coincidindo co sexto domingo de Pascua, celebrou a festa coñecida como a Pascua do enfermo. Desde as súas orixes e seguindo ao seu Mestre, o cristianismo mostrou gran preocupación polos pobres, os “perdidos” e os enfermos: “O Fillo do home veu a buscar e salvar o que estaba perdido” (Lc 19, 10). E no máis antigo dos evanxeos Xesús afirma, con claridade, que “non necesitan médico os sans, senón os enfermos”. Por iso o Fillo de Deus regalounos dous sacramentos chamados tamén de “curación”: A Penitencia e a Unción de enfermos. Eles son manifestacións e mediacións do seu amor, consecuencia lóxica dunha vida entregada aos máis necesitados. Así o entendeu sempre a Igrexa desde a conciencia de que Deus é solidario co sufrimento humano e que veu para curar, liberar do mal e salvar a quen queiran acollerse ao seu amor misericordioso.

Este ano, celébrase esta xornada baixo o lema Pastoral da saúde e ecología integral. Acollendo a chamada do Papa Francisco na súa encíclica Laudato Si’, preténdese concienciar a todos da necesidade dun estilo de vida sanante, invitando a coidar da nai terra, a previr as catástrofes, as enfermidades e a evitar agresións ao medio ambiente. A ausencia dunha ética ecolóxica e a despreocupación polos riscos medioambientais, provoca consecuencias moi graves para a saúde, especialmente para os máis pobres.

Non debemos esquecer o gran dano ecolóxico que causaron á natureza casos como o do petroleiro “Prestige”, as minas de Alnazcóllar, Seseña, os incendios, a destrución da fauna nos nosos ríos, e todo iso, con bastante frecuencia, ante a indiferenza dalgúns cidadáns e de moitos de quen nos gobernan. Os contaminantes químicos e acústicos, as enfermidades provocadas por exposicións nos lugares de traballo (80.000 persoas enferman cada ano por estas causas), a xordeira, as enfermidades neuropsiquiátricas, o aumento de suicidios nos mozos, o alcoholismo e a droga fomentados subliminalmente, son realidades que non poden deixarnos indiferentes.

Por que, por exemplo, non se promove a cultura do silencio fronte á do bulicio? Fai uns días asistín a unha festa co fin de achegar aos escolares á lingua e á cultura da nosa terra. O acto “cultural” quedou reducido a unha gran manifestación ruidosa á beira da Catedral. Con frecuencia pregúntome e pregúntanme moitos cidadáns por que na Praza de Santa María, á beira da Catedral, espazo sagrado para o silencio, para a reflexión, para as celebracións relixiosas e a adoración ao Santísimo, organízanse eventos que co seu estrondo enchen de insoportables vibracións a paz nosa de cada día. Se as pedras da nosa Catedral falasen queixaríanse insistentemente de tanta insalubridade física e psíquica, froitos da insensatez e a insensibilidade cidadá. Por que aínda malia telo denunciado tantas veces moitos dos nosos ríos nos que se vía auga sempre cristalina, onde saltaban as troitas e cantaban as ras, hoxe cheiran mal e baixan con augas turbulentas?

A cultura do descarte e da indiferenza fan que en moitas ocasións as decisións empresariais, o consumismo e a ausencia de leis políticas eficaces, non teñan en conta a saúde das áreas poboacionais rurais e pobres. A degradación ambiental ten moito que ver coa degradación ética e social. Que necesaria e urxente é unha ética do coidado esencial!

Mario Vázquez Carballo

Investigación con células nai

Cando se trata o tema da investigación con CÉLULAS-NAI unha porcentaxe maioritaria da opinión pública parece ter claro que: a) A investigación con células nai embrionarias é un avance científico grandísimo que vai permitir curar moitas enfermidades. b) A Igrexa oponse á investigación con células nai e oponse, por tanto, ó avance da ciencia.

A) Sobre o primeiro tema hai que dicir que o gran avance científico non é a investigación con CÉLULAS NAI EMBRIONARIAS, senón o de conseguir reprogramar as células adultas ou maduras e convertelas en células inmaduras pluripotentes, é dicir, en CÉLULAS-NAI ADULTAS que poidan xerar calquera parte ou tecido do organismo humano ó igual que fan as células embrionarias. Esta é a razón pola que lles deron o Nobel de medicina ó británico John B. Gurdon e ó xaponés Shinya Yamanaka en 2012. “Reprogramando estas células humanas, os científicos crearon novas oportunidades para estudar enfermidades e desenvolver métodos de diagnóstico e terapia”, subliña a argumentación do premio.

Todos partimos dunha única célula, resultado de unir un óvulo cun espermatozoide. Esta única célula multiplícase xerando células inmaduras que teñen a capacidade de producir tódalas distintas células dun organismo, desde neuronas ata células dos ósos ou da pel. Estas células inmaduras chámanse células nai pluripotenciais. No pasado críase que a viaxe era nunha única dirección: de inmaduras a maduras. Os traballos de Gurdon e Yamanaka demostraron que a dirección oposta tamén era posible: as células adultas poden reprogramarse para converterse en células inmaduras pluripotenciais capaces de xerar células de calquera tecido.

O obxectivo non é explicar como uns poucos xenes (4) son suficientes para transformar as  células adultas en células como as dun embrión ás que chaman “células nai pluripotentes inducidas”.

B) Que a Igrexa se opón á investigación con CÉLULAS NAI é unha gran mentira, pois a Igrexa non ten reparo ningún, en principio, coas células-nai adultas. Aínda que si sería problemático se os beneficios fosen só para os máis ricos, ou para unha etnia, etc. O mesmo pasa na investigación con células nai do cordón umbilical.

A Igrexa si se opón a converter os embrións en cobaias para a experimentación, pois cando comeza a vida embrionaria xa é un ser único, distinto e para sempre, como o seu ADN manifesta. Desde ese momento a evolución e a aprendizaxe son constantes, e iso non se interrompe no momento de nacer. De aí que os médicos lles digan ós pais que lles falen ós nenos antes de nacer… Sábese que os nenos coñecen a música que cantaba súa nai durante o embarazo… Hai unha investigación do “Institut Marqués” de Barcelona que descubre que o neno responde á música abrindo a boca e sacando a lingua na semana 16 do embarazo…

C) Convén subliñar que hai claras diferenzas entre a investigación con células-nai embrionarias e as células-nai adultas (reprogramadas) que se manifestan nestas tres graves cuestións:

1º) A investigación coas células-nai embrionarias crea un grave problema ético, pois supón destruír unha vida única e distinta sen o seu consentimento informado ou sen informar, buscando o posible beneficio doutra persoa. Esta actividade enlaza co tráfico de seres humanos, coa pena de morte, coa utilización de cobaias humanos, etc. Esta dificultade ética aféctalles ós cristiáns, pero tamén ás persoas doutras relixións, ós agnósticos e ateos, pois a vida humana ten que ser sempre un fin e nunca un medio.

2º) As células-nai embrionarias xeran moitos máis problemas de rexeitamento  nun tratamento rexenerador de órganos enfermos, pero as células-nai adultas (creadas a partir do propio paciente) non serían rexeitadas polo sistema inmunitario.

3º) As células-nai embrionarias son máis canceríxenas cás células-nai adultas.

É claro que un só destes casos, especialmente o primeiro,  tería que ser suficiente para apostar polas células-nai adultas. Se só un destes problemas sería suficiente para non utilizar as células-nai embrionarias, confluíndo os tres constitúe un argumento irrefutable. Así se entende que se teñan feito xa moitos tratamentos con células-nai adultas, tamén nalgún hospital galego, polos beneficios que desta metodoloxía se seguen fronte ós problemas asociados ás células-nai embrionarias.

Antón Negro

Si á democracia nos impostos

Na teoría política afírmase que nas democracias as persoas non somos súbditas do Estado, nin do partido político gobernante, senón que somos cidadáns libres e responsables. Isto leva consigo protagonizar a nosa vida persoal e asociada como membros da sociedade para facer que o mundo camiñe cara á meta que desexamos. Iso é a teoría.

Pero a día de hoxe podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que en xeral non temos dereito a decidir o que se vai facer cos impostos. Na actualidade non nos permiten decidir como se van investir os impostos que pagamos no IVE e en moitos outros. Entre os impostos especiais convén destacar, por exemplo, o das gasolinas onde está gravado máis do 50 % do seu custo.

A lexislación actual só nos permite decidir sobre o que pagamos no IRPF (Imposto sobre o Rendemento das Persoas Físicas), e tan só nunha ínfima porcentaxe, como moito o 1,4 % no caso de que poñamos as dúas cruces na Declaración da Renda, a da Igrexa Católica e a dos Fins Sociais.

Por outra parte, hai concellos que falan da elaboración de orzamentos participativos para que os cidadáns decidan onde gastar os cartos, pero trátase de decidir sobre unha ínfima parte deles (con frecuencia menos do 1 %). Por exemplo o PSOE criticaba a Compostela Aberta que nos orzamentos participativos do concello para 2016 só lles permitían aos cidadáns decidir sobre o 0’09 % do orzamento total de Santiago. Ademais a participación é só accesible aos usuarios de internet, sendo moi poucos os que participan (por exemplo en Madrid o proxecto máis votado rexistrou só 4405 votos).

Mesmo no IRPF hai persoas que queren quitar esa ínfima posibilidade de decidir que temos só nese imposto, é dicir, queren rebaixarnos a democracia nos impostos!! Iso supón quitarnos liberdade e desconfiar das nosas decisións. Na sociedade o que os demócratas necesitamos é ter máis democracia e, por tanto, máis capacidade de decisión sobre o destino dos impostos para que, a modo de exemplo, haxa tamén “casiñas” para dar ou non un aporte económico aos partidos políticos, aos sindicatos, á promoción de deportes, á axuda á arte e ó cine, etc. etc. porque iso non debe quedar á libre decisión dos políticos gobernantes.

Curiosamente, como case sempre ocorre, quen abriu o camiño neste exercicio democrático de decidir sobre os impostos foi a Igrexa Católica, en contra dos estereotipos propalados de que esta é unha institución contraria á democracia, o que está lonxe da verdade como este feito manifesta.

Recordemos que a democracia debe ser “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, segundo a clásica definición. Entón do que se trata é de ampliar a democracia no campo dos impostos ata que sexamos os cidadáns os que xestionemos todos os impostos, ata chegar a decidir a economía do país e do mundo nunha plena democracia.

Por iso, opoñerse á posibilidade de que os cidadáns decidan ese ínfimo  0,7 % para a Igrexa Católica, só se pode entender desde opcións ditatoriais ou inquisitoriais, por tanto, inimigas da liberdade, da democracia e do protagonismo económico e social dos cidadáns, especialmente dos pobres. Hai que aceptar a maioría de idade dos cidadáns para facilitarlles exercer a súa responsabilidade en liberdade dentro dunha sociedade plural e dialogante conforme ós Dereitos Humanos.

Consecuente co dito, a decisión é non renunciar a este chisquiño de democracia que me permiten na declaración do IRPF. Por iso poñerei as dúas cruces por estar basicamente de acordo coas institucións aí sinaladas, que ademais fan unha xestión do diñeiro recibido en favor dos cidadáns bastante mellor cá xestión dos nosos impostos que fai o Estado. Tamén quero seguir traballando e colaborando con outras persoas e institucións para acadar unha maior democracia neste ámbito dos impostos que pagamos e incluso da economía toda.

Antón Negro

Anticlericalismos de onte e de hoxe (e II)

Vai, logo esta segunda parte do tema do anticlericalismo. Pode que decepcione ós que  a esperaban con expectativas desmesuradas e ademais, por algo se di “que nunca segundas partes foron boas.”

No campo da fama de peseteiros e ricos prometera volver sobre outro complemento que teñen algúns curas á nómina ou á pensión: o dos enterros e cabodanos. Van sendo moitos os casos en que por necesidade ou por principio vanse facendo cun cura só, mentres o haxa. E, por outro lado, xa non se mide a importancia que a familia lle quere dar ó morto polo número de curas, senón máis ben polo prezo da caixa, o número de ramos e coroas, o tamaño da esquela no xornal, ou o número de radiacións. Onde se conserva o piadoso costume de “chamar ós curas de tabla”, tamén segue parecendo moito que un cura cobre 40 euros, -coma un ramo pequeno de margaridas-, aínda que teña que dedicar unhas dúas horas para poder non aparcar lonxe nin esperar a que lle abra paso o último que se vaia, e na cerimonia, presentar ben, saír moi aseado, cantar con forza, rezar con devoción e, se ten que predicar, non ser longo, centrar a atención case tan ben coma os de Podemos no Parlamento e, sobre todo, falar do ben que fora coidado ou coidada o corpo presente. Algunha vez teño pensado en canto sairía un funeral oficiado, poñamos por caso, por tres veterinarios, dereitos do Colexio á parte.

Polo xeral, non temos gastos coma se tivésemos fillos nin muller que manter, aínda que, se escoito ó pobo, só podo falar por min, porque aínda hai pouco que unha muller de Friol escribiu nas redes públicas que todos os curas, menos o “seu”, temos unha pilísima enorme de fillos ciscados polo mundo. Parece ser que a asociación feminista “Haz el bien y no mires con quién” vaille dar un premio á señora, e o Instituto Central de Bioloxía Xenética, outro polos seus descubrimentos da desconcertante fertilidade de “célibes, menopáusicos y prostáticos”. Manter fillos non, pero o utilitario usado por necesidade a diario vén comendo case tanto coma un repoludo cebote.

Saíu antes o nome de Friol e penso que o seu conflito pode pasar á historia como prototipo e paradigma do anticlericalismo dos tempos modernos ou do cambio que, valéndose dos medios de comunicación e das redes sociais, e usando o populismo para estimular instintos e anular raciocinios, difunde verdades a medias, crea realidades mendaces e maquilla ó seu gusto a realidade verdadeira. E ademais, apunta por riba do clero baixo, a bispos e membros da curia que saben que non se defenderán coa mesma linguaxe utilizada contra eles.

Sirva como exemplo a autochamada Plataforma veciñal formada por 3 persoas en representación de 14 parroquias, que se autoconstituíu en defensa do “seu” cura e que  inaugura algo do máis  orixinal: Valorando moitísimo a un só cura, en nome do que falan e suplantan como se o tivesen secuestrado, deixa mal a tódolos outros, incluído, por suposto, o Bispo, Vicarios, Consello de Consultores e permanente do Consello Presbiteral.

Algo vai cambiando na Igrexa cos tempos, aínda que moitos anticlericais de sempre digan que é unha institución inmobilista. Non é novidoso que un alcalde cristián, por servir ó pobo, queira declarar persoa non grata a un Bispo e consecuentemente ós curas nomeados por el? Non é unha gran noticia que uns laicos comprometidos inviten a rezar un “nosopai” composto para a ocasión, nunha praza mollada de Lugo, “in facie episcopi”, megáfono en man, e o fagan con esta monición inicial: “Todo dios de rodillas”!, e denuncien ó Bispo da súa diocese ante a Conferencia Episcopal e a Nunciatura e pidan protección ó Embaixador ante a Santa Sé e, saltando a seguridade, lle queiran meter polos ollos ó Papa cando veña a Fátima: “Papa Francisco, su Obispo de Lugo no escucha”. Só falta que Francisco, tan campechano el, apee do papamóbil e entre ó diálogo: –“Ma, ¿de che Lugo mi parla; di Lugo di Vicenza in Italia, Lugo di Nazza in Francia?”.-“En Friole de Galiza, Santidade. Ou sexa: en Friol de Lugo”.-¡Ah, bene! In Argentina suona molto nabo di Lugo”. Agora que se o pillan co paso cambiado pode despachalos cun: “¿E poi, Lugo non ha otorinolaringoiatri per lavare le orecchie del Vescovo? Tutto è cominciato e continua come una incredíbile carnevale farsa per screditare la Chiesa. Pertanto, la piattaforma non è in comunione ecclesiale”.

Xosé Manuel Carballo

A %d blogueros les gusta esto: