A voltas co mandato imperativo

Preguntaba unha profesora da Universidade Complutense, por que os políticos non lle explican ao pobo o que significa o artigo 67.2 da Constitución? que di así: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”. Nunca atopei que o explicasen, e iso é o que vou intentar.

Para entendelo convén recordar antes o artigo 66.1, que afirma que “As Cortes Xerais REPRESENTAN ao pobo español”. Que se entende por “representan ao pobo”? Debemos saber que fundamentalmente hai dous tipos de representación, a libre e a vinculada:

  1. a) A representación vinculada supón que os representantes elixidos teñen un poder representativo limitado por un mandato imperativo e dereito de revocación en todo momento. As súas tarefas están ligadas ao asentimento dos representados, é dicir, que os representantes son servidores daqueles aos que representan. O Mandato Imperativo supón que os nosos representantes teñen que facer o que nós lles mandemos.
  2. b) A representación libre implica que o representante elixido non está ligado a instrución algunha dos representados, senón que é señor da súa conduta en función da propia conciencia ou dos seus intereses. Non ten ningunha obriga de facer o que os representados queren ou necesitan. Este representante así elixido convértese en señor investido polos seus electores e non en servidor deles.

No primeiro caso de representación hai que render contas ante os representados, os seus xefes, e no segundo caso será ante si mesmo ou… outras instancias fóra dos electores.

As democracias vixentes no noso entorno son de representación libre, pola que o representante unha vez elixido queda xa fóra do control dos seus representados, de xeito que en vez de ser servidor dos seus electores pasa a servirse deles.

Para que non haxa dúbidas que o artigo 66.1 alude á representación libre está o artigo 67.2 que prohibe a representación vinculada ao afirmar: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”.

A prohibición do mandato imperativo ten varias consecuencias sociopolíticas, das que destacaría que:

1) Ampara o transfuguismo das persoas elixidas, de maneira que a Constitución as protexe e poden seguir co escano ata o final da lexislatura. Fronte a isto algúns propoñen unha alternativa aínda peor, que o escano pertenza ao partido, co que facultarían aos dirixentes dos partidos para cambiar a calquera parlamentario, concelleiro… que lles resultase incómodo, ou simplemente o cambiarían por outro máis amigo, servil, ou un familiar… Así quédase curto o dito, “o que se move non sae na foto”.

2) Garante que os partidos e representantes políticos non teñen por qué cumprir os programas e promesas electorais. Xa o dicía Tierno Galván: “Os programas electorais están feitos para non cumprilos”. Lembro a amigos que me dixeron nas eleccións de outubro de 1982 que votaran ao PSOE para saír da OTAN e eu respondinlles: “pois se os votaches por iso, perdiches o voto. Se queres, apóstoche unha cea a que nin con referendum saímos da OTAN”. No referendum de 1986 preguntáronme qué votar e contestei: “Se queres que che fagan caso, vota SI e seguimos na OTAN. Se queres que non che fagan caso, vota NON e seguimos na OTAN”. Alguén lembra as tres condicións de permanencia na OTAN que ían coa pregunta?

3) Os elixidos por un distrito ou provincia con representación libre representan a toda a nación, á soberanía nacional, e non propiamente aos seus electores. Representan a vontade da nación, non a vontade dos seus votantes… Outro tema de actualidade, que non analizamos hoxe, o resumimos nunha pregunta: Os traidores da nación, patria… poden decidir o seu futuro?

Ante este realidade de prohibición do mandato imperativo a resposta non é ser máis “pasotas e indiferentes” en política, senón que debemos actuar responsablemente na acción política tendo en conta que:

-Na vida sociopolítica e en moitos sitios hai persoas, grupos e institucións comprometidas co ben, coa xustiza, coa verdade… Hai que descubrilos e colaborar con eles en aras ao servizo dos empobrecidos.

-Tamén hai outras formas de acción e incidencia política máis aló da participación nas eleccións e nos partidos políticos. Neste campo resulta moi valiosa a afirmación de D. Tomás Malagón: “Facer Igrexa é a mellor forma de facer sociedade”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Valentes!

Escribía A. Einstein que “A vida é moi perigosa. Non tanto polos que fan mal, senón polos que sentan a ver o que pasa”. Poden estar seguros de que non é este o caso dos misioneiros. Os seus testemuños, tantos e tan valentes, están tan preñados de situacións límite que, con frecuencia, poñen en risco as súas propias vidas. A recente liberación do sacerdote salesiano indio Padre Tom Uzhunnalil, o pasado mes de setembro, tras ano e medio de cativerio en Iemen, é un de tantos exemplos que confirman e xustifica o lema deste ano: Sé valente, a misión agarda por ti.

A Igrexa celebra, nun ambiente de festa, a Xornada Mundial das Misións (o día do DOMUND). Esta xornada mundial, en España, organízaa a dirección das Obras Misionais Pontificias. E tivo o seu fantástico escenario de inauguración de campaña, este ano, na Catedral de Santiago. Alí, a popular cantante galega de pop-rock, natural de Boimorto, pronunciou un fermoso e comprometido pregón do Domund. Fun testemuña directa do seu profundo e confesante verbo o pasado 11 de outubro ás 20:30 horas. Así definiu ela aos misioneiros: “Son eses seres elixidos para soportar as dificultades. Bravos e obedientes fillos dotados de paciencia e fortaleza. Benevolentes coas debilidades. Exemplos de resistencia moral. Mostran a cotío como a compaixón activa está nas entrañas da súa misión e vai máis aló da solidariedade.

“Sen patrias nin bandeiras, abandonan o proxecto de vida propia, orientada cara ao seu propio interese, por unha comuñón fraterna. – A liberdade non é maior cando se pode facer o que a un lle peta, senón cando se elixe o bo, o belo e o verdadeiro, aínda que esa decisión comporte o sacrificio dun mesmo por un ben maior-.

“Heroes anónimos, que nas súas viaxes ao inferno acaban por alcanzar o ceo ao xuntar con tenrura as súas mans a outras mans. Estes 13.000 misioneiros españois están dispostos e empéñanse en cruzar medio planeta para poñer en práctica e materializar o seu idealismo, saíndo da comodidade do noso mundo cotián, para escoitar o latexo da dor dos perseguidos, dos esmoleiros e marxinados, chegando ata a arriscar a propia vida…”.

Certamente, os misioneiros non son uns valentes aventureiros. Non conducen motos a 300 quilómetros por hora nin escalan os cumes máis altos. Son persoas vocacionadas que sentiron a chamada de Deus e dixéronlle que si. Son enviados por Cristo a través da súa Igrexa para anunciar a todos, sen excepción nin distinción de ningún tipo, o coñecemento da Verdade, o Camiño da Luz e a Boa Nova da salvación. Eles levan o amor de Deus aos máis necesitados. Dio ben o Papa Francisco, con motivo desta Xornada, ao lembrarnos que “a misión da Igrexa non é a prolongación dunha ideoloxía relixiosa, nin tampouco a proposta dunha ética sublime”. É, sobre todo, o anuncio explícito e gozoso de Cristo morto e resucitado. De Cristo, da súa presenza na historia, onte, hoxe e sempre, xorde esta imparable forza que xa ten máis de 2000 anos de historia. É así, porque o belo, o bo, o santo, contáxiase cando alguén se achega á mensaxe de Cristo disposto a deixarse tocar e embriagar. Porque non hai nada que teña máis forza có amor. O que ama constrúe grandes obras e percorre grandes distancias. Pasiño a pasiño, porque tamén o camiño máis longo iníciase cun primeiro paso. Por iso, con motivo do Domund, pídesenos apoiar a causa misioneira coa conciencia fonda de que a misión espéranos a todos.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

É lícito pagar imposto ao César ou non?


Non é doado comprometer a Xesús con preguntas. No Evanxeo do vindeiro domingo os fariseos vólveno a intentar. Xesús unha vez máis sae airoso cunha resposta sinxela pero suficientemente clara: “dade ao César o que é do César e a Deus o que é Deus”.
Fai uns días reflexionabamos sobre que non sempre é necesario escoller ou excluír algunha das dúas partes. As cousas de Deus e as cousas do mundo teñen a súa respectiva autonomía, pero iso non implica unha exclusión forzosa, máis ben todo o contrario: unha colaboración e complementariedade necesarias. Reproduzo a continuación as palabras de Jaume Grane na revista Misa Dominical 2017/13 nas que se nos explica ben cal debe ser a nosa actitude respecto “ao César” e a Deus.

«Os cristiáns temos unha dobre obediencia: á sociedade civil e á Igrexa. Nós non podemos eludir as chamadas do Señor para que nos dediquemos á construción dun mundo máis xusto e humano. Nin podemos soslaiar os problemas da nosa sociedade co argumento de que nós somos “cidadáns do ceo”.
O noso compromiso con Deus e coa sociedade non o podemos concibir como situados en dous hemisferios diferentes; nin tampouco que debemos repartirlles as nosas enerxías ao 50%. A nosa persoa, a nosa vida, témola que poñer a disposición de ambos.
Cando nós, na Igrexa, acollemos a Palabra de Deus e celebramos a Eucaristía tamén nos estamos poñendo a punto para o traballo social. Cando achegamos o noso gran de area por mellorar a sociedade, de feito, estamos servindo ao Señor e cumprindo a súa vontade» (MD 13, 2017/13, pág. 14)

Tamén é certo que ás veces hai leis civís contrarias ao Evanxeo. Nestes casos sempre temos a opción da obxeción de conciencia. É o caso claro, por exemplo, do aborto (agora disfrazado como un dereito), no que a Administración non pode obrigar a un médico a practicalos.
Pero estraña como, nunha sociedade moderna e progresista como a occidental, haxa quen queiran negar o dereito á obxeción de conciencia ou que a Igrexa poida expoñer públicamente a súa mensaxe. Quérese liberdade para todos, menos para os cristiáns.
A sociedade non é allea para a Igrexa, pois todos os membros da Igrexa tamén o somos da sociedade na que estamos integrados. Por iso a Igrexa ten unha palabra para as distintas realidades sociais, e non só para a vida interior de cada persoa en particular.
Esa palabra recóllese no que chamamos a Doutrina Social da Igrexa (DSI), onde se abordan temas como a economía, o traballo, o paro, a folga, a política, os dereitos humanos etc. A DSI é bastante descoñecida. Algúns sorprenderíanse do que a Igrexa di dalgunhas cousas destas das que falan os políticos todos os días.
Para os que queiran coñecer a DSI temos agora un resumo moi asequible. Trátase do DoCat, que facer?. Unha obra sinxela (e barata) para achegarnos a estes temas que son importantes para a sociedade e saber o que di a Igrexa sobre eles. Ademais, desde fai unhas semanas, o bispo Munilla no seu programa de Radio María (luns e venres ás 8 da mañá) explica cada día un punto do DoCat.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Déixenme falar das misións

Déixenme lembrar ás xentes encantadoras de Burundi e Rwanda, coas que chorei, sorrín e esperei, durante 21 anos, 1973-1994.

Chorei ao atoparme con centos de persoas que carecían de case todo: medicamentos, escolas, auga limpa, alimentos, camiñando cos pés descalzos, durmindo no chan sobre unhas esteiras… Chorando, si, porque non podiamos chegar a todos.

Sorrindo e festexando a construción de escolas, a mellora de vivendas, a construción de centros de saúde e dotación de medicamentos, repoboación de árbores, cooperativas, escolas artesanais (carpintaría e albaneis) e fogares de formación de mozos: costura, cociña, atención familiar.

Os espazos aos que son nomeados os misioneiros polos seus bispos cambiaban en poucos anos. A súa ausencia polas guerras devolvía ás xentes ás súas estreiteces. “Vós sodes a nosa voz, non vos vaiades“.

Como era posible este necesario cambio social?: grazas a Cáritas nunca faltaba nas reunións parroquiais un relato dos necesitados: anciáns, viúvas, orfos, enfermos. Para eles alimentos e axuda no traballo dos seus pequenos hortos. En Cáritas diocesanas atopábanse medicamentos, roupas, alimentos. Todo facilitado por Cáritas internacional (aceite, millo, trigo troceado, fabas, leite en po…).

Viviamos en esperanza. Escribir a Mans Unidas e esperar resposta era unha garantía de que chegaría algo/moito; e así chegaron axudas para mellora de vivendas, escolas, salas polivalentes, traída e depósitos de auga, medios de transporte, iluminación con placas solares en centros comunitarios, granxas…

A presenza do misionero era reflexo da alegría do Evanxeo. Sentiámonos moi a gusto con aquelas xentes que chamabamos os nosos irmáns.

Ofrecémoslle o que constrúe a humanidade: o valor das súas vidas ante Deus, a oferta do perdón dun Pai cheo de misericordia e bondade, a novidade do Evanxeo fundado na vida e mensaxe de Xesús.

A súa resposta á graza manifestábase nun desbordamento de festa na Pascua de cada ano cos centos de bautizados logo de tres anos de preparación. A graza de Deus non caeu en balde.

Se houbo desordes e mortes non foron causados polos crentes senón por brotes incomprensibles de egoísmo.

Grazas, misioneiros de Lugo. Grazas aos amigos das misións pola vosa proximidade.

Fray José Estévez Iglesias – mercedario en Sarria

Unha voda e un traxe

A parábola do próximo domingo é unha tanto estraña e un pouco complicada de comprender. Sorprende moito o seu final, aínda que non tanto o que Xesús quere transmitirnos.

Un rei invita aos seus amigos á voda do seu fillo, pero estes non aceptan a invitación. O rei enfádase e manda aos seus criados que inviten a todos os que atopen polos camiños, malos e bos. Ata aquí non hai nada que obxetar, máis ben todo o contrario: un rei que se achega ao seu pobo e dálles a todos a oportunidade de participar na voda do seu fillo.

O problema vén cando algún dos invitados vai sen traxe de festa e é reprobado polo rei. Ninguén pensaría que invitando a todos, bos e malos, ricos e pobres, o rei fose chamarlle a atención a un que non tiña traxe de festa.

Esta parábola é a historia dun pobo que se pode repetir en calquera momento e da que nós tamén podemos ser protagonistas.

Ao longo de moitos anos Deus enviou aos profetas coa mensaxe que invitaba á voda do seu fillo, Xesucristo. Unha voda preparada con moitos traballos e sacrificios. Pero aqueles mensaxeiros non foron ben recibidos e algúns asasinados. Por suposto que aqueles invitados do primeiro momento non quixeron asistir á voda.

Noutro momento o Señor fai partícipe desta voda a todo o mundo, xa non só aquel pobo escollido. Pero a invitación esixe aos invitados o esforzo de aceptar as condicións daquel banquete: ir con traxe de festa.

O día do noso bautismo déusenos a todos un traxe de festa, unha vestidura branca e limpa sen ningún tipo de mancha, signo da nosa dignidade de cristiáns e de fillos de Deus. A nosa tarefa, desde que alcanzamos o uso de razón, é manter ese vestido branco e limpo. É inevitable que se ensucie con máis ou menos frecuencia, pero o mesmo Cristo derramou o seu sangue para que podamos lavalo nela.

Polo tanto, non hai escusa para non ir á voda ou non levar vestido de festa: temos un traxe branco que nos foi dado gratuitamente e temos a forma de lavalo cando se ensucie. Deus previuno todo.

O evanxeo do vindeiro domingo, con todo o que ten de advertencia, énchenos de consolo. Deus conduce a historia a un final feliz; o seu amor é universal e esténdese a todos os homes, sen excepcións e ata preferindo aos desherdados deste mundo. A nosa vida é unha preparación alegre para ese encontro con Cristo, quen xa nos deu a súa graza e quere que a conservemos vivindo a caridade. Así, recordémonos uns a outros o gran amor que Deus nos ten e axudémonos a preparar ese gran encontro con El.

Miguel Ángel Álvarez

Falando baixiño, nº 161

Imaxe: cathopic.com

A %d blogueros les gusta esto: