Fai memoria de Xesucristo

“Fai memoria de Xesucristo, resucitado de entre os mortos” (2 Tm 2,8). Todos levamos na mochila da vida recordos agarimosos de algunhas persoas, acontecementos ou lugares. Quizáis o encontro cunha persoa ou unha grata experiencia nos empurrou a cambiar o punto de vista, o enfoque mesmo da nosa vida.

Iso precisamente lles pasa a moitos peregrinos que se acercan a un santuario. Xa sexa ao Cebreiro, aos Miragres de Saavedra, a Nosa Señora do Corpiño, a Santiago de Compostela, a Fátima (Portugal) ou a Lourdes (Francia). Moitos deses peregrinos, ao recordar estas experiencias, poden facer memoria do paso de Xesucristo pola súa vida. Non se trata de momentos de éxtasis, nin fenómenos paranormais, nin moito menos de “cicloxéneses espirituais”. Máis ben é un susurro, un empuxón á confianza, algo moi leve que os remova por dentro, que lles toque as fibras máis internas.

A sociedade actual fai que as persoas sexan desconfiadas, que non queiran que os demais coñezan as súas debilidades. Desconfían do veciño, do médico, do político, do cura, do mesmo Deus… E pensan que só buscan o seu egoísta interese e os queren enganar. Porén cando se senten febles, cando os brotes da enfermidade deixan pegada no seu corpo, cando necesitan que os familiares e amigos lles boten unha man nas tarefas nas que antes eran autónomos, cando experimentan que ter poucos anos non significa estar san, en definitiva, cando a enfermidade e o sufrimento chegan á súa vida, é cando se decatan de que son finitos. Todos quereriamos ser infinitos, valernos por nós mesmos moitos anos, pero a vida dinos o contrario. Nese momento caemos nunha fonda depresión, que só se poderá xestionar e da que só se poderá saír se se encontran persoas axeitadas que nos mostren o  cariño necesario.

Son moitos os que nun santuario encontraron a gracia da confianza, da aceptación da súa propia enfermidade, da non rebelión contra o sufrimento. Persoas que nalgún santuario encontraron a gracia de aceptar a enfermidade e saír da etapa de depresión que se dá despois de diagnosticarlles unha enfermidade. Peregrinos que a partir dese momento se encontraron acompañados no sufrimento e sostidos na vida por Deus, que se fixo home en Xesucristo e nos deu a súa Nai, a Virxe María, para que nos console. Bendita enfermidade se lles fai reorientar o punto de vista na vida; se lles fai tomar conciencia da súa finitude, de que o sufrimento foma parte da  vida, de que sentir compaixón e axudar ao irmán que sofre é o camiño que nos leva a felicidade nesta vida. E o que é máis importante, a felicidade eterna. O ceo vai ser un gran santuario onde nos encontremos os peregrinos da vida, os que intentamos pasar facendo o ben, como o fixo o noso Mestre e Señor, Xesucristo.

Por todo isto, dende a Hospitalidade de Lourdes da Diocese de Lugo, seguiremos peregrinando ó Santuario de Lourdes. A próxima peregrinación será dende o 25 ata o 29 de xuño. Peregrinamos, en primeiro lugar, para agradecerlle á Nosa Señora, a Virxe María os regalos que cada día da nosa vida nos concede é, en segundo lugar, para facer posible que outras persoas experimenten a gracia de estar nun dos grandes santuarios da Igrexa Católica.  E aos que non podedes peregrinar, témosvos moi presentes sempre na oración, para que a Nosa Señora de Lourdes vos manteña fieis ao Señor e vos acompañe coa súa protección.

Manuel Otero Méndez

Consiliario da Hospitalidade de Lourdes na Diocese de Lugo.

Quen fala de Josefina Bakhita?

No meu artigo “Dialogar e actuar con datos ou con estereotipos” poñía como 1º exemplo da aplicación de estereotipos o da “canonización exprés de Escrivá de Balaguer”. Subliñaba que o Papa destacaba á persoa beatificada con Escrivá, Bakhita, e non dicía o seu nome. Hoxe vou afondar na súa vida coa brevidade que permite este espazo.

Entre os santos canonizados nos últimos 25 anos a Santa Sé, a través dos tres últimos papas, destaca como exemplo para os cristiáns a esta ex-escrava sudanesa. Vexámolo nos seguintes feitos e textos:

XOÁN PAULO II, que a beatificou con Josemaría Escribá, canonizouna dous anos antes que a el, a pesar de ter este detrás unha poderosa organización na Igrexa. Da homilía da beatificación conxunta destaco:

“Na Beata Josefina Bakhita atopamos tamén unha testemuña eminente do amor paternal de Deus e un SIGNO esplendoroso da perenne actualidade das BENAVENTURANZAs (…) O Señor preséntanos a sor Bakhita como irmá universal, para que nos revele o segredo da felicidade máis auténtica: as benaventuranzas… Ela deixounos un testemuño de reconciliación e de perdón evanxélico”

Nesa homilía tamén fala de Escribá e exhorta ós seus seguidores “á santificación e a unha máis xenerosa participación na vida eclesial, sendo sempre testemuñas dos xenuínos valores evanxélicos, o que se traduce nun ilusionado dinamismo apostólico, CON PARTICULAR ATENCIÓN CARA OS MÁIS POBRES E NECESITADOS

Na Canonización de Bakhita Xoán Paulo II salienta que era unha avogada brillante da auténtica emancipación, que o exemplo da súa vida non leva á pasividade, senón a un compromiso de traballar arreo por librar a nenas e mulleres da opresión e violencia, e devolverlles a dignidade con tódolos seus dereitos.

BIEITO XVI na encíclica “Spe Salvi” dedica tres números a resaltar esta Santa, dos que destaco:

“O exemplo dunha santa do noso tempo pode en certa medida axudarnos a entender o que significa atopar por primeira vez e realmente a este Deus (…) A esperanza que nela nacera e a «redimira» no podía gardala para ela soa; esta esperanza debía chegar a moitos, chegar a todos” (nº 3)

“É fácil darse conta de que a experiencia da pequena escrava africana, Bakhita, foi tamén a experiencia de moitas persoas maltratadas e condenadas á escravitude na época do cristianismo nacente. (…) O que Xesús trouxera, morrendo El mesmo na cruz, era algo totalmente diverso: o encontro co Señor de tódolos señores, o encontro co Deus vivo e, así, o encontro cunha esperanza máis forte que os sufrimentos da escravitude, e que por iso transformaba desde dentro a vida e o mundo” (nº 4)

“A Primeira Carta ós Corintios (1,18-31) móstranos que unha gran parte dos primeiros cristiáns pertencía ás clases sociais baixas e, precisamente por iso, estaba preparada para a experiencia da nova esperanza, como vimos no exemplo de Bakhita” (nº 5)

FRANCISCO, o Papa actual, instituíu o 8 de febreiro, día no que se celebra a festa de Sta. Josefina Bakhita, como o día de “oración, reflexión e loita contra a escravitude e a trata de persoas” (a primeira en 2015). Invita a diversos movementos de Igrexa a organizarse para rezar e loitar contra a trata de seres humanos. E recordo este texto do Papa:

«O tráfico de persoas é un crime contra a humanidade. Debemos unir as nosas forzas para liberar ás vítimas e deter este crime que é cada vez máis agresivo, que ameaza, ademais de ás persas, ós valores fundamentais da sociedade e tamén á seguridade e á xustiza internacionais, así como á economía, á estrutura familiar e á vida social».  (Francisco, 12-XII-2013)

O lema para a xornada de 2015 era: “ENCENDE UNHA LUZ CONTRA A TRATA DE PERSOAS”. No “Angelus” dese día (8 febreiro) daba alento e ánimo ós comprometidos contra a trata, escravitude, explotación… e facía un chamamento ós gobernos a eliminar as causas desta vergonzosa praga.

Non pretendo avaliar as razóns dos pontífices nesta cuestión, pero si que me chama a atención que se fixaran nesta sinxela muller e que a propoñan con reiteración como modelo de vida cristiá. En nós está acoller, ou non, esta proposta de vida. Isto tamén nos mostra que a opción polos pobres destes papas parece máis seria ca do conxunto dos bispos, teólogos, presbíteros relixiosos e leigos ou ¿acaso esaxero?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Cambios acaecidos e… por acaecer

Despois das pasadas eleccións catalás do 21 de decembro hai comentaristas e cidadáns que din que a situación volve a ser como antes. Pero iso non é verdade pois moitas cousas cambiaron considerablemente. Non estamos no punto de partida, senón que o acaecido ponnos nunha realidade distinta. Ademais, loxicamente seguirán producíndose cambios a curto prazo.

1) Na vida sociopolítica xa se produciron diversos cambios e entre eles eu quero resaltar os seguintes:

a) O primeiro é constatar que baixou moito o temor a aplicar o artigo 155 da Constitución. Mesmo nalgúns grupos políticos desapareceu por completo ese temor. Xa tódalas autonomías saben que existe ese artigo e que se pode aplicar sen maiores dificultades.

b) Por primeira vez o Goberno Central destituíu a un Goberno Autonómico e, por tanto, hai precedente para poder facelo máis veces. Este feito queda xa na memoria colectiva para ben e para mal. Ademais, pódese disolver un Parlamento Autonómico e convocar novas eleccións.

c) Case todos sabiamos que non ían ter apoio da Unión Europea, da ONU nin doutros países como anunciaban. Agora é claro para cataláns e demais españois que ese apoio non existe.

d) Tamén se sabía que se irían moitas empresas, aínda que as autoridades catalás preconizaban que non marcharía ningunha e mesmo virían instalarse moitas. Agora é evidente que as empresas marchan neses procesos.

Engadiría un pequeno comentario ao dato da obediencia da Administración Autonómica ao Goberno Central despois do 155: Penso que iso non debe sorprender, pois as persoas cando gañan 20.000 € ao ano ou máis, en xeral non están dispostas a arriscar a súa estabilidade por aventuras. Queren manter o seu nivel de vida e coa independencia había serias dúbidas. A medida que aumenta o nivel de riqueza aumenta xeralmente o conservadurismo do que se ten. Como isto non está ben visto, para tranquilizarnos e manipularnos a conciencia, fannos pasar por progresistas propostas políticas que son atentados contra a vida…

2) Por outra parte a curto prazo penso que cambiarán algunhas cousas. Sinalo dúas:

a) Antes de que pasen 5 anos PSOE e PP deberán apoiarse nos Orzamentos Xerais do Estado. Aínda que non se decatasen polo de agora é evidente que, o feito de que nunca o fixesen, perxudícaos como partidos, perxudica aos seus votantes e tamén ao conxunto dos españois en orde a un desenvolvemento equilibrado do país.

Se no pasado, en vez de pactar os Orzamentos cos partidos nacionalistas, tiveran pactado coas federacións rexionais do PSOE ou PP (incluídas as de Cataluña e Eukadi)… debilitarían aos nacionalistas e fortaleceríanse eles. Serían eles os que levan algo para as diversas comunidades autónomas e non os nacionalistas (Isto axuda a entender os resultados do 21 de decembro pois os nacionalistas case sempre levaron algún beneficio para a Autonomía). O mesmo vale para Cidadáns e Podemos.

b) Outro cambio, que xa se empeza a percibir, é que cos programas educativos non se controla a poboación en sociedades abertas. Tamén Franco quixo controlala, e cara o final do franquismo a Universidade e os Institutos eran da ideoloxía totalmente contraria ao réxime. Vén ser o que se chama a lei do péndulo da historia. Pero que quede claro que con isto non quero cuestionar a importancia fundamental da educación.

3) Os apartados 1 e 2 anteriores están dentro do que é a democracia representativa vixente e homologada na Unión Europea. Non se debe esquecer que os Gobernos teñen a supervisión política, económica e xurídica da UE, así que as Autonomías ou Rexións téñena dos Gobernos (esixencia tamén da UE).

Outra cuestión sería proxectar o qué facer para apostar por unha maior xustiza e democracia tendo presente que somos unha única humanidade.

É certo que temos que afrontar a solución dos problemas dos empobrecidos e famentos, dos refuxiados e inmigrantes mediante unha solidariedade universal. O Mediterráneo ten que deixar de ser un gran cemiterio. Hai que pór fin á violencia e ás guerras, á trata de persoas, á escravitude infantil… Aquí debe estar o compromiso ético e político máis importante. As accións guiadas polo egoísmo agravan a situación dos empobrecidos.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Da xenofobia á “xenofilia”

Nos últimos tempos na Opinión Pública parece que non hai lugar para os migrantes, sobre todo para cooperar con eles á solución dos seus problemas dende a solidariedade. Esta é a forza dos pobres, xa que pobre + pobre +… = forza solidaria.

A Santa Sé segue convocando aos Católicos, e a toda persoa de Boa Vontade, a ter un día para os migrantes co fin de que revisemos o trato que lles dispensamos e, despois, profundizar no compromiso solidario facilitando a súa incorporación á vida social do país con tódolos seus dereitos.

Non deixa de sorprender que, a pesar de ser xa a 104 Xornada Mundial das Migracións, teña esta tan pouco arraigo na vida das comunidades cristiás e na vida social. Por outra parte a ONU tamén leva convocadas xa 18 Xornadas Mundiais das Migracións, pero faino o día 18 de decembro. Na Igrexa celébrase en xaneiro o domingo posterior ó Bautismo de Xesús, despois do día da Adoración dos Reis Magos, tempo no que temos presente a fuxida de Xesús para converterse nun refuxiado en Exipto (Mt. 2, 13-15), feito que lembra o Papa Francisco na mensaxe deste ano.

Na actualidade vemos que en Europa emerxen movementos sociais xenófobos, que non son aceptables por tres razóns:

1) Son unha negación dos Dereitos Humanos, xa que o artigo 13.2 recoñece o dereito a emigrar e volver ao país.

2) Negan a ciencia, pois o ADN mitocondrial revélanos que somos unha soa humanidade descendentes dunha única “Nai” (Eva), por tanto, somos da mesma familia.

3) Tamén van contra a esencia do cristianismo, xa que cremos nun Deus Pai-Nai común (Noso), nun único Salvador, Xesucristo, e nun único Espírito Santo que nos vivifica.

Por iso é de razón e de xustiza rexeitar a xenofobia e promover a XENOFILIA (e pedir que se inclúa a palabra no dicionario da RAE como xa o está noutros dicionarios).

Na mensaxe deste ano o Papa úrxenos aos membros da Igrexa Católica a asumir unha grave responsabilidade ante os migrantes cando escribe: “A cada ser humano que se ve obrigado a deixar a súa patria na busca dun futuro mellor, o Señor confíallo ao amor maternal da Igrexa”. A pregunta para un autodiagnóstico que debe facer cada un dos Católicos é: Temos este amor maternal para cada migrante?. Pero tamén urxe a todos a ter unha ética na vida sociopolítica, é dicir, a ser humanistas en serio cando afirma, citando a Bieito XVI (Cáritas in Veritate 47), que: “O principio da centralidade da persoa humana (…) obríganos a antepoñer sempre a seguridade persoal á nacional”. Dito doutra maneira, as persoas son o primeiro, son sempre un fin e nunca un medio.

A actual mensaxe de Francisco está redactada en torno a catro verbos, que son: ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER e INTEGRAR aos migrantes e refuxiados. Na mensaxe vai propoñendo moitas accións concretas como que poidan abrir contas bancarias, teñan dereito a ter sempre consigo os documentos de identidade, dereito de reunificación familiar (inclúe avós, irmáns e netos), a abrir corredores humanitarios, ter unha nacionalidade desde o nacemento, dereito a asistencia sanitaria, liberdade de profesar e practicar a propia fe, inserción sociolaboral…

O Papa lembra tamén o compromiso que os Estados asumiron no cumio das Nacións Unidas do 19 de setembro de 2016 para elaborar e aprobar antes do fin do ano 2018 dous pactos globais, un dedicado aos refuxiados e outro aos emigrantes.

Así que entendo que todo cidadán, se non quere ser un perigo para a convivencia social (nese caso a sociedade tería dereito a defenderse del), debe ser ético e xusto e, por tanto, ter claro que os migrantes son persoas e non forza de traballo, que a persoa migrante ten a mesma dignidade humana e os mesmos dereitos humanos cós demais, que tamén teñen dereito a emigrar e igualmente teñen dereito a permanecer no propio país, e nos dous casos poder conseguir un nivel de vida digno.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deus como antídoto

Sospeito que xa nos estamos acostumando a ver todos os días casos de violencia de todo tipo: de xénero, escolar, abusos sexuais, acoso nas redes sociais, insultos, apoloxía de agresións, etc. E igualmente, tamén nos estamos afacendo ás mostras de repulsa, que case facemos de oficio: unha declaración, un manifesto, un lazo, unha cor, unha pancarta, unha concentración de apoio…

Ata parece que esperamos este tipo de noticias do mesmo xeito que as indicacións do informativo meteorolóxico: “a ver onde chove hoxe” ou “a ver onde asasinan hoxe a outra muller”. Polo mesmo, falamos igual do tempo que dos casos de violencia ou de viños. Todos sabemos de todo e todos opinamos de todo, buscando as causas, pois as consecuencias están á vista.

Con todo, creo que estamos fallando ao apuntar as causas desta espiral de violencia, que segue aumento e que para nada son xa casos illados. Probouse coa „Educación para a cidadanía“, pero non estamos vendo resultados. As campañas de concienciación en favor da paz, a non violencia e o respecto dos dereitos humanos son moi abundantes e, de feito, a sociedade está moi sensibilizada con este tema, pero con demasiada frecuencia temos que presenciar sucesos terribles, nos que o denominador común é a violencia, que terminan coa vida de moitos ao longo do ano.

A miña perspectiva histórica é reducida, só duns 40 anos. Se miramos atrás vemos como a violencia foi aumentando na mesma medida na que descendeu a presenza de Deus na sociedade. Dito doutro xeito, apartamos a Deus das nosas vidas e introduciuse, sen decatarnos, a violencia. Sen Deus impera a lei da selva, que xa sabemos en que consiste: as únicas normas son a da forza e a do propio interese.

A isto teriamos que engadir as descoñecidas consecuencias da ditadura do relativismo e do políticamente correcto.

Termino con dúas citas bíblicas que avalan o título deste artigo.

“Moisés fixo unha serpe de bronce e púxoa sobre un mastro, e se alguén fora mordido por unha serpe, miraba fixamente a serpe de bronce e vivía.“ (Nm 21, 9)

“Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere“. (Xn 3, 14-21)

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada

Imaxe: Elentir

A %d blogueros les gusta esto: