Pentecoste, a hora da substitución

Na historia do home está sempre a pegada de Deus.

Na creación do home está impresa a pegada de Deus Pai, que fixo ao home un pouco inferior aos anxos. Na redención está impresa a pegada de Deus Fillo, que se revestiu da natureza humana, enriquecéndoa coa súa santidade e rescatándoa co sangue da súa sacratísima humanidade. E na santificación do home está impresa a pegada do Espírito Santo, que en Pentecoste inaugura a vida da Igrexa, mantendo nela a unidade e a universalidade, como continuación da misión mesiánica de Cristo.

Certo que a creación, redención e santificación son pegadas do mesmo e único Deus, aínda que, con pedagoxía catequética, atribúanse distintamente a cada unha das persoas da Santísima Trindade.

Concluída a súa misión, o Pai dixo aos homes: “crecede e enchede a terra”.

Tamén Xesús expirou dicindo: “Todo está cumprido… Recibide o Espírito Santo…” E en cumprimento da promesa do Señor, o día de Pentecoste, estando os apóstolos reunidos, aparecéuselles o Espírito Santo, poñéndose encima de cada un deles. Desde aquel intre os Apóstolos, cheos do Espírito Santo, comezaron a falar en linguas estranxeiras, facéndose entender por todos os alí presentes procedentes dos máis diversos países.

A promesa de Xesús estaba cumprida. O Espírito Santo descendera sobre os Apóstolos e María Santísima.

Pero quen é e como é ese personaxe que vén continuar a obra de Cristo na Igrexa?. O Espírito Santo é a máxima autodoazón de Deus aos homes. O Espírito Santo é toda a forza de Deus sobre a debilidade humana. É toda a Luz de Deus sobre as tebras do mundo. É todo o Amor divino sobre o corazón dos seus fillos. Ao Espírito Santo non podemos definilo, porque transcende toda definición posible.

Temos que valernos de símiles para falar do Espírito Santo.

O evanxelista san Lucas di que é como un vento tempestuoso que nos pon en movemento cara a Deus; que é como o aire que respiramos, o cal impide que nos asfixiemos espiritualmente; que é como atmosfera que renova, purifica e permítenos seguir vivindo como cristiáns.

É como lume que purifica e acende; é o lume que Xesucristo veu traer á terra: o Amor.

A imaxe máis clarificadora é a que utilizou Xesús: “exhalou o seu alento sobre eles”. O Espírito é alento que dá vida divina ao que non a ten e que resucita ao que a perdeu.

Deus sérvese das criaturas segundo o beneplácito da súa vontade. Os seres irracionais non son responsables dos servizos que prestan, porque non son conscientes da utilidade que achegan. O comportamento de Deus coas persoas é distinto. A nós o Señor non nos utiliza: enriquécenos cos seus dons e carismas, e espera abundantes froitos de tan ricas dádivas.

A sementeira é garante de abundante colleita, pero a terra condiciona o froito.

As persoas somos inmensamente valoradas polo Señor, á vez que debedores dos dons do seu Espírito.

Nós somos a terra que condiciona os froitos deses dons. Coidémola para que a semente do Espírito produza en nós abundantes espigas, ricas en exemplar comportamento.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Cristiáns asintomáticos á espera de novo Pentecoste

Esta tempada oímos moitas veces a palabra «asintomático», referida a aquelas persoas que se contaxiaron do virus, pero non tiveron síntomas e que pasaron a enfermidade de maneira satisfactoria e sen consecuencias.

Pero o que vale para o virus, non é bo para a vida cristiá. Que un cristián non dea síntomas da súa fe en Xesucristo non é normal. Se dicimos que somos cristiáns, pero a presenza, teórica, de Xesucristo na nosa vida non produce ningún síntoma que poida ser percibido (en primeiro lugar, por nós mesmos e despois polos demais), mal vai a cousa.

Por iso non nos podemos enganar. No caso do coronavirus pódese pasar a enfermidade de xeito asintomático. Pero se os cristiáns non mostramos síntomas da nosa condición, temos que facer unha profunda reflexión para non seguir vivindo nunha mentira e deixar de perder o tempo.

É certo que ás veces, desde a Igrexa, aferrámonos a calquera vestixio que mostre un mínimo de vida cristiá e que xustifique moitas das cousas que facemos os curas. Pero a realidade é que tamén isto é un autoengano.

Pero do mesmo xeito, tamén digo que esta ten que ser unha ocasión para purificar a nosa condición de bautizados, aínda que isto supoña empezar de cero. Temos que chegar a ser cristiáns que dean síntomas de que Cristo habita en nós ou non seremos nada. Cumprir coas tradicións só por cumprir xa só serve para que as estuden os antropólogos culturais, pero para nada máis.

Nos días pasados dicía que o coronavirus acelerou aínda máis un proceso de enfraquecemento da vida cristiá que xa avanzaba a bo ritmo en Occidente. Sígoo dicindo e cada vez máis convencido. Moitos templos xa só abrirán para os funerais e o día da festa da parroquia no mellor dos casos.

Temos que revitalizar as consecuencias de ser fillos adoptivos de Deus polo Bautismo. Temos que superar o medo e a vergoña a actuar e pensar como verdadeiros fillos de Deus. Non é calquera cousa, é, sen dúbida, a mellor das opcións: gozar da presenza de Deus e sabernos salvados para toda a eternidade polo seu Fillo Xesucristo.

Esta é a miña reflexión aos poucos días da gran solemnidade de Pentecoste que pon fin aos 50 días da Pascua. Xesús non nos deixa sós, non marcha para desentenderse de nós, senón nos que envía ao Espírito Santo defensor, que boa falta nos fai ante este desánimo do noso pobre espírito persoal.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Escrito original]

Cultivar a admiración

Ao principio parece que co namoramento todo é moi doado, tamén cultivar a admiración. Normalmente soemos destacar as cualidades da outra persoa, aminorar os seus defectos e mesmo atribuírlle cualidades que non ten. Pero logo coa convivencia, cos egoísmos particulares, parece que algunha desas cualidades, ou que nos parecían cualidades, xa nos moletan. Ou poñemos permanentemete o foco, a mirada, nos defectos do outro. Entón conseguimos unha mirada negativa.

Para transformar esa mirada, para cultivar a admiración, é importante estar actualizados onde está o outro e onde estou eu. Actualizarse en concreto das súas novas cualidades, das súas novas virtudes. Pois a xente vai cambiando. E tratar de recoñecelas, agrandalas, poñer o foco niso, facer un recoñecemento, unha valoración expresa para que mirada se transforme e nos saia de maneira natural. Así podemos descubrir que a parella vale a pena.

Cristina Bandín

Psicóloga colaboradora do Centro de Orientación Familiar Diocesano

Primarias e Democracia nos partidos políticos

É coñecido que os partidos políticos non promoven formación política e democrática para os cidadáns, nin sequera teñen unha mínima formación para quen se afilie ao partido, para que coñeza algo da súa historia e dos fundamentos culturais nos que basear as decisións. Na Igrexa Católica si é normal que haxa formación antes de recibir os sacramentos e para os seus ministros hai un longo período de estudos.
En lóxica consecuencia temos que a formación política, autenticidade humana e responsabilidade ética dos políticos españois é manifestamente mellorable, pensemos nos actuais máximos responsables.
Ultimamente asentouse na Opinión Pública a idea de que as rimarias para elixir aos líderes supoñen a democratización dos partidos políticos. Pero non se fai unha reflexión e análise seria sobre o funcionamento democrático deles. Na praxe o que se fai é copiar o funcionamento dos partidos políticos americanos dos EEUU.
Democratizar un partido suporía que o poder sexa repartido, socializado, entre os seus membros. En toda democracia é indispensable a división de poderes, como tamén é necesario o control dos líderes polos membros da sociedade coas súas diversas institucións, ou do seu partido.
A celebración de Primarias está levando á eliminación dos órganos de control ao líder dentro da organización e a darlle autonomía completa para facer e desfacer. Non hai maneira efectiva de esixirlle que cumpra cun programa (se o hai). A historia recente xa nos ensina que o elixido asume un poder total sobre o conxunto da organización.
Diversos autores constatan que nos procesos electorais a persoa máis importante para un candidato é o director publicitario, asesor de imaxe, director de marketing… Vémolo nos dous seguintes exemplos:

1) Juan Campmany foi o encargado de levar a publicidade do PSOE entre 2001 e 2004 e no libro que publicou despois, El EFECTO ZP, 1000 días de campaña para llegar a la Moncloa, conta que nas fotos da presentación dos candidatos, os homes podían escoller entre: traxe escuro con camisa e gravata, tan só camisa branca e gravata ou o deportivo polo. Para as mulleres: traxe chaqueta con blusa ou camiseta ou, simplemente, blusa. E “Durante a fase final da precampaña e campaña electoral, só contemplamos unha alternativa nas fotografías dos candidatos; traxe escuro con camisa e gravata, para os homes; traxe chaqueta, con blusa ou camiseta, para as mulleres” (pp. 141-142)
A obediencia ao director de imaxe exprésaa con claridade Campmany cando di de Zapatero: “Asumía o guión cunha naturalidade e convicción sorprendentes, cunha espontaneidade que para si quixeran moitos profesionais. Ademais, mostraba unha ductilidade extraordinaria para aplicar, á primeira, as indicacións do equipo. Podiamos advertirlle, poñamos por caso, ‘ollo que en tal punto fixeches un movemento, tal xesto, que non acaba de convencernos; vixía na próxima toma de non repetilo’. E el procedía exactamente como lle pediramos” (p. 244). Cumpría mellor ca se fixera “voto de obediencia”!.
2) Christian Salmon escribiu un libro titulado Storytelling, la máquina de fabricar historias y formatear las mentes, no que conta o feito que lle deu a reelección a Bush no 2004 en contra dos prognósticos. Trátase dun spot de 60 segundos centrado na xove Ashley Faulkner, filla dunha vítima do 11-S, no que hai unha rápida sucesión de planos curtos con diversos testemuños, pero “o Presidente, figura central do relato, non se expresa. Non expón ningunha idea nin presenta un programa. Só é serenidade e bondade. Mediador dunha especie de milagre, só está presente a través das testemuñas que falan dos seus xestos e as súas palabras, como nas vidas dos santos ou o relato evanxélico”. (pp 131-133). Certo que quen non abre a boca non di tonterías!

Este proceso é un xeito de elixir líderes, pero sen ignorar que a historia vivida móstranos que gaña o que teña o mellor e máis eficiente director de marketing, o que minta máis eficazmente…, sabendo que como dicía Campmany: “En publicidade hai que prescindir da explicación do programa…” (p. 186).
Agora lembro a entrevista na radio a un sociólogo que fixera unha tese de doutoramento para ver o que funcionaba e o que non nas campañas electorais. Entón un periodista díxolle: “Eu prefiro aos candidatos que son auténticos”. Respondeulle o doutorando: “Si, unha vez houbo un candidato auténtico e durou 15 días. Outra cousa é dar imaxe de auténtico”.
As Primarias teñen a consecuencia de concentrar todo o poder nunha persoa, no líder, en vez de limitarllo e repartilo máis con institucións de control dentro da organización, o que sería bastante máis democrático.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Infidelidade

A infidelidade é facer dano á intimidade e á seguridade da parella. Unha vez que está rota a confianza pode restaurarse pero require dun duro proceso. Tres pasos son necesarios.

O primeiro é asumir o 100% da responsabilidade da ferida, escoitar ao outro, restaurar a ferida, estar atento ás súas peticións.

O segundo paso ten que ver con revisar a relación antes de que sucedese a infidelidade: que cousas nos unían, que cousas ían ben e tamén que cousas nos afastaron, que lle pediamos á parella, que non obtiñamos.

E o terceiro paso é comprometerse co matrimonio, coa relación, actualizar o proxecto común e adicar tempo de calidade a restaurar a relación.

Cristina Bandín

Colaboradora do Centro de Orientación Familiar Diocesano

[Ver tamén]

 

A %d blogueros les gusta esto: