«Da que Deus mamou o leite do seu peito»

Antonte celebrouse, con solemnidade en Lugo, a festa da Asunción baixo a advocación de A Nosa Señora dos Ollos Grandes, Patroa de Lugo. Fermosísima e agarimosa advocación do pobo de Lugo que en moi breves expresións, recolle unha descrición feliz da actitude que adopta a imaxe da nosa Patroa. Imaxe que, segundo o prestixioso sacerdote e historiador Dr. Francisco Vázquez Saco (cf. Nuestra Señora de los ojos Grandes, Patrona de Lugo, notas históricas, Lugo 1973, 2,1ª edic. ) ocuparía o primeiro lugar en España con tan singular tema iconográfico, xa que unha das máis antigas, unha curiosa miniatura que decora a carta de fundación da Confraría da Virxe María e Santo Domingo, erixida na Igrexa de Tárrega (Lleida), data do ano 1.269.

Así mesmo, no poema de Alfonso X o Sabio temos a testemuña más antiga da celebración da Virxe de Lugo no día da gloriosa Asunción de María aos ceos:

«E ela alí iazendo, fez mui boa uida,

troes que ll’ouue mercée a Sennor conprida

en o mes d’Agosto no día escolleito

na sa festa grande, como uos retreito».

Nas pregarias elevadas polas autoridades lucenses para solicitar a coroación canónica da imaxe da Virxe dos Ollos Grandes ao Vaticano, cítanse dous documentos do arquivo catedralicio nos que se fai alusión aos prodixios que con frecuencia se obraban no templo da Santa María de Lugo. O diploma da concesión ó ponderar os méritos de A Nosa Señora fala dela como «celeberrimam non minus vetustate quam prodigiorum multitudine: celebérrima, no menos pola súa antigüidade que pola multitude dos seus prodixios».

Nestes diplomas antigos do arquivo capitular non soamente se fala do extraordinario número de milagres e sucesos prodixiosos acaecidos por mor da Nosa Señora, senón e sobre todo, da multitude de doazóns, que os devotos, agradecidos aos favores da Señora, facían ante o seu altar. Alfonso VI dá testemuño dos moitos milagres que aquí se obraban e Dona Urraca afirma que eran innumerables e frecuentes os prodixios que facía o Señor por intercesión da súa Nai nesta Igrexa. O rei sabio refírese na cantiga LXXVII a un milagre atribuído á Virxe de Lugo, que titula deste xeito: «Cómo Santa María saou na sa ygreia de Santa María de Lugo hua moller colleita dos pées e das maos». Este relato, segundo o autor, é un resultado de fontes verosímiles, algunhas escritas, orais e outras das que afirma ser testemuña presencial: «que vi, que eu por meus ollos vi». O retrouso resoante que se repite no poema é ao que fai referencia o titular deste artigo:

«Da que Deus mamou o leite do seu peito»

Despois de tantos anos de historia, a cidade e a Diocese de Lugo seguen a rezar e a honrar á Nosa Señora. Durante os días 10, 11 e 12 tivo lugar o Festival Musical da Asunción na nosa cidade. Feliz iniciativa do Cabido e da Diocese de Lugo, coa colaboración do Concello e do Seminario Diocesano baixo a dirección artística de Giulio Mercati e a dirección técnica do coengo Luis Varela Castiñeira. Unha boa ocasión para que a Nosa Señora siga a facer milagres nestes tempos da pandemia e para que os lucenses, ademais de recuperar os bos costumes, como membros da Igrexa, sigamos a contemplar a María seguindo as pegadas dos nosos antergos, como purísima imaxe do que ela mesma é, prenda das mellores esperanzas e desexos de futuro.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

O Feito Diferencial Autonómico ou non tanto…

Os usos propagandísticos dos nosos líderes autonómicos utilizan profusamente a expresión do Feito Diferencial desta ou doutra autonomía.

Vaia por diante que me parece sabia, xusta, eficiente e respectuosa coa dignidade da persoa humana a ensinanza eclesial do principio de subsidiariedade, que afirma que o que pode facer, solucionar unha persoa ou un grupo pequeno non o debe realizar unha instancia superior. Este principio equivale á autoxestión. Significa, por exemplo, que se está a favor da autonomía das familias á hora de xestionar o tipo de educación para os seus fillos e a dos colexios fronte ao Ministerio de Educación, ou os Municipios ante as Autonomías.

A insistente teima sobre o Feito Diferencial non se corresponde realmente coa realidade como intentaremos mostrar a continuación, pero si que máis ben encerra un egoísmo corporativista oligárquico que vén manter o histórico e denigrado caciquismo de séculos pasados.

A pandemia da Covid 19 descubriunos que as residencias de maiores e discapacitados, que son competencia das Autonomías, están en moitos casos en mans de multinacionais, sen distinción de nacionalidades históricas ou non, gobernadas por PP ou PSOE (con Podemos), ou PNV, ou catalanistas, como vemos a modo de exemplo:

-DomusVi (capital francés e inglés), que ten 198 centros e 25.000 prazas, presente nas 17 autonomías.

-CLECE (da construtora ACS da que o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, posúe o 12,52% da propiedade), xestiona 145 Residencias, 92 Centros de Día e unhas 17.000 prazas. Presente en todas as Comunidades Autónomas menos Galicia, Asturias e Navarra.

VITALIA HOME: 3 Sociedades Limitadas con sé en Jersey son os seus accionistas principais con case o 25% do seu capital cadansúa. Posúe 51 Residencias e case 8.000 prazas en 8 comunidades.

-Ballesol S.A. Os 3 donos da aseguradora Santa Lucía teñen sobre o 67% do capital e son dos cen españois máis ricos. Posúen 46 Residencias en 12 autonomías e máis de 7.300 camas.

AMAVIR: 41 residencias (da familia Mulliez, 5ª fortuna de Francia cun patrimonio de 32.000 millóns €), presente en sete comunidades. Xestiona 6.223 prazas.

Outras multinacionais: Colisée (50), Orpea (49), Sanitas Maiores (47)…

As empresas que xestionan o lixo das cidades son de multinacionais da construción como ACS (Urbaser), FCC (das irmáns Koploviz) etc. Un concello gobernado polo BNG outorgoulle a recollida do lixo á multinacional FCC con sé en Madrid encarecendo o custo nun 50%.

Ou a xestión da auga que a multinacional española FCC Aqualia S.A. leva nuns 500 municipios (incluídas 9 capitais de provincia e cidades importantes como Vigo, Alcalá de Henares, Jerez de la Frontera, Mérida, Alcoi, Lloret de Mar, Ponferrada, Medina del Campo…).

En canto a compras, vemos que practicamente en tódalas autonomías teñen Zara, o Corte Inglés… visten o mesmo tipo de vaqueiros… compran os mobles “da república independente da túa casa” (Ikea, fundada en Suecia en 1943), que está asentada en máis de 12 comunidades autónomas.

En alimentación tódalas autonomías teñen unha porcentaxe importante en produtos de Unilever, Nestlé, Gallina Blanca.. ou tendas de Carrefour, Mercadona, Eroski, Alcampo…

Se miramos no que se bebe, pois practicamente o mesmo nos diversos lugares e seguro que un aposta a ganador de que en ningún bar ou tenda de bebidas faltará a consabida Coca-Cola ou Pepsi.

Cando analizamos os equipos de fútbol da tribo (cidade), vese que case ningún xogador é nativo. Pertencen a 10 ou 15 nacións, vísteos unha multinacional de USA (Nike) ou Alemaña (Adidas, Puma) que fabrican a roupa no Terceiro Mundo (Asia…) e as letras que levan nas camisetas refírense a empresas asentadas en Xapón, Emiratos Árabes…

A base cultural de películas, series, músicas vén ser exactamente a mesma, con idioma distinto algunhas veces. Os modos de vida e diversión tamén son intercambiables.

Ao final, o que termina diferenciando ás autonomías é o nome do “cacique” correspondente, pero frecuentemente non tanto a maneira de exercer o poder. Con eses “xefes” xérase unha oligarquía que vive á conta dos empobrecidos aparentando ser os seus benfeitores.

Canto se necesita que exerzamos a nosa liberdade e responsabilidade na consecución do Ben Común para todos!! Ser protagonistas e xestionar o que nos pertence con responsabilidade para todos!!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

P implica q

Quedan afastados xa os meus anos de Universidade onde puiden aprender algo de Lóxica de mans da Compañía de Xesús. Nunca lles estarei demasiado agradecido. Aínda desde a lembranza gardo algúns dos conceptos máis básicos desta disciplina tan apaixonante e tan apegada ao ser humano.

Que é a verdade?, preguntábase Pilatos. Pregunta para nada baladí, que desde a Lóxica recibe múltiples e variadas aproximacións. Que boa e sa a pluralidade. A lóxica axúdanos a tomar decisións lóxicas, permítanme a tautoloxía, e achéganos á verdade, entendámola como a entendamos.

Por acudir ás fontes, tamén nesta cuestión bótanos unha man o bo de Aristóteles cando na súa Metafísica dános unha maxistral lección de lóxica, a saber: “Dicir do que non é que é, ou do que é que non é, é falso, e dicir do que é que é, ou do que non é que non é, é verdadeiro”. Gran tipo este Aristóteles.

Vivimos a época da verdade como imaxe, rodeados de vídeos: que se Facebook, que se YouTube, que se WhatsApp… que se os noticiarios de todas as cadeas de TV… e hai unhas cantas… Nos vídeos hai de todo, algúns mellores que outros. Algúns enganosos, ou construídos a base dun curta e pega que fai que a verdade quede diluída, difuminada ou cernada en función de intereses concretos. Mesmo medios de comunicación máis ou menos públicos, aparecen en ocasións como abertamente parciais nas súas opinións e non só nas súas imaxes. Non estaría de máis un cadriño para poder decidir que medios de comunicación financiamos cos nosos impostos.

Algúns á nosa época posmoderna, denomínana xa, a época da posverdade. Mesmo en filosofía política hai quen fala xa de posdemocracia. Onde imos chegar! Hoxe falamos de cidadanía; bonito concepto, aínda que un servidor, próximo á reflexión filosófico-política da Escola de Frankfurt, prefira seguir referíndose ao conxunto da sociedade como pobo, sendo este un concepto en desuso nesta nosa época lábil. O pobo, e só el, (tampouco nos gustan os poderes fácticos, que como as meigas habelos hainos) o que ten, polo menos até agora, a capacidade de decidir sobre as cousas que lle afectan. Como diría. Habermas, os afectados sobre algo teñen que decidir sobre ese algo.

Hai unha cuestión que afecta de cheo ao núcleo da sociedade: a educación, o ensino. Os que temos fillos sabémolo. Segundo un acertado proverbio africano “necesítase a toda a tribo para educar a un neno”. Non sobra ninguén!

Oito leis educativas desde a tan traída e levada Transición. Aí imos sobrados… Enténdanme a ironía. Pero, a que non saben un dos poucos denominadores comúns a todas elas? A demanda social polo ensino da relixión. Direino en forma de siloxismo para facerlle as honras ao título dese escrito:

Se a escola ten que atender nos seus ensinos á demanda social (o que o pobo pide) e a sociedade demanda -maioritariamente- o ensino da relixión, daquela a escola ten que ofertar ese ensino.

Isto é así, máis aló da colocación, máis acertada ou menos, dos cadriños de elección da materia nos itinerarios formativos ou da consideración que se poida ter sobre se esta elección supón unha perda de tempo ou non.

Falando de cadriños… Será que a solidariedade ou a xustiza entenden de crenzas? Non creo. Coñezo CARITAS desde a infancia e xamais vin que se lle pedise a ningún solicitante de axuda un carné, unha determinada filiación… ou se lle preguntase por cal dos dous cadriños defínese no IRPF ou se marca os dous, cousa que quen isto escribe ten por costume.

Pois terminamos como empezamos… que a lóxica é iso, lóxica. E a verdade, tamén e que benditos cadriños. Onde hai cadriños cheira a liberdade Que P implica q, é así que p, daquela q.

Queque Bayo,

Profesor de Teoría do Coñecemento na UESD

Grazas, avós!

Os avós son os bos da película. Moitas veces viven co desexo de querer dar aos seus netos aquilo que non puideron darlle aos seus fillos. A bondade é connatural ao seu novo rol. Unha verdadeira entrega que non entende de tempo, nin de lugar. Entrega e bondade, os seus dous mellores aliados.

Son bicos, aloumiños, tenrura. Son os brazos onde chorar cando un está triste, os pallasos da festa -se cadra- ou os mellores compañeiros de aventuras. Son animadores deportivos, os fans número un do teu club, uns óptimos creadores de historias, os perfectos cómplices nas falcatruadas e os compañeiros ideais para o estudo.

Aínda que só tivesen un emprego, de súpeto vólvense polifacéticos. Son profesores, xardineiros, cociñeiros, enfermeiros, fontaneiros, electricistas, enxeñeiros, arquitectos… e todo o que os seus netos necesiten.

O seu reloxo excede as 24 horas. A súa semana parece que ten máis de sete días. A súa vida multiplícase con cada sorriso.

Non len a mente, pero saben o que pensas. Non saben hipnotizar, pero durmirse no seu colo é case automático. Quizais non son moi tecnolóxicos, pero o seu teléfono está sempre dispoñible para ti. Aínda que che invadan as présas, cando estás con eles parece que o mundo se detén. Non farán as cousas con moita rapidez, pero saben os mellores trucos para que salga perfecto.

Encántalles dicir que eles molestan, estorban… Pero non é verdade. Sen eles nada é igual.

Son os teus superheroes, os teus mellores amigos, os teus espectadores máis entregados, o teu apoio incondicional, os teus abrazos no inverno e a túa crema de sol no verán.

E cando es neto só desexas: «oxalá, algún día, sexa como el/ela».

E cando miras aos teus pais só pensas: «Que sorte tiveron e canto aprenderon dos mellores profesores!».

Por iso, durante esta pandemia redescubrimos este gran agasallo que temos e tratamos de coidalos como nunca. E un desexo cara a Deus resoa sempre con forza nos nosos corazóns: que os avós sexan eternos, por favor.

Onte, día de Santa Ana e San Xoaquín, os pais da Virxe e os avós de Xesús, celebramos aos patróns dos nosos maiores. Agradezamos ao Señor por eles, os nosos avós, e con renovado empeño coidemos de todos eles. Grazas, Xesús, polos avós!

Nicolás Susena Presas

Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

e párroco de Castroverde

[Artículo en castellano]

Profetismo e cristianismo

A historia humana está saturada de antinomias: o ben e o mal; a xustiza e a inxustiza; o perdón e a vinganza; o poder e a escravitude… e na historia da salvación cobra especial notoriedade o binomio “Realeza e Profetismo”, coas connotacións de abuso do poder por parte da autoridade, e de denuncia por parte do profetismo. O poder corre o risco de autovalorarse, arrogándose atribucións que non lle corresponden, e descoidando o labor de promocionar a comunidade na súa dimensión humana e cristiá.

Pero tamén o profetismo pode corromperse. A súa misión é ser a voz do pobo e, no seu nome, debe denunciar as inxustizas dos xerarcas cos seus subordinados. Para exercer acertadamente o seu labor, o profeta coide non contaxiarse do espírito das clases dominantes, que en ocasións, máis que dar solucións aos problemas do pobo, buscan denunciar á autoridade de quenda, para que a xustiza a sancione como culpable. Con iso estariamos a pór sobre a mesa o binomio “xuíz- acusado”, e a misión do profeta non é reclamar castigo para o causante do mal, senón buscar solucións ás carencias da comunidade, corrixindo cordialmente aos axentes do ben común, polo descoido dos seus labores.

Non esquezamos que o profeta non fala en nome propio, senón en nome de Deus. E Deus non toma a adarga para protexerse do agresor, e menos empuña a espada para ferir ao agresor, senón que tende a man para levantar ao caído e ofrécelle perdón a quen causou feridas.

Pois iso mesmo debe facer o profeta: utilizar o binomio “xuíz-acusado”, desde a perspectiva do pai misericordioso co seu fillo pródigo. Este non achou a casa paterna pechada baixo sete chaves, senón expedita para recibilo, e os brazos do seu pai abertos para abrazalo, e ambiente de festa no fogar, porque o fillo que se fora, volveu a casa.

Así debe actuar o profetismo, converténdose ao amor fraterno do acusado, para que este se convertase á comuñón acolledora da Igrexa.

Denunciar non é acusar. O que denuncia advirte dalgunha deficiencia co fin de emendala. O que acusa delata ao acusado dalgún delito, co fin de que a autoridade competente lle impoña o oportuno correctivo legal.

Para que todo isto leve á práctica, o Papa Francisco róganos que nos convertamos a Xesucristo, para que El sexa o noso modelo; que nos acheguemos aos irmáns e falémoslles ao corazón, sen ferir os seus sentimentos, e que denunciemos os desaxustes do momento, sen culpar deles a ninguén, senón asumindo cos demais, a responsabilidade que a todos nos incumbe.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: