Memoria democrática

O 21 de xullo de 2021 o Goberno aprobou o Proxecto de Lei de Memoria Democrática para a súa defensa. Arredor desta lei óense moitos slogans, manipulacións, frases grandiosas e baleiras de contido… A cuestión relevante é: que memoria democrática quedará da actuación deste Goberno? Para iso convén ter claro o que é unha democracia e como se debe exercer o poder democraticamente. As esixencias teñen que ser as mesmas, tanto para os partidos máis afíns como para os máis opostos.

A democracia deféndese sobre todo exercendo o poder democraticamente con respecto aos dereitos dos demais, e iso vai ser a memoria democrática real que queda “na memoria”. Por iso entendo que é necesario ter claro polo menos o seguinte:

1) A democracia como a mellor forma de goberno das sociedades xustifícase por si mesma. Isto é así para a inmensa maioría dos cidadáns, pois nesta faise un exercicio do poder máis xusto e adecuado á condición humana que o de calquera ditadura ou despotismo ilustrado. A democracia é máis respectuosa coa liberdade e co protagonismo das persoas para construír a sociedade futura coa colaboración de todos.

2) Defender a democracia por medio de leis penais, de leis represivas, manifesta que non se cre que este sistema de goberno sexa o mellor posible ou, o que aínda é peor, que non se está exercendo o poder de xeito democrático. Neste caso o gobernante considérase o único propietario lexítimo do poder e, por tanto, os adversarios son inimigos da democracia e, aínda que fosen elixidos polo pobo, non os consideran gobernantes lexítimos, por iso pretenden reprimilos. Neste senso pode iluminarnos aquela viñeta da revista El Hermano Lobo na que un político dicía nun mitin: “Ou eu ou o caos”, e a xente contestáballe: “o caos, o caos”, entón el concluía: “É o mesmo, o caos sono eu”.

3) Na democracia os gobernantes son servidores do pobo, non xefes de súbditos. Isto maniféstase no exercicio do poder na medida en que respectan aos cidadáns e se comportan democraticamente. Así é importante ver se realmente respectan a separación de poderes, as institucións sociais e os dereitos dos cidadáns (das persoas e das minorías, familias e asociacións). Todos os cidadáns, individualmente ou agrupados, teñen dereitos que o goberno debe respectar, que poden reclamarse nos tribunais ata chegar aos de fóra de España: o de Dereitos Humanos de Estrasburgo ou o da Unión Europea en Luxemburgo.

Para os demócratas é importante que lles quede na memoria consciente que ao goberno se lle pode limitar o seu abuso do poder e así o fixeron os tribunais. Por exemplo:

a) O Tribunal Supremo obrigou ao goberno a darlle ás Comunidades Autónomas o IVE que lles retivera (10-V-21), a que dese información sobre os seus asesores (14-II-21) e que as Comunidades Autónomas paralizasen decretos do Ministerio de Sanidade nos tribunais durante a pandemia do Covid.

b) O Tribunal Constitucional considerou parcialmente inconstitucional o decreto do 1º Estado de Alarma (14-VII-21) e igualmente o 2º (27-X-21), polo que houbo que anular moitas sancións que se aplicaron en base a el. Tamén declarou nulo o peche do Congreso dos Deputados (5-X-21) e anulou o decreto polo que o vicepresidente 2º entraba a formar parte do CNI (13-V-21). Igualmente o Tribunal Constitucional considerou non axustado a dereito como se fixaba o imposto ás plusvalías das vivendas.

Poderíanse citar máis sentenzas que anularon decisións gobernamentais e leis, pero abondan para que na nosa memoria democrática quede claro que un goberno non pode actuar caprichosamente, é dicir, sen aterse á xustiza, pois está ao servizo dos cidadáns e ten que respectar os seus dereitos, tanto os persoais coma os das súas agrupacións. En democracia os cidadáns persoalmente ou agrupados nas súas institucións poden recorrer aos tribunais contra os actos, decretos e leis promovidos polos gobernos que entendan que lesionan os seus dereitos. Para iso os pobres debemos ter presente que a forza dos febles radica na súa unión, na solidariedade, que xa o expresaba moi ben aquela pancarta do 3 de xullo de 1855 en Barcelona que dicía: ASOCIACIÓN OU MORTE! Illados non se sae da miseria e da opresión.

Así que das actuacións deste Goberno resulta que a “mellor” Memoria Democrática que queda é o feito de que os tribunais invalidaron varias decisións del, pois a súa actuación gobernamental abusaba dos cidadáns e doutras institucións. Estes feitos ensinan e serven máis aos demócratas que a previsible Lei de Memoria Democrática.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Festa de San Xosé, Dia do Seminario

Deus, que pola súa ontolóxica amorosa, sentiu vocación de entrega, creou ao home para ter a quen amar, xa que amar é entregarse. Deste xeito, o amor creador de Deus achegou o Ceo á terra e con estas relacións, Deus e o home fixéronse amigos, e a terra converteuse en paraíso de encontro para os dous. Pero sorprendentemente a concupiscencia humana interpúxose no camiño, e aquela tarde Adán non esperou ao divino amigo como era o seu costume, senón que avergoñado, e medorento, agochouse entre a ramaxe do xardín, Que ocorrera? A amizade murchara no corazón de Adán; e posto que o amor non pon distancia por medio, senón todo o contrario, Deus busca atoparse co amigo de sempre, pero o amigo de outrora non se deixou atopar, porque o amor desaparecera do seu corazón e no seu lugar fixera acto de presenza a infidelidade e a culpabilidade, que o facía imprescindible; esta situación foi a causa da súa fuxida. Pero non foi esta a actitude do Señor. Deus posto a amar, ama para sempre. No corazón do Creador, mantense o amor primeiro, coa única particularidade de que o amor creador e paterno do primeiro encontro, é agora un amor misericordioso e compasivo. No corazón de Deus hai cabida para todos: para Xoán, o discípulo fiel, e para Pedro, arrepentido de negar ao Mestre.

Co Evanxeo na man, está claro que o que impide a santidade, non son os pecados pasados, senón os apegos presentes. Quen negase a Cristo onte, mañá pode ser unha Teresa de Calcuta. Para iso é necesario ter quen nos conduza ao Cristo da Misericordia, o cal, se recoñecemos as nosas faltas, dinos: “vai en paz e non peques máis”.

Dos sabios podemos aprender os segredos da ciencia. Dos bos gobernantes podemos copiar a prudencia para rexer acertadamente as nosas comunidades. Dos astronautas, aprendemos como vai o ceo. Dos bos cristiáns podemos tomar exemplo para ver como se vai ao Ceo.

Isto é tan transcendental, que Xesucristo chamou a algúns dos seus discípulos para a misión de ensinar aos seus irmáns o camiño da salvación. Estes son os sacerdotes cuxo nome significa “don de Deus”, “facedor das cousas santas”, “guías do camiñante”…

A escaseza de sacerdotes é unha pobreza na Igrexa. A Igrexa necesita moitos sacerdotes de calidade. Necesita sacerdotes virtuosos, porque un San Francisco Xavier cristianizou a mais infieis el só, que centos de sacerdotes mediocres. Necesítanse abundantes sacerdotes, porque a súa misión é sobrenatural, pero os tesouros de que son portadores, lévanos en mans de barro e a súa presenza é limitada; pola súa condición de seres humanos, non poden multiplicar a súa presenza persoal e estar á vez en varios lugares. De aí a necesidade numérica de vocacións sacerdotais, e de aí a importancia da virtude dos mesmos, porque ninguén pode dar o que non ten, ninguén pode convencer co que predica, se non vive o que di. Por iso afírmase que ademais de predicar a palabra de Deus deben afanarse por ser eles mesmos “palabra de Deus”. Ao dicir de Santa Teresa de Jesús, as obras do sacerdote deben ser “falas de Deus”.

Pidamos ao Señor abundancia de sacerdotes e crecente santidade sacerdotal, e valoremos o labor do seu ministerio que tantas renuncias esixe e tantos sacrificios supón, porque así como o clima primaveral favorece o crecemento da vexetación dos nosos campos, tamén o ambiente cristián das familias propicia a floración vocacional nos nosos fogares.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A Igrexa, arca universal de salvación

A Igrexa é a arca universal de salvación. Fundouna Xesucristo persoalmente, pero non prescindiu do Pai Celestial, orixe de todo ben; nin da súa mesma entrega martirial, prezo do noso rescate; nin da virtude santificadora do Espírito Santo; pero tamén quixo contar cos homes. Proba diso é que comezou a súa obra chamando aos Apóstolos, homes de Galilea, aos que constituíu fundamento da Igrexa nacente, e nomeounos pescadores de homes.

A súa vocación foi positiva, eles comezaron a lanzar as redes, non só no lago de Galilea, senón tamén noutros mares do orbe. A pesca foi abundante e as redes non romperon, pero outros moitos peixes quedaron con vida nas augas salinas doutros mares. Tamén para eles ten o Señor vontade salvífica, e en evitación de que se malogre a súa sorte, Xesús segue recrutando novos pescadores, que, imitando aos apóstolos de Galilea, subiron á barca e lanzaron as súas redes en incontables mares do mundo. Refírome á multitude de misioneiros que, ao longo da historia, escoitaron a chamada do Señor, e coas súas redes de apóstolos, capturaron innumerables seguidores de Xesús, os cales, seguindo as pegadas do Mestre, atoparon a fe e o perdón. Pero aínda quedan moitos peixes nadando noutras augas que non son os mares salvadores da Igrexa de Xesús, e tamén a eses peixes ten que capturalos a rede salvadora da Igrexa de hoxe.

A posición dos homes ante a Igrexa é moi diversa: uns sitúanse hostilmente, fronte a ela e tratan de destruíla. Outros ignórana, porque a descoñecen, non poden valorala. Outros minusvalórana, e só acoden a ela ocasionalmente. Queda unha minoría de cristiáns fieis aos compromisos bautismais, que se consideran Igrexa, quérena e préstanlle a súa colaboración; afortunadamente ningún de nós somos hostís a ela. Con todo, moitos dos chamados “practicantes”, non a coñecen abondo para poder mirala con simpatía.

En previsión de superar esta deficiencia, o actual sínodo convídanos a reflexionar xuntos, achegando cada un as súas experiencias persoais. Comunicando aos demais, a achega positiva da Igrexa á historia da humanidade, e colaborando con ela, para que poida levar a feliz termo a misión que lle encomendou o seu mesmo fundador.

Este labor sinodal é transcendente e urxente, e chama a todas as portas. Da resposta depende o futuro inmediato das nosas Igrexas locais. O declive que actualmente padece a Igrexa en boa parte da cristiandade, non é unha situación terminal, posto que a súa perpetuidade está garantida pola promesa do Señor; pero a súa fecundidade evanxelizadora nestes momentos, está condicionada pola nosa empobrecida vocación apostólica.

A Igrexa non ten muros nin fronteiras, pero necesita evanxelizadores de calidade. Isto pídenos que revisemos a nosa actuación pastoral, non vaia suceder que nos esteamos movendo a nivel dun profesionalismo ministerial, realizando a nosa pastoral sen espírito e ilusión evanxelizadores.

Rompendo moldes anquilosados e estreando actitudes ilusionantes, camiñemos xuntos na mesma dirección, convencidos de que o Señor está connosco no noso camiñar cotián. O cansazo leva ao derrotismo. A falta de comuñón pastoral non inspira esperanza. O escabroso do ambiente provoca tristeza e abandono. Para superar estes inconvenientes traiamos á memoria a palabra do Señor, que prometeu non deixarnos sós no combate.

 

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Coresma: corenta días son…

Supoño que moitos da miña xeración lembran de bo grado aquela serie de animación titulada A volta ao mundo de Willy Fog, na que se versionaba, para os que eramos nenos por aquela época, a mítica obra de Xulio Verne A volta ao mundo en oitenta días.

Pois ben, nos tempos do mítico autor, podería ser que se necesitasen eses días para dar a volta ao mundo. Hoxe seguro que se podería facer en só unhas horas. Pero non é o mesmo «dar a volta ao mundo» que «darlle unha volta ao mundo». Xa me entenden.

Quizais pretender «darlle a volta ao mundo» pareza unha tarefa imposible de facer de xeito individual. Por iso, o que si podemos tentar é darlle unha volta á nosa propia vida. Para iso non nos fan falta os oitenta días do entrañable Willy Fog, senón que abondan os corenta días da Coresma, valla a redundancia.

A Coresma nace como un tempo de preparación para a gran celebración anual da Pascua. É un tempo no que nos ofrecen a oración, a esmola e o xaxún como ferramentas necesarias para «darlle unha volta» á nosa vida.

Contan que, en certa ocasión, un xornalista preguntoulle á Madre Teresa de Calcuta, que, se puidese cambiar algo na Igrexa, que cambiaría? Parece ser que ela respondeu que se cambiaría a si mesma. Isto mesmo pódenos servir para o que estamos a falar: para cambiar o mundo, o primeiro que temos que facer é cambiar cada un de nós. Se o prefiren, podemos dicilo con outras palabras que teñen unha connotación de máis esixencia: para que se convertas o mundo, antes temos que converternos cada un de nós.

Tampouco se trata de converterse por converterse. Trátase, máis ben, de cambiar o mundo para que sexa de verdade como un anticipo do que será despois a vida do mundo definitivo, no que non existe ningún tipo de mal nin de limitación. O noso «pequeno mundo» debería ser unha proxección a escala desoutro mundo infinito ao que todos esperamos chegar algún día.

Por iso, a Coresma pon diante dos nosos ollos o rostro da morte e da finitude. Non en balde, comezamos este tempo coa imposición da cinza que nos lembra, sen andrómenas, o que somos e no que nos converteremos, se non hai alguén que poña os medios suficientes para poder alcanzar «a outra beira».

Temos por diante un camiño de corenta días para ver que somos, como estamos e coller a man daquel que deu a súa vida por nós para que podamos chegar ao seu mundo.

Ninguén dixo que o camiño fose doado, sabémolo ben por experiencia propia, pero merece a pena. Merece a pena que cada un nos convertamos para que o mundo «dea unha volta» e vaian acabando os «malos rolos» que cada día nos atormentan.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original]

Parroquias civís e eclesiásticas

Desde a época dos suevos ata o día de hoxe a parroquia é a realidade que vertebra, delimita e configura a xeografía galaica na súa estrutura organizativa e institucional. Vén a conto lembrar que a Igrexa Católica está organizada en dioceses, e estas están constituídas por parroquias. Aínda que tamén hai dioceses, grupos e movementos que non se definen pola demarcación territorial, pero que non son o tema desta reflexión.

Cando tódalas persoas que viven nun ámbito territorial determinado son membros da Igrexa Católica non hai posibilidade de conflito entre os membros da Igrexa e outras persoas que vivan nesa demarcación, nesa parroquia, porque todos son católicos, aínda que si pode haber conflitos entre diversos grupos da Igrexa. Así, loxicamente, o que é da Igrexa sería de todos (xa que todos son católicos) ou dun grupo concreto deses católicos segundo as leis eclesiásticas ou civís.

Pero cando os que viven nunha demarcación territorial non todos son católicos, o dos católicos é deles, e o de todos é para os que viven nesa demarcación. Tamén haberá bens de cada agrupación relixiosa, política, sindical, cultural… que existan nese territorio.

Por iso é necesario saber distinguir entre parroquia -comunidade de seguidores de Xesús na Igrexa Católica- e parroquia -conxunto de persoas que viven nun lugar territorial concreto-, e facer a distinción con verdade, xustiza e boa vontade. Na práctica non está resultando fácil a distinción, pero é necesaria porque a liberdade relixiosa é un dereito fundamental da persoa. Así, o mesmo Bieito XVI, despois de defender a práctica relixiosa pública e privada, individual e comunitaria e o dereito a difundir a propia fe, engade: “Non debería haber obstáculos se quixera adherirse eventualmente a outra relixión, ou non profesar ningunha” (Mensaxe da paz 2011, nº 5).

En todo caso non se esqueza que na demarcación territorial parroquial civil tamén hai católicos, que teñen os mesmos dereitos cás outras persoas que viven aí, e que os veciños se poden agrupar por diversos motivos e finalidades lexítimas, incluídas as relixiosas.

A xente dunha parroquia ás veces pregunta se determinados bens (cemiterios, fincas…) son do bispado ou dos veciños. Esa pregunta está mal formulada porque os bens poden pertencer á Igrexa Católica (Pobo de Deus cos seus ministerios), ao Concello, ao Estado, á comunidade de veciños ou á unha asociación de veciños (que non son o mesmo), aos musulmáns, aos xudeus, a unha asociación deportiva…

Hai certos bens que, por lóxica, está claro que son da Igrexa Católica, como son os templos e cemiterios anexos, as casas reitorais e propiedades que están dedicadas a unha Obra de Caridade ou ao sostemento do clero, os directamente adquiridos pola Igrexa ou expresamente doados a ela… pero noutros habería que indagar a súa orixe, doazón ou uso histórico, como pode ser o campo da festa, bens de uso colectivo… neste caso con boa vontade e sentido común poderían resolverse moitos dos conflitos que poden xurdir con frecuencia. Parecidas cuestións danse cando na sociedade se pasa dun Estado confesional a outro aconfesional ou laico.

A liberdade relixiosa defendida pola Igrexa no Concilio Vaticano II leva consigo que desapareceran os Estados confesionais católicos (aínda hoxe na UE, tras o Brexit, permanecen tres Estados confesionais doutras Igrexas cristiás). Por iso é necesario que todos teñan clara a distinción entre parroquia católica e parroquia civil, entre Igrexa e Estado, para ben de todos. Esta tarefa non resulta fácil para moitos polo peso duns 1500 anos de historia. A pluralidade política e relixiosa das nosas sociedades esixe que con boa vontade e sabedoría se vaia distinguindo estes temas para mellorar a convivencia e evitar discriminacións.

Por outra banda non debemos esquecer que a Igrexa entende a súa misión como Sacramento de Salvación para o mundo, non pechada en si mesma, e que quere estar no servizo colaborativo en verdade e xustiza para o ben común de toda a sociedade, especialmente dos pobres que deben ser os preferidos. Así que os bens da Igrexa teñen que estar ao servizo da súa misión.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: