A cruz dos naufraxios

Galicia está no extremo occidental do Imperio Romano, e este na súa lexislación tiña establecida como pena de morte a crucifixión para os que non fosen cidadáns romanos, de xeito que servise de escarmento e escarnio público e ademais a agonía ía acontecer nun período de tempo máis ben longo. As cruces eran situadas nun lugar visible, ben fose nunha vía de comunicación o nun pequeno monte na beira da cidade.

No extremo oriental do Imperio Romano foi condenado á morte na cruz Xesús o Nazareno. Dende entón a cruz é fundamentalmente un signo de consolo para o que sofre, pois nela percíbese a solidariedade do Deus de Xesús connosco, e tamén o apoio dos que queren ser os seguidores de Xesucristo continuando a súa misión co alento do seu Espírito.

Estes días está na parroquia de S. Francisco Xavier de Lugo a CRUZ DE LAMPEDUSA, vinculada á Cruz de Xesucristo, que leva consigo moitos xestos e experiencias importantes de sufrimento para os cidadáns de hoxe, para que non apartemos a mirada dos que sofren hoxe e nos comprometamos coa súa liberación.

A Cruz de Lampedusa debe o seu nome a unha pequena illa, Lampedusa, situada ao sur de Italia, preto de Libia, que vén sendo a principal porta de entrada a Europa para moitos migrantes. A primeira viaxe apostólica do Papa Francisco, o 8 de xullo de 2013, foi a Lampedusa a pouco máis de tres meses do comezo do seu pontificado. Uns días antes naufragara un barco con refuxiados no que morreron 349. Calcúlase que preto de 20.000 persoas pereceron no mar entre Libia e Italia nos últimos 20 anos, e que a illa estase convertendo a miúdo nun gran campo de refuxiados. O Papa celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, e ante o mar Mediterráneo, que leva camiño de ser un gran cemiterio de migrantes, o Papa denunciou: “Onde está o teu irmán? Quen é o responsable deste sangue? Ninguén! Todos responden igual: non fun eu, eu non teño nada que ver… caemos na globalización da indiferenza”.

A cruz foi construída polo artista Franco Tuccio aproveitando as táboas dos barcos naufragados na illa. O 9 de abril de 2014 o Papa recibiuna como agasallo da fundación italiana Casa dello Spiritu e delle Arti, unha entidade de Milán que traballa en favor dos pobres, e ao bendicila dixo: “Non podemos seguir vivindo anestesiados ante a dor allea. Leven a todas partes a Cruz de Lampedusa como símbolo, para achegar e non esquecer o drama e a realidade dos inmigrantes…”. Dende entón a fundación puxo en marcha a Viaxe da Cruz de Lampedusa por diversos lugares para promover a solidariedade e a paz, e combater a globalización da indiferenza.

Estes días son momentos oportunos para facer ante a cruz unha pequena parada no camiño das nosas vidas, revisar como está sendo o noso camiñar persoal e social, e logo volver ao camiño con actitudes anovadas e forzas novas. Este deterse debe facernos ser conscientes entre outras cousas de:

-As realidades de grave sufrimento seguen presentes nas nosas sociedades e non podemos apartalas do noso camiñar pola vida. Prescindir dos que están sufrindo sería deshumanizarnos.

-Os inmigrantes e refuxiados existen, non só os de Ucraína. A maioría deles sofren moitas penalidades de todo tipo, e son membros da única humanidade existente!

-Ter que saír da propia terra por fame, miseria, explotación, violencia ou persecución de calquera tipo é un atentado contra os dereitos humanos.

-A solidariedade cos empobrecidos e perseguidos é unha obriga para toda persoa que queira ter un mínimo de responsabilidade, que queira ser persoa. Por iso con razón no Código Penal aparece o delito de DENEGACIÓN DE AUXILIO, e pode aplicarse con xustiza se non axudamos aos que están en perigo.

-Nas nosas sociedades estamos consentido que se lle dea máis valor ao capital ca ás persoas e os seus dereitos, os cartos son antes que os seres humanos, o que é unha grave inxustiza.

-Fálase do dereito a divertirse das persoas e dos mozos pero, aparece ese dereito nalgunha declaración dos Dereitos Humanos? O que si aparece é o dereito a ser atendido cando alguén se atope necesitado, e todos teremos a obriga de dar resposta a ese dereito dun irmán.

-Xa hai países que externalizan aos solicitantes de asilo a outros países máis pobres, mentres se tramita o seu permiso de entrada ou o seu rexeitamento. Parécenos isto humano e xusto?

Moitas máis reflexións, preguntas e compromisos de vida nos poden xurdir ante a Cruz de Lampedusa. Non perdamos esta oportunidade!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Sen compromiso non hai traballo decente

As organizacións promotoras da iniciativa Igrexa por un Traballo Decente (ITD) unimos as nosas voces na celebración do traballo e san Xosé Obreiro, para reafirmar que sen compromiso non hai traballo decente. Para conseguilo, é necesario o compromiso de homes e mulleres que queiran abordar os problemas relacionados co emprego, desde a solidariedade, o ben común, e a defensa da xustiza social en todo lugar e momento, a nivel persoal, ambiental e institucíonal.

Se ha uns anos a inserción laboral estaba unida a procesos de inserción social asistimos agora con estupor ao fenómeno da precariedade e a inestabilidade laboral, que fai que moitas persoas non poidan saír da pobreza a pesar de ter un ou múltiples traballos con horarios demenciais e salarios de miseria; especialmente mozos, mulleres e mígrantes. Estas situacións de exclusión intensifícanse entre as persoas de orixe estranxeira que se atopan en situación administrativa irregular, porque non teñen posibilidade de acceso ao mercado laboral regular nin ao sistema de protección.

Vense sometidas á necesidade de sobrevivir durante tres anos no noso país para alcanzar iso que chamamos arraigamento social… que non é máis que unha longa carreira de obstáculos para sobrevivir.entre múltiples dificultades ante a mirada indiferente, de sorpresa ou de indignación da cidadanía autóctona: Quen non coñece a estas alturas a algunha persoa de ben que desexa traballar no noso país e non pode facelo legalmente porque non lle está permitido? Quen non coñece a empregadores que non poden contratar polo mesmo motivo?

As entidades sociais que traballamos a diario no mundo da inserción laboral sabemos ben destas e outras múltiples situacións que botan continuamente a mulleres, mozos e migrantes á explotación e a aporofobia. A concatenación de crises que vimos sufrindo nos últimos anos reafirman a idea da orixe estrutural dos problemas sociais e úrxennós a que deamos resposta social á necesidade dun cambio no sistema produtivo que prioriza o beneficio económico fronte á dignidade das persoas, procedan de onde procedan, sexan como sexan. No noso compromiso como Igrexa polo Traballo Decente defendemos a dignidade do traballo como unha prioridade humana e, por iso, unha prioridade cristiá e un compromiso de toda a Igrexa.

Reivindicamos a igualdade salarial entre mulleres e homes, creación de emprego xuvenil de calidade, promoción dunha contorna de traballo seguro, que as persoas empregadas de fogar teñan acceso aos mesmos dereitos, regularización urxente de persoas migrantes, acceso a medidas de protección social.

Reclamamos, xunto ao papa Francisco, o traballo «especialmente traballo decente e non de calquera xeito», como garantía para a inclusión, o desenvolvemento e a dignidade das persoas.

Dulce María Salvadores Cobas

A Pascua cristiá

Pascua é a plenitude da vida e da gloria de Cristo na eternidade xa presente.

Pascua cristiá é a felicidade plena do home na futura eternidade, á que accederá o home que pasase polo mundo, axustando o seu comportamento á vontade do Señor. A pascua da divindade de Xesús é tan antiga como a súa eternidade. A pascua da súa natureza humana comezou o día mesmo da súa resurrección gloriosa. A nosa comezará tamén o día en que resucitemos de entre os mortos. Isto será así, porque o home, en parte, nace e en parte, faise. No nacer do home, todo é negatividade. Nacemos manchados pola fealdade de Adán e privados da divindade sobrenatural, pero o Creador apresurouse a limparnos a nosa fealdade e a enriquecernos coa beleza da graza e elevounos á orde sobrenatural, converténdonos en fillos de Deus e regalándonos o don da inmortalidade. Pola graza santificante, participamos da mesma vida de Deus e estamos chamados a vivir eternamente. Ante estas realidades, temos que concluír que en nós é máis o que recibimos que o que achegamos. Na vida espiritual, abunda máis a pasividade que a nosa achega: aforismo que se confirma, recoñecendo que a nosa achega negativa excede á nosa achega positiva en cantidade e en calidade. Isto débese á xenerosidade pascual de Xesús morto e resucitado. Esta era a misión confiada polo Pai ao seu divino Fillo. E o “si” de Xesús foi tan sincero, que chegou a confirmarnos que “amor escríbese con sangue”. Esta foi a achega redentora de Xesús pola nosa salvación, levada a feliz término no cume do calvario, en cuxa cima o divino crucificado puido exclamar: “todo está cumprido”. Efectivamente, todo estaba cumprido por parte de Xesús. A súa pascua era verdade sacrificial e redentora por parte de Xesús, e tamén o será por parte do seu Pai que premiou ao seu Fillo coa resurrección e glorificación merecidas.

Se miramos a nosa resurrección como don, é merecedora da nosa eterna gratitude; se a contemplamos como merecedora de recompensa, esixe a nosa responsabilidade.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A cruz é a cara visible do amor de Deus

Sempre se dixo que a Deus xamais o viu ninguén. Aforismo falto de verdade, posto que Deus deixounos dous retratos de si mesmo: un deles é a cruz, xa que se amor escríbese con sangue, ningún retrato máis nítido de Deus-amor que a cruz do calvario. Alí o sangue do divino Salvador empapou o madeiro do Gólgota: sangran as chagas das súas mans e dos seus pés; sangue do seu costado aberto pola lanza; sangue na súa fronte coroada por espiñas. Se amor escríbese con sangue, ningunha páxina máis arroibada de agarimo que a escrita na tarde do primeiro Venres Santo. Alí o pecado do mundo e a bondade do Corazón de Deus déronse un abrazo redentor. O negro, cor do odio dos homes, cambiou, e o amor do fillo de Deus brillou como nunca o sol brillara xamais. A escuridade da mañá do paraíso terreal fíxose claridade de mediodía. A impresentabilidade dos nosos primeiros pais, fíxose familia agradable a Deus, e os anxos compracéronse contemplando o novo mundo. Nel retratábase Deus, co seu poder, coa súa bondade e misericordia. O mundo redimido é a foto cruenta do Deus-redentor, e nel podemos compracernos tamén os homes, onte pecadores e hoxe perdoados.

A segunda fotografía do bo Deus é a parábola do fillo pródigo. Un bo pai tiña dous fillos que facían felices á súa familia. Naquel fogar abundaba o agarimo e non faltaba pan, pero un mal día o diaño entrou en casa e a tentación venceu ao máis novo do fogar ofrecéndolle unha pseudoliberdade se deixaba o fogar paterno e marchaba a outros ambientes. O mozo caeu na trampa diabólica e pediulle ao seu pai a parte de herdanza que lle correspondía. Non lle pediu nin máis pan nin máis agarimo; de todo había abundancia na casa. O que el ansiaba era un mundo sen fronteiras para satisfacer os seus caprichos persoais e así o presenta ao seu bo pai que, adestrado en compracer sempre aos membros da súa familia, repártelles a herdanza aos seus fillos. Agora o mozo xa «é feliz»: ten diñeiro; non lle faltan amigos; todos o aprecian… o mundo que acaba de estrear faille a persoa máis ditosa da terra. Pero a terra non só é redonda, tamén é limitada, e a amizade que tiña por base un fondo adiñeirado, ía desfondándose e todo acabou derrubándose: tamén a situación privilexiada que vivía aquel mozo fóra da súa casa paterna. A falta de pan e agarimo tráenlle á mente o recordo do fogar que o vira nacer e pensa que a volta á súa antiga casa pode ser unha boa decisión. «Pero, con que cara vou onde meu pai? Como fillo non me atrevo: fareino como xornaleiro. A miña posición social será outra pero, polo menos, comerei pan amasado coa suor do meu traballo». Con todo, o pudor do antigo comportamento impídelle atoparse co seu pai. O amor filial do seu corazón de fillo non abonda para sortear esta dificultade. Aínda que agora quen manda na súa vida xa non é o corazón senón o seu estomago famento e, movido pola fame, ponse en camiño cara ao seu antigo fogar meditando as palabras que usaría para saudar ao seu pai. O fillo prodigo vai consentindo nun mal pensamento e pensa que o seu antigo pai xa non o mirará con ollos de amor senón con corazón de xuíz e pecharalle as portas que un día el tamén pechara con violencia e desprezo. Pero estaba equivocado: o pai continuaba mirándoo cos ollos do corazón, e abriulle as portas e os brazos para recibilo co agarimo de sempre. Mandou facer festa porque o fillo, nunca esquecido, volvía á súa casa e o corazón do pai enchíase do maior gozo da súa vida.

Así debuxa Xesús o rostro de Deus, o noso pai. E imaxino que o seu fillo volve estrear os seus ollos para mirar ao seu pai, cun amor con que nunca o mirou, e a festa fíxose grande, moi grande. Esta foi a mellor pascua do Señor. Así se nos manifesta o Señor en dúas pantallas de distinto matiz: na do Gólgota, o matiz é de cor de sangue, expresión do amor infinito con que Deus ama ao mundo; na parábola do fillo pródigo o matiz é de misericordia desbordante de amor de pai.

Mirémolo nós con ollos de corazón filial, para que a súa próxima Pascua sexa festiva en plenitude.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

Arrepentimento e conversión

Con frecuencia usamos indistintamente estes termos para tratar asuntos de teoloxía espiritual, e aínda que ambos se complementan, o seu significado é distinto. Co termo arrepentimento, expresamos o recoñecemento do negativo da nosa conciencia moral; e coa palabra conversión, manifestamos a decisión da nosa volta ao bo camiño.

Para a revisión da vida espiritual, hai que ter presentes os datos da psicoloxía e o ensino da teoloxía. Para progresar na vida espiritual, non se pode prescindir de ningún dos datos destas dúas fontes, e menos discrepar delas. Os datos dannos a coñecer o nivel da nosa vida espiritual; pero non abonda, porque con só datos, fanse avaliacións, sácanse conclusións, pero non se toman decisións. Pódenos servir de exemplos o volcán das Palmas -avaliamos os danos sufridos polos veciños- e a actual contenda rusa – o coñecemento dos miles de inocentes vítimas axúdanos a tomar conciencia de como se están lesionando os dereitos humanos naquelas terras-. Pero non nos é suficiente coñecer a tráxica situación de que nos falan os medios de comunicación: é necesario sentirnos afectados por todo iso, na nosa propia carne, para tratar de porlle remedio con todas as nosas forzas. Se isto é así, non abonda con que eu recoñeza o que é o meu mal comportamento e as súas consecuencias, para que me decida a mellorar a miña conduta. Pois igualmente é necesario que eu considere esta situación para que me esforce por imitar ás boas persoas que aínda quedan no mundo.

A conversión é unha graza do Ceo. Só cando Deus dá ao home a sentir o poder destrutor do pecado, e percibe simultaneamente o misterio de Deus e o do seu ser de home, só entón decídese formalmente pola práctica da virtude. Pero isto unicamente conséguese cando Deus dá ao home a graza de experimentar o poder destrutor do pecado e a insuficiencia do esforzo humano para vencelo.

O home é relación filial con Deus e fraterna cos irmáns, pero o pecado rompe ditas relacións e converte ao home nun “ser con dous brazos para satisfacer as súas apetencias naturais”; nun modeliño para contemplarse narcisistamente a si mesmo. Ante esta situación, o home experiméntase como nun canellón sen saída; sente náuseas da súa miseria e palpa a súa impotencia para saír daquela situación; circunstancia que aproveita o inimigo para afundilo no desalento.

É así, ante o poder destrutor do pecado e ante a impotencia humana para librarse de tal situación, como o home coñece quen é el, na súa pequenez e incapacidade, abandonado ás súas propias forzas, e clama a Deus, porque Deus ámao, e o home é a súa criatura amada. Entón o encontro prodúcese, porque o amor non entende de enfrontamentos.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: