“Fiesta do prau”

Ás veces fanse asociacións un pouco raras: foi ler o Evanxeo e acordarme do que en Asturies chaman “fiesta de prau”, que tamén as temos en Galicia aínda que as chamemos simplemente “festas”. Sirva isto como chiscadela tamén aos lectores asturianos desta web.

Na herba dun prado manda Xesús que se acomode a xente, aqueles que estaban cansos e enfermos, para darlles comida. O texto non fala de festa, pero é doado imaxinar que, tras comer en abundancia (aínda sobraron doce cestos de comida), e escoitar ao Fillo de Deus, ao Mesías, celebrárono con cantos, música e baile incluído.

Nun prado, nunha festa de prau, fixo Xesucristo un anticipo da Eucaristía, da mesma que facemos memorial todos os domingos logo da Resurrección do Señor. Deixar as cousas da semana, ir a un lugar tranquilo e ás veces apartado, escoitar a Palabra do Señor, bendicir o pan, repartilo, e alimentarnos. E tamén a segunda parte desa Misa: “dádelles vós para comer”, é dicir, Cáritas… enténdese, verdade?

O “pero” está en que os cristiáns de agora, temos toda esta grandeza (Palabra, Eucaristía…), pero non facemos festa. Celebramos, pero con cara de certa tristeza. Unhas veces os respectos humanos pódennos, e outras falta convencemento e coñecemento das cousas de Deus para non ter medo.

Non está de máis que os cristiáns recuperemos a alegría do Evanxeo. O papa Francisco escribiu unha exhortación apostólica que, precisamente titulou así, Evangelii Gaudium. Trátase fundamentalmente de vivir a fe con alegría volvendo a Xesús, ao que atoparemos nos Evanxeos. Trátase, máis ou menos, de facer o mesmo que naquela primeira “festa de prau”…

Eu son o Camiño

25 de xullo, solemnidade de Santiago Apóstolo, Patrono de España. Poucas cousas de tanta antigüidade como o Camiño que leva á tumba do Apóstolo Santiago seguen sendo tan actuais e universais.

Un fenómeno case inexplicable. Unha ruta recuperada por un sacerdote de Lugo que saíu a pintar as frechas amarelas que sinalizan o Camiño. Ata a cor foi casualidade. Era a pintura que sobrara de pintar a sinalización horizontal dunha estrada en obras.

Un camiño que vertebra Europa e que cada día fan máis persoas, aínda que iso non implique necesariamente que os pobos estean máis unidos.

Para moitos, un camiño de encontro co mesmo co que tamén se atopou Santiago: Xesucristo, o Señor, o Fillo de Deus.

Santiago é a imaxe de moitos de nós: que nun principio só acudimos a Xesús por puro interese e completamente despistados. Pero, ao final, cando din que as cousas saen ben, atopámonos dunha forma auténtica e sincera co Señor e damos a vida por El.

En Galicia temos un tesouro. Non polos beneficios económicos para os que viven do “fenómeno Xacobeo”, senón polo don da fe chegado ata aquí desde os primeiros momentos da Igrexa. O primeiro pasará, como todo o deste mundo. O segundo permanecerá eternamente.

Déixovos os enlaces de dúas cancións. A primeira, “Te conocimos Señor al partir el pan” recrea o episodio dos dous de Emaús, que ían de camiño desencantados e tristes ata que recoñecen a Xesucristo naquel que camiñaba ao seu carón. 

https://www.youtube.com/watch?v=Q-otOCVvaBU

A segunda, titúlase “Somos un pueblo que camina”. Mostra a realidade mesma da Igrexa como pobo de Deus que camiña coa confianza de alcanzar unha cidade de eternidade.

https://www.youtube.com/watch?v=IVrKSK7l9jY

Miguel Ángel Álvarez

Saír do habitual para despois atopar a Deus na vida cotiá

A semana pasada tiven uns días de descanso e a ocasión de volver contemplar a grandeza da creación mirando a inmensidade do mar e as aínda verdes cores da montaña. Deixar as actividades do día a día, poder estar cos amigos que ves menos veces e pasear sen ruídos artificiais tamén axuda a achegarse a Deus.

 Isto mesmo serve para outras dimensións da nosa vida. É importante atopar a Deus na vida cotiá, pois é onde empregamos a maior parte do noso tempo.

 Pero ás veces necesitamos saír do habitual, precisamente para poder atopar a Deus despois na vida de cada día.

 Non gañariamos nada “queimándonos” por un exceso de traballo ou de preocupacións. Necesitamos relativizar o que é relativo. Parece algo obvio, pero non sempre o facemos. Máis ben relativizamos o absoluto e absolutizamos o relativo. Parece un trabalinguas, seino. Tamén se pode dicir doutra forma: facemos o urxente e esquecemos o importante.

 Todo o tempo gastado en buscar a Deus non é perdido. É o mellor investimento que podemos facer. Porque con Deus a nosa vida terá sentido e os nosos problemas ocuparán só o seu xusto lugar.

 Deixo unha ligazón para escoitar unha canción que pode animarnos a buscar a Deus dunha forma nova. Espero que  guste. Titúlase “Si supieras como te amo”

Miguel Ángel Álvarez Pérez

 

Pasar o verán con Deus

Agora si. Xuño acábase. O termómetro e o calendario condicionan moito a nosa forma de vida e mesmo a nosa espiritualidade. Non é que Deus se vaia de vacacións, pero a nosa forma de acudir a El si que cambia un pouco. Aínda que non tería por que ser peor, senón todo o contrario.

Son uns días nos que vivimos un pouco máis amodo e sen tanto tensión, ou con máis tempo libre sempre é unha boa ocasión para facer mellor as cousas que outras veces facemos peor por culpa dos apuros. E isto serve tamén para a nosa fe e para Deus. Ocórrenseme mil ideas e seguro que a vós tamén.

O mesmo Xesucristo de cando en vez retirábase a un lugar tranquilo para descansar e orar. É unha boa opción: descansar, orar, vivir tranquilamente e coller novos ánimos e forzas para o longo inverno.

De Deus vén todo, ás veces fáltanos confiar máis. Hai uns días vin no muro de Facebook dunha amiga, unha viñeta que me fixo pensar moito neste sentido. Dicía: “Se os malos soubesen o bo negocio que é ser bo. Serían bos aínda que só fose por egoísmo”.

Atrevinme a parafrasear esta cita: “Se soubésemos o ben que nos fai ter a Deus na nosa vida, teriámolo aínda que só fose por sentirnos ben. Tamén no verán”.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Lugo e o Corpus Christi

Desde a miña inxenuidade teño as miñas dúbidas sobre o que pasa en Lugo no mes de xuño. A conxunción de Arde Lucus e Corpus suscita algunhas sospeitas. Algo non cheira ben, e nunca mellor dito. Perdoade, pero recoñezo as miñas teimas con certos asuntos.
A Cidade do Sacramento dá a sensación de que se vai a quedar só nunha cidade común. Cambiar a Deus por nada non creo que sexa o mellor choio. Pasamos de telo todo, a quedarnos baleiros…
Vivimos nun mundo moderno, cuns avances científicos e tecnolóxicos sorprendentes, pero tamén cunha serie de problemas que non se corresponden co progreso alcanzado no último século. Non se comprenden, por tanto, os insultos, violencias, desconfianzas, mentiras, fraudes, corrupcións, divisións, envexas, guerras, mortes, moitas mortes de todo tipo… que temos que soportar todos os días.
Empeñámonos en botar fóra do quebracabezas a única peza que estivo desde o principio e que daba unha perfecta cohesión a todo o conxunto. Sen esta peza o construído por unha banda disólvese por outro… É como facer castelos de area, xa sabemos o que duran!
Un mundo que se parece a un coche de alta gama, pero que conducimos co freo de man posto e con grave perigo de incendiarse e quedar reducido a cinzas.
Celebrar o Corpus é desexar e recoñecer a presenza de Deus no mundo. Un Deus que se implica coas persoas até as últimas consecuencias, para que non quedemos reducidos a cinzas, senón que teñamos vida abundante e eterna.
Contemplar a Xesús Sacramentado na Custodia non é mirar para unha peza de museo ou unha reliquia. Prostrarnos diante de Xesús-Eucaristía é mirar ao mundo e a nós mesmos a través dos ollos de Deus, ao mesmo tempo que tamén nos sentimos mirados e queridos por El.
En Lugo temos por diante unha semana e pico para celebrar solemnemente a presenza real de Cristo na Eucaristía. Non  desaproveitemos esta oportunidade.

Na Catedral, onde está exposto permanentemente o Santísimo Sacramento, temos un faro que ilumina a toda a cidade. Non fai ruído, pero está. Non o vemos, porque nos enganan os sentidos, pero ninguén queda fóra da súa mirada infinita.

Pasamos del, pero El non pasa de nós. Menos mal!
As actividades que se organizan desde a Diocese e as parroquias axudarannos a celebrar e a recoñecer o valor deste “tesouro”.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: