“Quero: queda limpo”

Os anuncios de deterxentes nunca pasaron de moda. Seguen presentes nas horas de máxima audiencia en todas as cadeas de televisión. Fai 25 anos xa nos dicían que xa a roupa non podía quedar máis branca. Paradoxalmente fóronse descubrindo máis tons de branco, pois os deterxentes seguen lavando cada ano un pouco máis branco que o anterior.

Lembrei isto ao ler o Evanxeo do próximo domingo. Un leproso acode a Xesús para suplicarlle que o limpe. Xesús, unha vez máis, vendo a fe de quen acode a el, fai o milagre de limpar a pel e a vida aquel leproso.

Nos tempos bíblicos a lepra ten unha consideración especial que a distinguía das demais enfermidades, xa que se trata dunha dolencia que se ve afectada por leis de pureza ritual e de comprensión teolóxica. Ademais, a lepra a miúdo era interpretada como un castigo polo pecado, de maneira que a curación era un acto de Deus.

O leproso do Evanxeo acode a Xesucristo porque recoñece nel ao mesmo Deus, ao único que pode curar todos os males que conleva a súa enfermidade, de forma particular a súa condición de pecador, como diciamos antes.

Xesucristo, cando cura aos enfermos, fai moito máis que un simple médico que nos cura cando acerta co diagnóstico e o tratamento. A curación que vén das súas mans e as súas palabras é unha sanación integral, por iso outras veces tamén dirá: “os teus pecados quedan perdoados” ou “en diante non peques máis”. Xesús é especialista en curar o mal do pecado que pode arruinar totalmente nosa vida.

Quizais hoxe non nos é necesario pedir que sexamos purificados da lepra, pois non ten as connotacións da antigüidade e da súa curación ocúpase con total éxito a medicina. Pero seguramente temos moitas outras cousas das que debemos e queremos ser purificados.

Preocupámonos, con bo criterio, de asearnos e levar a roupa limpa. Preocupámonos menos do de “dentro” (do corazón e a conciencia) , quizais porque cremos que non se ve, aínda que se nota moito máis do que imaxinamos, o mesmo que “cando un membro sofre, o resto do corpo tamén sofre”, como di San Paulo.

Non nego a importancia do exterior, do que se ve. O fermoso é sempre bo, tanto o de dentro como o de fóra, o visible e invisible. Ademais, cando todo vai compasado, o belo adquire unha bondade especial.

É inevitable que nos vaiamos manchando. Para limpar o de fóra xa están os modernos produtos químicos, aos que lle debemos as mellores condicións de vida que temos agora grazas á mellor hixiene.

Limpar o de “dentro” é outra historia. É imposible para os homes, pero non para Deus. Cristo pódeo e faino cando acudimos a El coa mesma humildade có leproso do Evanxeo, que recoñecendo a súa situación de pecador, acode a quen limpa de verdade.

Miguel Ángel Álvarez

Venerable Luis de Trelles

A Adoración Nocturna de España está de noraboa. O Papa Francisco promulgou o decreto polo que se recoñece ao seu fundador, D. Luis de Trelles, a vivencia heroica das virtudes. É a gran noticia esperada e pedida ao Señor desde fai tempo.
Don Luís nace en Viveiro (1819). Con 14 anos comeza Dereito na Universidade de Santiago. Aos 19 anos é nomeado profesor de Dereito Civil. Trasládase á Coruña, onde exerce como avogado de pobres; aínda non existía a quenda de oficio. Nesta cidade ocupa diversos cargos: Goberno do Colexio de Avogados, traballa para o Ministerio de Facenda e o Colexio de Notarios, fiscal do xulgado de Artillería e Enxeñeiros… En 1852, trasládase a Madrid para desenvolver a súa faceta de político.
Decepcionado, entrégase a unha intensa acción caritativa, tanto individual como colectiva. Así, de novo en Viveiro, funda as Conferencias de San Vicente de Paúl, en axuda aos pobres e marxinados.
En 1863 contrae matrimonio. Home de xenerosidade exemplar, ao remate da III Guerra Carlista crea unha comisión para o intercambio de prisioneiros; pola súa entrega, é nomeado comisario xeral de Canxes (1873-76) conseguindo librar da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros.
En París coñece a Adoración Nocturna. Entusiasmado con render adoración ao Santísimo Sacramento, comeza en Madrid, con outros seis laicos, o 3 de novembro de 1877, a primeira noite de Adoración Nocturna de España. Desde entón, dedicarase totalmente ata a súa morte a promover, organizar e consolidar a obra. Funda La Lámpara del Santuario, primeira revista eucarística europea. Morre o 1 de xullo de 1891 en Zamora, en cuxa catedral repousan os seus restos. Agora a Igrexa concédelle a honra de ser considerado ‘venerable’.
O camiño para que un cristián sexa elevado aos altares comeza co recoñecemento de vivir, en grao sumo e heroico, as virtudes cristiás. Para iso, o postulador da causa ha de presentar unha biografía do fiel, os seus escritos e unha lista de persoas que poidan testificar sobre a súa vida. Nese momento ao fiel chámaselle «servo de Deus».
Finalizada esta fase redáctase un documento e envíase á Congregación para a Causa dos Santos. Alí elabórase un relatorio que se entrega á Comisión de Teólogos. Se emiten o seu voto favorable, entrégase aos cardeais e bispos da Comisión. Para rematar, se o seu voto é tamén favorable, preséntase ao Papa a proposta que, ao publicar o decreto, recoñece a vivencia heroica das virtudes e permite que o fiel reciba o título de `venerable’. O paso seguinte é a beatificación e, logo, a canonización, con culto en toda a Igrexa.
Don Luís, avogado, xornalista, deputado, santo! Un exemplo de laico comprometido, no persoal e o social. Un adorador que nos estimula a amar, especialmente na noite, a quen tanto nos ama.
Por Daniel García, Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna e Párroco de Albeiros

Unha semana de Fe, Esperanza e Caridade

Resulta sorprendente a cantidade de actividades que se fan nunha Diocese pequena como a de Lugo.

Os últimos oito días foron especialmente fructíferos neste sentido. A lista de eventos creo que foi insuperable: xornadas, cursiños, campañas, novenas, conferencias, vixilias, celebracións de santos e todo o demais que fan as parroquias de fóra da cidade. Pódese dicir que foi unha semana de Fe, Esperanza e Caridade

Todo para achegarnos máis a Deus, coñecer mellor a Xesucristo e sentirnos membros vivos da Igrexa.

Non se trata de facer por facer nin de ir por ir. Trátase de compartir e animar a fe, de alimentar a esperanza e de practicar a caridade con Deus e cos irmáns.

Miguel Ángel Álvarez 

“Este ensinar con autoridade é novo”

A opinión dos que vían actuar a Xesús é unánime: a forma que Xesús ten de facer e falar é absolutamente nova, ademais de facelo cunha autoridade indiscutible. Así o escoitamos no Evanxeo da misa do Domingo IV do Tempo Ordinario.

Noutra ocasión será o mesmo Xesús quen diga que El vén facer novas todas as cousas.

A novidade que nos chega con Xesucristo segue sendo a mesma logo de 2000 anos. Nada do que El fixo ou dixo fíxose vello, segue conservando a frescura e orixinalidade do primeiro día. Deus non pasa nunca, de aí está perenne validez das palabras de vida do Fillo de Deus.

Nun mundo vello e con demasiados tópicos, quizais innecesarios, necesitamos acudir sen medo e con decisión a Xesucristo para escoitar a súa palabra de vida, para que nos faga criaturas novas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Vin onde viviu o Señor

Foto de grupo trala renovación das promesas bautismais

O domingo regresei da viaxe a Terra Santa. Nunca viaxara tan lonxe nin tantos días. Recoñezo que foi unha viaxe moi cansa, pero, ao mesmo tempo, moi interesante en todos os sentidos: espiritual, teolóxico, cultural e de convivencia.

A distancia a Terra Santa é moi grande, por iso é polo que a estancia alí fóra de tantos días. Había que aproveitar para visitar os máximos lugares posibles, e así o intentamos facer.

Alí atopeime con algo do que oín falar centos de veces, quizais miles. Moitos dos lugares bíblicos, sobre todo do Novo Testamento, facíanse reais. Ciertamente, algúns están moi modificados polo paso de 2000 anos e as 10 destrucións completas que sufriu a cidade de Jerusalén; ou polo crecemento desta. Outros están igual mque o tempo bíblico, é o caso do Monte Nebo, o Lago de Galilea, ou ata o lugar do bautismo de Jesús.

Dos Santos Lugares vistos, quedaríame co Lago de Galilea e a súa contorna. Ademais de estar como sempre, favorécelle moito o feito de que a súa contorna non está demasiado urbanizado a excepción do lóxico crecemento da cidade de Tiberiades.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: