Ten lexitimidade a Relixión na escola?

A presenza da Relixión na Escola non é un privilexio da Igrexa, nin unha concesión arbitraria dun partido político. É un dereito dos pais/nais e do alumnado. Recollemos nas seguinte liñas a base legal que sustenta ese dereito.

A nova Lei de Educación, a LOMCE, (Disposición Adicional 2ª) sobre a Ensinanza da Relixión, sinala:

1. “A ensinanza da relixión católica axustarase ó establecido no Acordo sobre Ensinanza e Asuntos Culturais suscrito entre a Santa Sé e o Estado español. A tal fin, e de conformidade co que dispoña dito Acordo, incluirase a relixión católica como área ou materia nos niveis educativos que corresponda, que será de oferta obrigatoria para os centros e de carácter voluntario para os alumnos e alumnas”.

(En términos semellantes expresábanse as anteriores leis educativas)

O Acordo entre o Estado Español e a Santa Sé sobre Ensinanza e Asuntos Culturais, de decembro de 1979, sobre esta cuestión indica:

Art. 2. “Os plans educativos …incluirán a ensinanza da Relixión Católica en todos os Centros de Educación, en condicións equiparables ás demais disciplinas fundamentais. Por respeto á liberdade de conciencia, dita ensinanza non terá carácter obrigatorio para os alumnos. Si se garante o dereito a recibila”.

Ese Acordo que entrou en vigor o 4 de decembro de 1979 segue vixente.

Tamén a Constitución Española é clara:

Art. 16.3. Ningunha confesión terá carácter estatal. Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións”.

Art. 27. 1. “Todos teñen dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensinanza. 2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto ós principios democráticos de convivencia e ós dereitos e liberdades fundamentais. 3. Os poderes públicos garanten o dereito que asiste ós pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”

E para rematar, a Lei Orgánica 7/1980, do 5 de xullo, de Liberdade Relixiosa.

Art. 2. 1. “A liberdade relixiosa e de culto, garantida pola Constitución, comprende o dereito de toda persoa a:

c) Recibir e impartir ensinanza e formación relixiosa de toda índole, xa sexa oralmente, por escrito ou por calquera otro procedimento; elexir para si, e para os menores non emancipados do ámbito escolar, a educación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”.

Art. 2.3. “Para a aplicación real e efectiva destes dereitos, os poderes públicos adoptarán as medidas necesarias para facilitar a asistencia relixiosa nos establecementos públicos militares, hospitalarios, asistenciais, penitenciarios e outros baixo a súa dependencia, así como a formación relixiosa nos centros docentes públicos”.

Relixión na Escola, SI. E non porque si, senón porque é un dereito que temos como cidadáns españois. Dereito que teñen case todos os cidadáns de todos os países de Europa. Pero disto escribiremos outro día.

Miguel Rico Gómez

Dtor. da Oficina da Delegación Diocesana de Ensinanza

Hai Concordato?

Cada pouco tempo escóitase que algunha personalidade pública afirma que hai que cambiar o Concordato coa Igrexa Católica. Tamén no debate das primarias que houbo entre os tres candidatos para dirixir o PSOE coincidiron nesa afirmación. Máis aló de que haxa que cambiar -ou non- o marco xurídico de relación entre a Igrexa Católica e o Estado español convén que aclaremos algunhas cuestións, porque hai bastantes falsidades e manipulación sobre o tema.

Primeiramente é necesario saber que propiamente non hai Concordato do Estado coa Santa Sé, senón Acordos sobre diversos temas (ensinanza, asuntos económicos, xurídicos e forzas armadas).

En segundo lugar cando se afirma que son preconstitucionais ou predemocráticos, non convén esquecer que o último leva a sinatura do señor Rodríguez Zapatero. Así que habería que preguntarlles aos que manteñen esta afirmación, se Zapatero foi un gobernante predemocrático; eu en principio (e só en principio) aceptaría como válida a resposta que dean. Os primeiros Acordos vixentes son do ano 1979 e a Constitución é de 1978.

Os Acordos coa Santa Sé teñen a condición legal de ser un tratado internacional e, por tanto, a reforma destes Tratados debe facerse de acordo co Dereito internacional, a non ser que aceptemos ser considerados como un país que non respecta o dereito, a legalidade e a seguridade xurídica. Moitos lembramos as tristes imaxes dos señores Moratinos e Zapatero mendigando un apretón de mans en cumios intemacionais, e todo por adiantar nun mes a fin dun acordo internacional.

En política internacional, ademais de ser sensato seguir o refrán popular de «non poñer todos os ovos na mesma cesta», débese saber que Estados Unidos ten embaixadas en 172 países, Francia en 162 e España só en 95, pero a Santa Sé ten relacións con misións diplomáticas plenas en 180 países (só 17 países soberanos non teñen relacións diplomáticas coa Santa Sé). Tampouco convén ignorar que en xeral o decano do Corpo Diplomático é o nuncio do Papa. Ignorar a realidade é exporse a que te «atropele». A política internacional debe garantir os dereitos dos cidadáns e favorecer o desenvolvemento das relacións entre os estados e os cidadáns.

A importancia da diplomacia da Santa Sé pode verse por exemplo nestes dous feitos tan distintos:

a) Contou, estando eu presente, un dos membros do movemento revolucionario M-19 que secuestraron a case 20 embaixadores na embaixada da República Dominicana en Bogotá durante dous meses en 1980, e que entre todos eles só o nuncio sabía cociñar. Para sobrevivir os secuestrados era básico comer. Loxicamente todos tiveron que fiarse do Nuncio, pois a alternativa era peor.

b) O 17 decembro 2014 restablécense as relacións diplomáticas entre USA e Cuba. O intermediario non foi nin España, nin México, nin… foi a Santa Sé e así a loaron tanto Obama coma Raúl Castro. Cousa normal, pois a diplomacia vaticana é recoñecida como a mellor diplomacia do mundo.

Non trato de asesorar a un partido político, senón compartir gratuitamente cos lectores estas reflexións con ánimo de servir á verdade. Non resulta nada atraínte asesorar a un partido politico cobrando (tes que dicirlles o que queren oír) ou gratuitamente no momento actual.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Cristiáns degolados en Libia

Ao comezo desta semana, mentres uns estabamos preocupados en disfrazarnos e en comer cocido, 21 cristiáns coptos eran asasinados en Libia dunha forma vil; degolados como os polos nun matadoiro, coa diferenza de que os verdugos eran os seus propios semellantes.

A semana pasada escribiamos de non difundir noticias falsas sobre persecucións a cristiáns. Por desgraza, a noticia desta masacre foi certa.

É grave a morte de 21 inocentes por causa da súa fe. Pero non é menos grave a actitude de cegueira voluntaria que temos en Occidente.

A forma de combater o Estado Islámico, e os fundamentalismos de todo tipo, non é coa forza das armas, por moitas que sexan as nacións que se unan para deter esta barbarie.

Estou convencido de que a única forma de que isto vaia a menos, ata desaparecer, é caer na conta de que necesitamos facerlle un oco no noso mundo e nos nosos corazóns ao Deus de Xesucristo, ao auténtico Príncipe da Paz.

Non podemos afacernos a estas cousas. O día que se deu a información falouse moito, pasados uns días apenas uns poucos seguen mantendo viva esta noticia. O peor de todo é ver como normal ou habitual o que nunca debería existir.

Teñamos presentes nas nosas oracións a estes 21 irmáns nosos. Que o Señor lles conceda a todos o descanso eterno, e a vida que aquí non puideron gozar.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Máis alá dos disfraces

En Lugo temos moita sorte porque podemos disfrazarnos ou caracterizarnos varias veces ao ano: Samaín, Entroido, Arde Lucus…

O asunto é que, un ano máis, temos a ocasión de celebrar a Coresma e a Pascua e, aínda que lles pese a moitos, o Entroido. Unha festa un pouco estraña: a data da súa celebración márcase en función da Pascua e, por conseguinte, do mesmo Deus, do que se fará burla estes días con total impunidade.

Resulta rechamante a afección que temos os humanos a disfrazarnos para parecer o que non somos e a organizarnos en desfiles cun gran parecido ás procesións relixiosas. Non desperdiciamos ningunha ocasión para facelo. Calquera motivo sérvenos para poñer encima do noso corpo algo que tape o que somos habitualmente, para ‘ser outra cousa’, por suposto, sen sentido. Tanto é así, que ata ás vodas os invitados e os noivos parece que van disfrazados.

E unha vez máis, o esencial pasa a ser unha mera escusa e o seu lugar é ocupado por ‘cousas’ que, miradas cunha certa calma, son totalmente absurdas e carentes de sentido. Cousas que na maioría dos casos, non son capaces de provocar en nós nin un simple sorriso gracioso.

Máis aló de disfraces está o mesmo Deus, que existe desde sempre e para sempre; independentemente da nosa temporalidade e das nosas tonterías. Precisamente por isto, pola tontería dunha falsa comprensión que temos da liberdade que nos leva ao pecado, á imperfección, Xesucristo tivo que entregar a súa vida na cruz e resucitar por nós ao terceiro día. Isto é o que celebramos todas as semanas na Eucaristía dominical, e que agora imos facer dunha forma máis solemne na Pascual Anual, para a que temos corenta días de preparación (a Coresma). Non precisamente con disfraces, senón con todo o contrario: tirar ao lixo todos os nosos trapos e caretas (pecados), mostrarnos ao Señor tal como somos (aínda que sexamos uns miserables) e deixar que El nos salve coa súa infinita misericordia.

Non están os tempos para desperdiciar as oportunidades. Non é porque Deus canse ou esgote as súas capacidades. Somos nós os que nos acabamos, en moitas ocasións de súpeto. Así que non está de máis chegar a ese día co billete no peto. E máis aínda, vivir os días deste mundo coa confianza de sabernos queridos e salvados polo Señor. Non tanto pola nosa propia felicidade senón pola dos demais, xa que se beneficiarían da nosa humilde caridade que ten a súa fonte no mesmo Deus. El fai auténtica a nosa caridade para que non sexa só un acto máis ou menos `guai’ do que nos podamos cansar en calquera momento.

Máis aló dos disfraces e das nosas tonterías está Deus. Renovemos a nosa confianza nel. Non convertamos a Semana Santa nunha ocasión máis para disfrazarnos.

Miguel Ángel Alvarez

Canto ben se podería facer cos medios de comunicación!

 Gústanme os medios de comunicación. Sigo as noticias da Igrexa e do mundo a través das redes sociais e dalgúns dixitais que considero de confianza. Sei que para para ter unha idea o máis obxectiva posible dun feito hai que analizalo desde dous ou tres puntos de vista diferentes e despois sacar a media.
Aprendín a non emocionarme e a non emitir xuízos ante titulares espectaculares, rechamantes ou escandalosos, pois ao final as cousas nunca son como parecen nunha primeira edición da noticia.
Todo isto, porque o outro día lía con estupor o seguinte titular: “Piden non difundir noticias falsas sobre igrexas destruídas e asasinatos de cristiáns en Oriente Medio”. No interior da noticia poñíanse varios exemplos de noticias falsas sobre persecucións a cristiáns nesta parte de mundo.
Quedei cunha sensación estraña e sen entender nada. Que interese pode haber en difundir unhas noticias falsas como estas?
Canto ben se podería facer cos medios de comunicación utilizados para unirnos, coñecernos, axudarnos e estar preto dos que temos lonxe!

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: