Ás 12 da mañá do 21 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que vén celebrando desde 1669. Este ano correspondíalle á cidade de Lugo a presentación desta Ofrenda.
O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a Eucaristía na que concelebraron o resto dos bispos galegos, e o bispo electo de Astorga. Acompañaron á oferente, a alcaldesa da cidade de Lugo, Lara Méndez, os alcaldes e representantes das sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.
Na contestación á Ofrenda, o bispo de Lugo, Mons. Carrasco Rouco comezou a súa homilía manifestando o seu agradecemento á alcaldesa oferente a presentación da ofrenda “que asumiu esta responsabilidade nun ano tan extraordinario como este 2020, en que o mundo e tamén Galicia sofre esta pandemia provocada polo covid-19 (…) na orixe deste singular privilexio eucarístico, segundo unha vella tradición, houbo outra opción, un xesto de liberdade tamén en tempos difíciles (…) a opción que levou aos nosos pais a pór un signo eucarístico no centro do Altar maior da súa Igrexa principal, foi recoñecer outro camiño: O do fillo de Deus que se fixo carne, e na súa carne realizou a salvación, levouna á gloria e á resurrección. Entenderon que non se bastaban a si mesmos, que non era suficiente organizar ben as súas forzas, que a resposta ao enigma da vida viña dun don, dun amor”.
Continuou dicindo que “o Señor no Altar maior, é a afirmación do valor da nosa humanidade, da carne e do sangue en que se realizará a salvación. É a defensa do humilde, do que chora, do que busca a paz, do que é misericordioso e manso, do que non nega a fe do corazón, do que confía en Deus Pai. É a vitoria do humilde, do que recoñece que non pode darse a vida, que as súas forzas non abondan para asegurarlle o ben que desexa para si mesmo, para a súa familia e para a súa terra. É a vitoria dos sinxelos de corazón, que recoñecen a verdade manifesta tan humanamente en Xesús. (…) “Así se irá conformando moito mellor o pobo galego. Que pode afirmar sen medo a vida e a dignidade da propia existencia. Que non teme ao traballo e vive no medio da natureza con realismo. Que sabe compartir as penas e as alegrías, que sabe pór a mesa e abrirlle a casa aos seus, aos veciños, aos invitados. Que non pecha a porta ao necesitado, senón que o atende e recolle. Que coida de pais e avós, que non abandona aos seus nas dificultades ou na enfermidade. Que se alegra polo esplendor da humanidade dos propios santos patróns, en quen ve a certeza das promesas cumpridas e axuda constantemente no camiño; que celebra as súas festas sen medos, lixeiros de corazón, compartindo a fe e a caridade, o agradecemento e a alegría de vivir”.
Finalizou resaltando que neste tempo difícil “recollamos de novo o desafío que expresan as palabras coas que os nosos antepasados acompañaron este signo eucarístico: aquí profesamos con firmeza este misterio da nosa fe (…) Todos os esforzos son benvidos, todos os traballos necesarios. Todas as colaboracións son causa de alegría e alixeiran o camiño. Cada xesto conta, cada palabra de consolo, cada momento de compañía. Nestes días aprendamos de novo, ás veces con dor, que é decisivo dicir sempre: cada un importa”.