Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio:
“O misterio eucarístico sitúa ao cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumir a responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren carencias materiais e espirituais. ”
Ás 12 da mañá do 14 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se vén celebrando desde 1669, acto que pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.
O Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio presidiu a Eucaristía na que concelebraron:
O Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;
O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro;
O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;
O Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;
O Bispo de Astorga, Mons. Camilo Lorenzo;
O Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol, Rvdo. Sr. D. Antonio Basanta,
así como membros do cabido de Lugo.
Acompañaron á delegada rexia, alcaldesa de Mondoñedo, os representantes dalgunha das cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.
Na contestación á Ofrenda, o arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio comezou a súa homilía lembrando que hoxe en Lugo estamos “Seguindo unha tradición secular, profundamente arraigada no sentir relixioso e espiritual da comunidade galega” (…) “Contemplamos nesta solemnidade a marabilla da presenza real e verdadeira de Cristo na Eucaristía, recordando como esta forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxecto de Deus na nosa historia”.
Continuou a súa intervención dicindo que “Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño a seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin”. E recordou que “a indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza con que se cuestiona a súa existencia, a despreocupación polas cuestións fundamentais sobre a orixe e destino transcendente do ser humano non deixan de ter influencia no talante persoal e no comportamento moral e social do individuo… Certamente o home pode organizar a terra sen Deus, pero á fin e ao cabo, sen Deus non pode menos que organizala contra o home”.
Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.
[Ver texto da Ofrenda e texto da homilía]