Ás 12 da mañá do 30 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, da que se cumpren 350 anos desde que decidiu instaurarse. Este acto pon fin ás celebracións do Corpus en Lugo.
O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro Fiuza, presidiu a Eucaristía na que concelebraron o resto dos bispos galegos. Acompañaron ao oferente, o alcalde da cidade de Tui, Enrique Cabaleiro, os alcaldes e representantes das sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.
Na presentación da Ofrenda, o alcalde de Tui, sinalou que “esta tradición forma parte do noso acervo colectivo como pobo; as tradicións son elementos básicos para a configuración e identidade dun país, neles atopamos o conxunto de valores que de xeración en xeración, forman o substrato da conciencia colectiva. Esta cerimonia que os galegos soubemos conservar ao longo dos séculos é o exemplo máis antigo da nosa identidade como pobo”.
Pediu que sexamos capaces de “atopar as medidas que contribúan a unha reformulación social e que impulsen unha sociedade máis xusta e equilibrada, sen exclusións nin riscos de pobreza para as persoas e as familias. Que podamos traballar todos xuntos para atopar políticas que poñan en primeiro lugar á persoa, a súa dignidade e os seus dereitos” (…) “Inspira a todos os que temos responsabilidades públicas, na política pero tamén nos ámbitos económicos, sociais, relixiosos…para traballar con xenerosidade e acerto, polo ben común”.
Na contestación á Ofrenda, o bispo de Tui Vigo, Mons. Quinteiro comezou a súa homilía manifestando o seu agradecemento ao alcalde oferente a presentación da Ofrenda que é, sen dúbida, “ unha tradición que simboliza a devoción máis fonda e conmovedora do noso pobo. O escudo de Galicia expresa por encima das palabras a convicción do que sentimos”. Continuou dicindo que “queremos mirar con esperanza e con enerxía o presente e o futuro das nosas comunidades, parroquias e cidades (…) queremos camiñar xuntos para afrontar os grandes retos deste momento histórico que estamos a vivir. Temos que pensar no futuro dos nenos e se temos nenos para o futuro. Temos que sentarnos cos mozos para pensar xuntos a vida pola que queremos loitar. Non podemos esquecer aos maiores porque eles teñen, entre moitos tesouros, a experiencia de vida que outros non teñen”.
Finalizou resaltando que debemos profundar no compromiso social dos cristiáns en Galicia: “Nós somos fillos dun pobo solidario do que herdamos unhas riquísimas tradicións cristiás que nos foron configurando nunha sociedade amable e solidaria (…) o compromiso do crente non é unha opción de acomodación nin de ver pasar as cousas. O compromiso do cristián é unha opción necesaria”
Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo. Durante o percorrido interpretaron música e danzas en ofrenda ao Santísimo Sacramento o Grupo de baile tradicional “O Xeito” dirixido por Xabier Iglesias e o grupo de música tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez. Tamén colaboraron a banda municipal de Meira e a Asociación cultural e xuvenil do traxe tradicional de Tui.