Ás 12 da mañá do 9 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza presidiu a Eucaristía na que concelebraron Arcebispo e bispos da provincia eclesiástica galega.
Acompañaron ao delegado rexio, alcalde de Tui, os representantes das cidades do antigo Reino de Galicia: Lugo, Santiago, Betanzos, Ourense, Mondoñedo e A Coruña; así como outras autoridades civís e militares.
O delegado Rexio, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, presentaba a Ofrenda ao Santísimo Sacramento en nome do Antigo Reino como vén facendo desde hai séculos.
Na súa ofrenda apelou ás raíces cristiás de Galicia e agradeceu a protección, amparo e consolo do Señor sacramentado aos que acoden a El.
O alcalde de Tui pediu ao Santísimo polos gobernantes: “para que nos ilumines para promover, fronte a unha cultura do beneficio, unha cultura da xenerosidade, de solidariedade, de comuñón da que nos deches sempre exemplo”.
Na contestación á Ofrenda, o Bispo de Tui- Vigo, Mons. Quinteiro Fiuza, agradeceu as palabras do oferente cheas de confianza cristiá e de fonda preocupación social.
Facendo alusión ao refrán que di que unha cousa é predicar e outra dar pan, Mons. Quinteiro, afirmou que “o Señor dinos que hai que predicar e tamén dar para comer. Isto é algo que a súa Igrexa non pode deixar de atender nin de vivir”. Lembrou que celebrar a Eucaristía de costas aos irmáns e aos problemas do mundo é unha incoherencia na que os cristiáns non podemos caer:
Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.