A cidade de Lugo segue celebrando solemnemente o Corpus coa Oitava. Por iso a Catedral acollerá o domingo 10 de xuño ás 12h unha celebración eucarística presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio. O delegado oferente será o alcalde da cidade de Betanzos, Ramón García Vázquez.
Na parte musical, á entrada tocarase a marcha do Antigo Reino de Galicia para gaita e órgano. Acompañará a celebración o Orfeón lucense, coro oficial da Catedral, que interpretará a Misa Galega de José Castiñeira, cantos en galego do P. Feijoo e o “Hic Hoc Misterium”, de José Molejón. Ao final tocarase unha marcha procesional do Corpus para gaita e órgano.
Trala celebración e durante a procesión o Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo dirixido por Óscar Pérez (gaiteiros) e o grupo de baile tradicional de Espazo Artistico 10, dirixido por Xabier Iglesias, interpretarán danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.