O obradoiro “Dando os mellores pasos” ten como obxectivo a complementación na parella partindo dunha evidencia: cando eliximos alguén para compartir a nosa vida, haberá intres moi diferentes: bos e malos, en soidade e con outros… Ser capaces de compasarse como parella, escoitarse, avanzar xuntos, complementarse… é decisivo á hora de construír relacións de parella onde podamos compartir todos eses momentos e fagamos que a relación saia fortalecida.
“O amor é un baile onde nos atopamos, despedímonos e volvémonos a atopar. Minuto a minuto. Día a día.” Sue Johnson,
No obradoiro adéstrase nese camiño cunha axuda: a música e o movemento. Utilizaranse eses dous elementos para aprender a escoitarse o un ao outro, para escoitar o ritmo da música e moverse xuntos. Tamén haberá dinámicas para profundar nas experiencias que se van tendo como parella para coñecerse mellor mutuamente. A actividade está chea de intres divertidos e entrañables.
É unha actividade gratuíta que se desenvolveu en Madrid, Burgos, Santander… O obradoiro impárteno de xeito conxunto Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, da escola de tango “SanTango”, xunto con Cristina Bandín Potel, psicóloga do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo e Familiae Psicoterapia.
O obradoiro enmárcase na Semana do Matrimonio que celebra a Igrexa Española. Será o sábado 19 de febreiro, desde as 10 até as 14 horas, no local de Cáritas Diocesana, Avda. das Américas 93-95, en Lugo.