O Concello do Corgo, en colaboración co Arquivo Diocesano de Lugo e a través do Proxecto CORGORAL, organiza o primeiro Curso de iniciación á lectura de documentos antigos. É o xoves 9 de xuño, de 17:00 a 20:00 horas na Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo. O curso impárteo o director do Arquivo Diocesano Óscar González Murado.
Co gallo da celebración internacional do Día Mundial dos Arquivos (9 de xuño) proponse unha achega práctica á lectura e comprensión dos documentos escritos como legado doutras épocas.
O obxectivo é desempoar eses vellos papeis dunha maneira sinxela: dando as claves para poder lelos e comprendelos. Sepárannos deles o contido (ás veces foros ou arrendamentos, ás veces partixas) e, moitas veces, o tipo de letra. Isto fai que nalgúns casos máis desafortunados, acaben no lixo por non se entenderen. Trátase de introducir aos interesados nese mundo da escrita e aprender a valorar o que se agocha nas artesas e nos caixóns das nosas casas.
Impartirase unha primeira achega teórica á paleografía e diplomática antiga, aprendendo a interpretar a linguaxe administrativa, a recoñecer os diferentes tipos de letra e as abreviaturas máis frecuentes. Posteriormente e a través de varios exemplos prácticos, explicarase o mellor xeito de descifrar as vellas escrituras. Os asistentes poden levar textos que lles resulten de difícil lectura ou interpretación, para descifralos entre todos.