Aos 8 días da resurrección, o primeiro día da semana, cando estaban os discípulos reunidos, Xesucristo faise presente outra vez no medio deles para bendicir e partir o pan.
Hai moitas cousas que intentamos facer cada 8 días, aínda que non sempre o conseguimos, ás veces fallamos.
Pero hai algo que se leva facendo case 2000 anos sen interrupción: a Eucaristía dominical. Desde aquel momento que cambiou o rumbo da historia e da metahistoria coa resurrección de Xesucristo, cada 8 días repetimos o memorial do seu misterio pascual.
Unha única Eucaristía da que facemos actualización e memorial. Con variación de detalles segundo lugares e circunstancias, pero sempre a única e mesma Eucaristía que instituíu Xesucristo coa súa vida, toda ela salvífica.
Aínda que non sempre conseguimos facer interesante ou atractiva a Misa, non debemos desanimarnos ou facer que nos pase desapercibido o esencial da Eucaristía e, polo tanto, que non recibamos todos os seus beneficios.
Miguel Ángel Álvarez