O teu compromiso mellora o mundo

Vivimos unha época na que o individualismo vai en aumento, coas súas connotacións negativas, repórtanos soidade, créanos tensión, medo, baleiro, e moitas veces déixanos sen rumbo. Con iso aparecen algúns dos trastornos psicolóxicos máis frecuentes hoxe en día: ansiedade, depresión, etc.

Por iso pregúntovos: Que volve á sociedade cada vez máis individualista?

Lembrades a complicidade que sentiamos con nosos veciños cando compartiamos o traballo, o motivador e satisfactorio que resultaba o traballo en camaradería por moi duro que este fose?

Cando escoitabamos os problemas que tiña algún amigo, lembrades o ben que nos sentiamos cando podiamos solucionarllos e sacalos dun apuro?

Si, estades pensando ben, estouvos a  falar da vosa colaboración, do voso compromiso cos demais. Estouvos a falar do ben que nos sentimos cando somos solidarios. Dise que a solidariedade é a acción de dar, sen recibir nada a cambio, pero eu creo que si nos reporta moito:

  •  Convértenos en seres máis felices, aumentando considerablemente a nosa autoestima.
  •  Fainos sentir ben o feito de saber que estamos realizando unha boa acción.
  •  Aumenta a confianza en nós mesmos porque nos sentimos útiles.
  •  Mellora nosa saúde. Segundo diversos estudos estadounidenses, as persoas solidarias son menos propensas a sufrir estrés ou depresión, a súa presión sanguínea é menor e ata son máis lonxevas que as insensibles ao sufrimento alleo.

Di o dito popular, cheo de sabedoría: «Dá o mellor de ti mesmo e o mellor volverá a ti». As persoas que dan, reciben; e isto é unha realidade. Probablemente a persoa á que axudes non poida devolverche o favor, pero se es unha persoa xenerosa e, nalgún momento necesitas dos demais, eles axudaránche.

Ser solidario non significa soamente facer algo por alguén; hai moitos xeitos de ser solidario, pequenos xestos que non che implican perder moito tempo nin ter que facer un gran desembolso económico, e que sen embar-go para quen os recibe significan moito máis do que pensas.

Por iso gustaríame invitarvos a coñecer todos os programas que se levan a cabo desde Cáritas Diocesana de Lugo:

Programa de acollida e asistencia

  • Cáritas parroquiais e interparroquiais
  • Servizo de roupeiro
  • Programa de familias en desvantaxe
  • Programa de voluntariado
  • Programa de infancia e mocidade
  • Programa maiores e vivir na casa
  • Programa inmigrantes contar connosco
  • Programa de atención a persoas con discapacidade
  • Programa muller, saúde
  • Programa emprego
  • Programa atención a mulleres vítimas de violencia

Unha chea de proxectos solidarios cos que todos podemos contribuír, xa sexa de forma puntual ou continuada, económicamente ou co noso tempo, porque o noso compromiso mellora nosa sociedade:

  • Contribúe económicamente na medida na que poidas, adaptando as túas achegas segundo a túa economía.
  • Ofrece o teu tempo como voluntario nos distintos programas.
  • Doa a roupa, libros e outros enseres que non uses, poderían axudar a outras persoas máis cá ti.
  • Inculca aos teus fillos valores solidarios. Ensínalles co exemplo, seguindo patróns baseados no respecto, a confianza, a sinceridade, a lealtade, etc.
  • Fai unha compra dobre, é dicir, unha para ti e outra para unha persoa ou familia desfavorecida. Que mellor axuda que a propia comida?

Enche o teu día a día de boas accións, porque o teu compromiso mellora o mundo.

BEATRIZ VARELA

PRESIDENTA DE AELU

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: