O 1 de febreiro na sede da Conferencia Episcopal Española, en Madrid, acompañado de familiares e colegas de profesión, o sacerdote Alberto Cuevas recolleu o Premio Bravo! na categoría de Comunicación diocesana que, cada ano, outorga a Comisión Episcopal para as Comunicacións Sociais da CEE.
Durante a súa intervención, Alberto Cuevas deu tres grazas e tres Bravos!, para agradecer este premio nacional. A primeira das grazas foi para as persoas que enviaron a súa candidatura ao premio Bravo! en Comunicación diocesana: «grazas, repito, a eles e Bravo! porque constataron que a audacia ten premio».
Tamén manifestou a súa gratitude cara a todos os membros do xurado que se fixaron na diocese máis pequena -xeograficamente, falando- do territorio peninsular que «non organiza, de momento, nin grandes congresos internacionais nin a visita do Papa, pero si que está todos os días facendo informacións da nosa diocese, coidando a imaxe da Igrexa, facéndoa presente entre os medios de comunicación, non só no eclesiástico, senón tamén no social, caritativo, no artístico… en todo o que ten que ver cunha coidada imaxe da Igrexa na opinión pública». Así, dedicou o premio a todas aquelas persoas que, nas súas dioceses, «coidan, cada día, a imaxe da Igrexa, aínda que non reciban este Premio Bravo! que eu comparto con eles».
Alberto Cuevas lembrou a bispos pioneiros como Mons. Antonio Montero ou Mons. José Delicado Baeza que, no seo da Conferencia Episcopal, propulsaron o cambio dunhas «delegacións antigas, case diríase que de “pomba mensaxeira” e “mester de clerecía” a unhas delegacións profesionais, atentas ás novas tecnoloxías, preocupadas de comunicar co estilo de hoxe». A eles e a todos os bispos que, na actualidade, continúan impulsando a comunicación eclesial, dedicou un Bravo!
O premio recoñece o labor desenvolvido por Alberto Cuevas Fernández quen, desde hai 54 anos, é sacerdote e, desde fai 44, xornalista que dirixe as tarefas de información e comunicación como delegado diocesano de Medios de Comunicación na diocese de Tui-Vigo. Tamén é párroco da Nosa Señora da Soidade (O Castro-Vigo), colaborador de distintos medios de comunicación en Galicia e prelado de honra da Súa Santidade.