Sempre que escoito a canción de Eros Ramazzotti `Se bastasen un par de cancións’ non podo evitar deixar de pensar na Caridade. É por este fragmento en concreto: «.. Até os muros que nunca pensamos pódense abrir. Se abondasen dúas boas cancións para botar unha man, poderíanse achar mil razóns para ser máis humanos. Pode pasar, pode ocorrer… Para deixar de acudir ao remedio da caridade».
O meu punto de reflexión é sobre ‘o remedio da caridade’. Certamente a caridade é un remedio a algo que non vai ben. Cáritas manifestou en múltiples ocasións que o ideal sería que non existise esta organización… Iso significaría que a sociedade está a funcionar ben. Pero a realidade non é así. Vémolo día a día nos medios de comunicación, nas redes sociais e tamén ao noso carón. A dignidade da persoa vese degradada cada vez máis: lonxe e preto de nós. Problemas de vivenda, de alimento, de non chegar a fin de mes. E problemas de acceso á educación, de igualdade de oportunidades, de marxinación, de explotación, de violencia extrema…
Todo isto necesita unha solución que moitas veces non é doado atopar ou de poder levala a cabo. Pero non por iso debemos deixar de tentalo. Buscamos `remedio’, sabendo que non é a solución.
Cáritas, a Igrexa, mira á persoa no seu conxunto, tentando remediar tanto as carencias materiais como espirituais, querendo que a persoa teña vida en plenitude, sen ter en conta a súa raza ou relixión, acollendo sempre quen o necesita.
Nas campañas do Día da Caridade propónsenos o remedio da caridade e algo máis. Non contentarnos con remediar os problemas cotiáns que son froito de estruturas inxustas. Non contentarnos con expresar o noso descontento… Cando dicimos que as cousas non van ben, simplemente constatamos unha realidade, cando dicimos que eses problemas teñen remedio, estamos a dar un paso máis para resolvelos e cando poñemos algo da nosa parte para cambiar esa realidade que criticamos, comprometémonos para que as cousas cambien: «O teu compromiso mellora o mundo». Non botemos balóns fóra.
José Manuel Castro Alba
Párroco no Páramo
Imaxe: cathopic