O paro deshumaniza a todos

anton_negro
Antón Negro

 O 7 de outubro é o día da Xornada Mundial polo Traballo Decente, por tanto é un día dedicado a revisar e revitalizar o compromiso persoal e asociado para conseguir o TRABALLO DECENTE para toda persoa dentro da sociedade.

 Implicarse neste tema da loita por un traballo humano digno é unha obriga ineludible de conciencia para todo cidadán e, se cabe aínda con maior esixencia, tanto para toda autoridade pública coma para toda persoa con responsabilidades na sociedade.

 O traballo na vida da persoa humana cumpre dúas funcións fundamentais e imprescindibles, para poder levar unha vida digna de ser chamada humana, que son:

  1.  Posibilitar que a persoa humana se exprese, se realice e deixe a súa pegada na historia a través do seu traballo.
  2.  Gañar o sustento diario para ser dono da propia vida, á vez que coida das persoas que ten baixo a súa responsabilidade.

 En consecuencia é fácil comprender que o paro leva consigo unha agresión á persoa, á que non lle permiten colaborar na marcha da historia da humanidade, nin ser protagonista da propia vida persoal e social, nin gañar responsablemente o seu sustento e o da súa familia. Por iso frecuentemente o paro xera unha serie de enfermidades de diverso tipo. Se queremos persoas sas, sociedades xustas e comunidades fraternas hai que traballar arreo para acabar co paro e conseguir que as condicións de traballo sexan humanizadoras.

 O día 29 de xuño de 2009 Bieito XVI publicou a encíclica Cáritas in Veritate. Da lectura deste documento quedoume moi gravado o número 63. A propósito deste número da encíclica comentáballes a algúns amigos que o Papa aí está esixindo nada menos ca unha revolución social, pois do contrario é imposible conseguir os obxectivos subliñados para un Traballo Decente. Literalmente di:

“Significa un traballo que, en calquera sociedade, sexa expresión da dignidade esencial de todo home ou muller: un traballo libremente elixido, que asocie efectivamente ós traballadores, homes e mulleres, ó desenvolvemento da súa comunidade; un traballo que, deste modo, faga que os traballadores sexan respectados, evitando toda discriminación; un traballo que permita satisfacer as necesidades das familias e escolarizar ós fillos sen que se vexan obrigados a traballar; un traballo que consinta ós traballadores organizarse libremente e facer oír a súa voz; un traballo que deixe espazo para reencontrarse adecuadamente coas propias raíces no ámbito persoal, familiar e espiritual; un traballo que asegure unha condición digna ós traballadores que chegan á xubilación.”

A Igrexa a través de diversas organizacións eclesiais (Cáritas, CONFER, HOAC, Xustiza e Paz, JEC e JOC) chaman a todos a consolidar e profundizar o compromiso por un Traballo Decente, pois todos somos necesarios nesta responsabilidade, xa que debemos ser conscientes de que non hai solucións máxicas nas mans dun xerifalte. A Igrexa aposta pola liberdade, iniciativa e responsabilidade de cada persoa e de cada grupo neste compromiso.

Non quixera rematar este escrito sen chamar a atención sobre o uso perverso da linguaxe que está en contra da persoa e dos traballadores. A persoa en realidade non vai pedir traballo, nin vai buscar traballo… O que a persoa aporta e leva consigo é precisamente o seu traballo e o que busca é nin mais nin menos ca un lugar onde desenvolver o seu traballo para que sexa útil socialmente e/ou economicamente produtivo, que ademais lle permita gañarse o sustento familiar  e colaborar ó ben da sociedade.

Antón Negro

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: