Segue sendo común escoitar nos medios de comunicación social (xornais, radios, teles…) e a profesores, políticos, líderes sociais… que camiñamos cara a unha superpoboación mundial que o planeta non pode soportar. Dito doutro xeito, que a superpoboación no seu constante incremento é unha idea de consenso social a día de hoxe. Pero é isto verdade?
Nos comezos de 2018 un alumno meu expuña o libro de Klaus Schwab, A Cuarta Revolución Industrial (2016), e de pasada recollía do texto esta idea literal: “A poboación en idade de traballar caerá ao mesmo tempo que aumente a porcentaxe de anciáns dependentes”. Para el e os seus compañeiros pasou como un tema irrelevante. Díxenlles: “non vos decatades de que esta afirmación vai en contra de todo o que oídes por aí normalmente?” Ademais debedes ter en conta que este señor non está mal informado, pois leva moitos anos organizando o Foro de Davos (fundouno en 1970), onde reúne no inverno a unha “banda” numerosa de xefes de estado e de goberno, ministros, responsables de grandes multinacionais e bancos, intelectuais, etc.
No foro de Davos reúnense ao redor de 2000 personaxes e a inscrición por participar xa custaba sobre 20.000 $ no cambio de século, segundo escribían en El País Jean Daniel (11-II-1997) e José Vidal-Beneyto, (31-I-2000). Destacamos este parágrafo de J. Daniel: “…Pero non só se fan negocios. Doutro xeito Raymond Barre non sería un dos elementos clave do club e o único francés de certa altura -Jean-Claude Trichet e Laurent Fabius (para o primeiro supuxo a súa ordenación e para o segundo a súa iniciación) non son membros fundadores-. E aínda que non se fan só negocios, polo menos discútese da filosofía dos negocios e mesmo do destino, ao que se concibe modelado pola economía…”
A existencia do mito da superpoboación fai que por exemplo se publique esa gráfica do xornal emblemático da multinacional española de comunicación, PRISA (Ver gráfica). Algunha vez ensineina e preguntei: Que vos chama a atención desta gráfica? E responden: “Que está ben”. Hai que dicirlles: “Pero non vedes que é totalmente falsa? Para que se manteña a poboación necesítanse, polo menos, 2,1 fillos por muller, segundo afirman os demógrafos. Aquí con só dous fillos por familia (nin sequera por muller) pon que se duplica a cada paso xeracional Unha gran mentira!!!”
Se o lector quere ver persoalmente como está arraigado este mito no seu ambiente, pode preguntar aos seus coñecidos: Cuantos fillos de media por muller hai na República Islámica de Irán? E en Chile, Vietnam, Ucraína, Rusia, Brasil, Sudáfrica, India, Arabia Saudita, Corea do Sur, Turquía, Bangladesh…?.
Para que non teñan que buscar estes datos doulles os do ano 2018: Irán 1,75, Chile 1,6, Vietnam 1,96, Ucraína 1,3, Rusia 1,6, Brasil 1,7, Sudáfrica 2,28, India 2,2 (funcionarios e demógrafos sosteñen sotto voce que está por baixo de 2,1), Arabia Saudita 2,3, Corea do Sur 1,0, Turquía 2,01, Bangladesh 2,0. Os países que non baixaron de 2 avanzan nesa dirección. Incluso o veciño do Sur, Marrocos, está xa en 2,38. En España temos 1,3 e na UE 1,54.
Se se quere profundar un pouco máis pode acudirse ao libro de Alejandro Macarrón Suicidio demográfico en Occidente e medio mundo?, ou ao de Darrell Bricker e John Ibbitson O Planeta baleiro do que transcribo estas citas: “O gran acontecemento característico do século XXI -un dos grandes episodios definitorios da humanidade- producirase no espazo de tres décadas, máis ou menos, cando a poboación global comece a diminuír. E en canto empece, xa non vai ter fin. Non nos enfrontamos ao desafío dunha bomba demográfica senón a un colapso, un sacrificio implacable, xeración tras xeración, do rabaño humano. Nunca pasara nada igual.” (p. 10) “Se hoxe en día o despoboamento é só un escintileo -un dato estatístico preocupante en certo informe gobernamental cuxa importancia só entende de todo a nomenklatura-, que pasará dentro de medio século, cando este escintileo chegue a ser cegador?” (p.245).
Penso que é claro que camiñamos cara a un descenso poboacional, aínda que a moi curto prazo aumente algo a poboación polo feito de que hai algunhas sociedades con moita xente nova, pero as pautas de natalidade xa son de descenso poboacional.
Parece evidente que seguir crendo na ameaza da superpoboación é un mito acientífico hoxe en día. Aínda que o futuro previsible podémolo cambiar.
Antón Negro