Tiven a sorte de asistir ao Congreso de Laicos co grupo da Diocese de Lugo, e desde a miña pertenza a Misevi (Misioneiros Segrares Vicencianos), tocoume acompañar nunha das liñas temáticas do primeiro anuncio: Países de Misión, onde Misevi compartía a súa experiencia.
Poder compartir desde a asociación e a diocese é algo de agradecer ao Espírito, xa que ás veces no noso modo de vivir a fe, parecería que facemos incompatible a nosa pertenza á parroquia ou á diocese, coa pertenza a un determinado grupo ou asociación.
Creo que este simple feito recolle moitas das palabras que soaban forte no Congreso: sinodalidade, comunidade, forza do Espírito, a misión do laico, Igrexa en Saída.
Para min foi unha alegría, que se reflexionase sobre o laico misioneiro, en países de misión. Saíron liñas de reflexión moi interesantes, como o recoñecemento que nos debe a Igrexa a todos os niveis aos laicos misioneiros, a corresponsabilidade no envío, a necesidade de dar a coñecer esta vocación concreta. Espero que o documento final, onde se nos van a lanzar os retos podamos ver estas pinceladas sobre a misión.
E como laica da miña diocese, vexo tamén unha clara chamada a darlle a isto un aire novo, este é o noso momento!!! Así que toca saír de vellos esquemas, e desánimos e tratar de darlle un pouco de vida ao apostolado segrar de Lugo. Botamos de menos a moita xente, neste grupo que representabamos aos laicos de Lugo, e quizá sexa o momento de xuntarnos, e ver realmente como vivir este pos-congreso, como tomar os retos que os laicos de España lanzan. Así que o Espírito pronto nos chamará a todos, abramos o corazón, e deixémonos guiar, porque de nós depende que a reflexión deste Congreso, non sexa unha reflexión máis, senón que sexa unha faísca que reavive o noso ser laicos.
Ana López Castaño