«Resucitou de verdade o meu amor e a miña esperanza», así resoa na escuridade da noite este texto da secuencia pascual. E hoxe resoa tamén en todo o mundo cristián o anuncio da Igrexa: «Xesucristo resucitou!».
Esta boa noticia acendeuse como unha estrela de luz na noite nun mundo con grandes desafíos e que, agora, atafegado pola pandemia, necesita máis que nunca rexurdir e reencontrarse consigo mesmo para renacer á esperanza dun mundo mellor e de eternidade.
O Resucitado faise o encontradizo, no camiño de Emaús, como un viandante descoñecido. Despois dunha longa conversación é convidado a quedar porque «anoitece». Os discípulos recoñecérono ao partir o pan. Aquel pan era o medicamento da inmortalidade. «O que coma deste pan vivirá para sempre». Era e é o pan da vida. Por iso cada domingo facemos memoria viva do Resucitado e celebramos con gozo e alegría a súa presenza real entre nós.
A ciencia médica actual está a tratar de evitar propiamente a morte ou eliminar as súas causas para conseguir unha vida cada vez máis lonxeva e mellor. Pero que ocorrería se realmente lograse atrasar indefinidamente a morte e alcanzar idades moi avanzadas? Sería bo para a humanidade? Sen dúbida, a humanidade envellecería prematuramente, non habería espazo para a mocidade, apagaríanse as capacidades de renovación e de renacemento e o feito impensable dunha vida interminable aquí na terra, en lugar dun paraíso, sería máis ben un inferno.
A verdadeira herba medicinal contra a morte é a que transforma a nosa vida interior, a que se recrea en nós dun xeito novo, xerando unha vida verdadeiramente capaz de eternidade. Isto é o novo e emocionante da mensaxe cristiá, por iso na noite de Pascua celebramos que temos unha vacina rexenerativa, o medicamento do bautismo que nos capacita para unha vida nova, que madura na fe, e que non é truncada coa morte da antiga vida porque ten un destino de eternidade.
Din os hermeneutas bíblicos que a orixe da tradición confesional sobre o Resucitado pode palparse na tradición narrativa. Refire esta, que os discípulos de Emaús, ao seu regreso, foron recibidos polos once coa exclamación: «É verdade, o Señor resucitou e apareceuse a Simón». Esta frase constitúe o noso texto de resurrección máis antigo. Son confesións de fe na presenza do Señor, expresión de esperanza e, ao mesmo tempo, o distintivo dos crentes, a verdade fundamental, a que nos conservou Paulo de Tarso en 1 Cor 15,3-8 como unha tradición recibida por el de fieis mans, e que el, á súa vez, transmite. Abranguendo a integridade dos textos, afirmamos que Xesucristo non vive xa como un morto redivivo, senón desde o centro da forza divina, por riba de todo o medible física e químicamente falando. Realmente el mesmo, a súa persoa, o que dous días antes fora executado, vive. «Resucitou ao terceiro día, segundo as Escrituras». Así, crer na resurrección é crer no poder real e transformador de Deus que é esperanza e alegría e que nos capacita para cantar, «aleluia!», no medio dun mundo sobre o que se cerne a pesada laxa da morte.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral