Nun artigo anterior reflexionaba sobre que esta é a hora dos laicos. Hoxe reflexionarei sobre a tarefa específica dos laicos, distinta das outras vocacións. Un amigo español dicía con ironía que laico é o que está “al laíco del cura”, o que suxire diversas ideas. Realmente laico é o que desenvolve unha tarefa laical, secular.
Os grupos humanos xeran diversas funcións e tarefas distribuídas entre os seus membros. Na medida que se fagan con sentido común e harmonía repercutirá positivamente no ben de todos. As funcións poden exercerse con diversos estilos, sempre que se fagan dentro do principio cooperativo.
En outubro de 1987 celebrouse o Sínodo dos laicos, que culmina no documento (30-XII-88) “Christifideles Laici” (ChL). Como os presbíteros son servidores dos laicos, o seu Sínodo foi en 1990.
Un Sínodo é unha Asemblea da Igrexa Católica formada por unha representación dos bispos e normalmente invítase a algúns relixiosos e laicos. Hai a posibilidade de participar no proceso de preparación. Coas aportacións elabórase unha Exhortación Apostólica asinada polo Papa, quen lle dá coherencia e unidade. Por iso a Exhortación Apostólica é algo máis ca unha Encíclica papal e achégase ao que sería un Concilio.
No nº 23 da ChL defínese a tarefa específica dos laicos: “O campo propio da súa actividade evanxelizadora é o dilatado e complexo mundo da política, da realidade social, da economía; así como tamén da cultura, das ciencias e das artes, da vida internacional, dos órganos de comunicación social; e tamén doutras realidades particularmente abertas á evanxelización, coma o amor, a familia, a educación dos nenos e dos adolescentes, o traballo profesional, o sufrimento”.
Máis adiante, para que non haxa dúbida, especifica no nº 42 que os laicos de ningún modo poden abdicar da acción na ‘política’ porque aí xógase orgánica e institucionalmente o ben común. Os feitos de abuso de poder, corrupción… non xustifican abandonar o compromiso coa política do ben común.
Isto non é unha novidade na ensinanza da Igrexa, senón que xa estaba nas ensinanzas conciliares como se pode comprobar por exemplo en Lumen Gentium. 31.
Na exhortación ChL (nº.2) especifícanse dúas tentacións nas que ás veces caeron os laicos: “…a tentación de reservar un interese tan marcado polos servizos e as tarefas eclesiais, de tal modo que frecuentemente chegouse a unha práctica de abandono das súas responsabilidades específicas no mundo profesional, social, económico, cultural e político; e a tentación de lexitimar a indebida separación entre fe e vida, entre a acollida do Evanxeo e a acción concreta nas máis diversas realidades temporais e terreas.” Ás veces a caída nesas tentacións é inducida polos ministros ao seu servizo.
Referencias ás tentacións dos laicos para non exercer a súa tarefa específica laical tamén aparecen recollidas no Concilio na Gaudium Spes (nº 43), onde se alude á tentación de descoidar as tarefas temporais e de vivir unha vida relixiosa reducida a certos actos de culto e ao cumprimento de determinadas obrigas morais.
Debemos deducir entón que lles están vedadas ós laicos as tarefas intraeclesiais? Nada diso, pois eles son Igrexa. A mesma ChL no nº 23 expresa como se deben exercer as tarefas intraeclesiais, cousa que non deben esquecer os ministros que os acompañan para que non sexan ‘laicos clericalizados’: “Os diversos ministerios, oficios e funcións que os fieis laicos poden desempeñar lexitimamente na liturxia, na transmisión da fe e nas estruturas pastorais da Igrexa, deberán ser exercitados en conformidade coa súa específica vocación laical, distinta daquela dos sagrados ministros.”
Actualmente están convocados dous encontros laicais pola Conferencia Episcopal Española:
1- “Sobre o papel da Igrexa na sociedade democrática”, no marco do 40 aniversario da Constitución Española (3 e 4 outubro 2018).
2- Un congreso para tratar “o papel e a realidade dos fieis laicos na vida social e eclesial de España”, que terá unha fase preparatoria nas distintas dioceses (novembro 2019).
Estes encontros teñen que servir para medrar en responsabilidade e non quedarse en “cousas bonitas”. Deben axudar a coñecer a realidade persoal e grupal, a ambiental e a institucional, así como para facer un discernimento e xuízo de cómo estamos e cara ónde camiñar, e finalmente para implicarse e comprometerse na acción transformadora persoal, grupal, ambiental e institucional.
Remato con estes dous interrogantes: Teñen claro os laicos cal é a súa vocación específica? Temos claro os presbíteros cal é a vocación específica dos laicos?
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas
Imaxe: cathopic