Está comprobado que as cousas materiais non son capaces de encher o interior dunha persoa. Empeñámonos niso, pero como drogadictos, o único que facemos é aumentar cada día a dose, a ver se así funciona; con todo, as cousas non cambian e o baleiro segue baleiro.
Outras veces tentamos encher ese baleiro con “ruído” de todo tipo. Estamos hiperconectados e cunha saturación de noticias nunca vista. Pero o baleiro segue baleiro e o silencio produce un ruído atronador que non o acougan nin as copas dun sábado pola noite nin a mellor das pastillas para durmir nin as vacacións gozadas nun lugar de ilusión para tratar de «desconectar».
O paradoxal ruído do silencio e do baleiro fáisenos insoportable, até o punto de provocar en nós unha tolemia que nos levará a facer cousas totalmente aberrantes, como desfacernos das persoas máis débiles, como son os nenos sen nacer e os anciáns desamparados, aos que se lles fixo crer que a súa vida xa non vale porque só gastan e non producen. Como din os nosos bispos, que haxa enfermos incurables non quere dicir que sexan incuidables e o que necesita o noso país é unha lei de coidados paliativos. Unha morte cando é buscada por un mesmo, nunca é digna.
Construímos a nosa sociedade sobre valores que nos proporcionan, en principio, unha vida moi cómoda. Pero está a comprobarse como esta comodidade duns é á conta de sacrificar a vida dos demais e, quizais do mesmo xeito, tamén outros no futuro sacrificarán a nosa cando estorbemos. E iso porque tivemos a sorte de nacer, pois outros moitos, millóns nos últimos vinte anos, non a tiveron.
O tempo actual tamén se caracteriza pola excesiva e exhaustiva programación e planificación. Queremos ter todo ben atado e que nada perturbe a nosa paz. Pero a realidade, unha vez máis, é túzara e temos que cambiar de plans todos os días e por todo tipo de motivos. Pero como a un neno por nacer ocórraselle cambiar os plans dos seus pais, que se vaia preparando. E como a un ancián ocórraselle deixar de ser autónomo, que vaia facendo tamén as maletas.
O ruído do silencio e do baleiro denúncianos a «esquizofrenia» na que vivimos. Así, tanto celebramos o nacemento dun neno ao mesmo tempo que reivindicamos o dereito a abortar a outro que veña detrás se non o fai de acordo cos nosos plans. Ou somos capaces de debater no Congreso unha lei sobre a eutanasia o mesmo día no que o mundo enteiro celebra unha xornada dedicada á prevención do suicidio. Pois xa me dirán que é a eutanasia (ou co eufemismo co que queiran chamala) senón un suicidio asistido.
Non sei onde imos chegar. Creo que non moi lonxe, pois tanto o aborto como o eutanasia son a consecuencia dunha sociedade sen esperanza porque está baleira.
No noso interior hai un baleiro e un silencio que só Deus pode encher de contido, sentido e harmonía. Deus é o único remedio para evitar que dentro duns anos nos avergoncemos das atrocidades que estamos a facer agora. Ademais, deberiamos aprender do pasado, cando co beneplácito dunha maioría, tamén se fixeron cousas que agora nos dan auténtico repelús. A vida do outro é sagrada e ten valor absoluto, non hai nada máis grande neste mundo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada