Sen ánimo de polemizar, quero aclarar algunhas cuestións que me parecen verdades de sentido común, para aqueles que estamos dispostos a dialogar, a razoar, e a vivir nun contexto de liberdades e de respecto aos dereitos fundamentais do ser humano.
O ensino da Relixión na escola (Ere), especialmente en España, volve ser motivo de debate. Este debate, para aqueles que afirman que co novo currículo da Ere, vólvese ao nacionalcatolicismo, debería estar pechado fai moito tempo. Así sucede no 99% dos países de Europa. A Ere está, cuns contidos básicos e elementais, nos países máis desenvolvidos da Unión Europea (nalgúns de xeito obrigatorio) e nos que mellor calidade de ensino hai.
En primeiro lugar, un erro grave a este respecto, é ignorar que a formación relixiosa nos centros escolares é obxecto dun dereito fundamental. E, en segundo lugar, -outro grave erro-, consiste en non querer atribuír á materia a mesma importancia recoñecida ás demais materias curriculares. Sen formación relixiosa ándase mal pola vida e polo mundo.
Estes dous erros provocan notables desorientacións e fan case imposible o debate. Por exemplo, a ninguén se lle ocorrería pensar que se pode ensinar cristianismo á marxe do estudo das outras grandes relixións monoteístas. Nunca se fixo así. Ou que se pode falar de Deus sen ensinar as formas de relacionarse con El. Por exemplo, todo o relativo á oración e á liturxia, coa carga que conleva de socialización, educación para o silencio e a contemplación, etc. Ou as relacións insubstituíbles para unha comprensión da realidade entre a fe e a arte, o patrimonio relixioso e o turismo, a fe e a razón, a ciencia e a fe, etc. Como se pode dialogar con alguén que non é capaz de concibir que se pode ser crente e pensador, ou que, de feito, a filosofía e a fe sempre camiñaron xuntas ata o século XIX? Como podemos chegar a un acordo un crente e un incrente, ou un agnóstico, se descartamos desde o principio toda posibilidade de relación entre a fe e a ciencia? É que non se pode ser científico e crente? É que non é compatible afirmar que estamos no mundo porque hai un Deus creador e ao mesmo tempo que as sementes da vida evolucionaron de moitos xeitos? As teorías científicas tamén cambian e evolucionan e elas soas non teñen a última palabra.
No fondo, o que nos preocupa a moitos é a ignorancia e especialmente en conceptos básicos de teoloxía. Non entendemos a facilidade con que algúns falan, din e opinan sobre as cousas de Deus e das relixións dunha forma tan agudamente ideoloxizada e manipulada.
Volvendo ao tema, a miúdo en España, deuse por suposto que os destinatarios da Ere foron e son alumnas e alumnos católicos e que a finalidade primeira deste ensino era e é a educación da fe dos que a reciben. Recoñezamos que este modo de pensar é incompatible co necesario carácter académico da materia. Na actualidade os alumnos que optaron libremente pola clase de relixión xa de forma explícita (nas escolas públicas), ou ben de forma implícita (nas católicas), non son necesariamente católicos; e se o son, ás veces nin sequera foron educados na fe cristiá; ademais, tamén é frecuente que nas clases de relixión haxa alumnos que profesan unha relixión distinta á católica. En calquera caso, o carácter dunha materia escolar non pode estar condicionado pola fe cristiá ou a ausencia da fe dos alumnos que a cursan.
A desorientación existente e que se está creando, especialmente por intereses ideolóxicos, esixe máis lucidez e actitude crítica para repensar con madurez a finalidade e o carácter das clases de Relixión. Pero sempre, as autoridades deben tutelar este dereito que nunca foi, nin é, nin será un privilexio. A Ere non se impón. Proponse e oferta. E cúrsana voluntariamente quen a elixen. Quen non aceptan isto sitúanse en actitudes antidemocráticas para impoñer aos demais o seu propio nacional-laicismo.
Mario Vázquez Carballo