Son da xeración de Verán Azul, que por certo volveron repoñer este ano. Como todo o mundo daquela época chorei coa morte de Chanquete. Pero moito máis triste pareceume o último capítulo, cando se van todos e Pancho queda no pobo e empeza a buscar novas amizades, mentres soa a canción do Dúo Dinámico “O final do verán”.
Terminan os meses máis esperados por todos. Un tempo cheo de oportunidades para experimentar vivencias coa familia, amigos e veciños. E empeza un tempo longo para facer do ordinario un lugar de encontro con Deus no traballo, na liturxia dominical, na catequese, nos grupos de oración e nas distintas actividades pastorais que se organizan nas parroquias e na Diocese.
Permítesenos un pouco de morriña polo final do verán, pero só un pouco… Porque por diante temos un mundo de oportunidades, un Deus que quere contar con nós para que sexamos os seus amigos e un tempo, tamén, moi propicio para a reflexión e a oración.
Comezamos aos poucos. Quedan as festas do 8 e o San Froilán. Nos santuarios do Cebreiro e O Faro aínda quedan días de festas grandes para celebrar a Natividade da Virxe María e o Santo Milagre (O Cebreiro). De San Froilán falaremos cando se achegue o seu día.
Aos que tivestes vacacións, e aos que non, encoméndovos ao Señor para que todos podamos seguir facendo xuntos o camiño da fe.
Miguel Ángel Álvarez, párroco de San Froilán