Nos medios de comunicación atopámonos, ás veces, con algúns políticos que anuncian que non asistirán a unha celebración relixiosa porque España é un Estado aconfesional. Tamén hai “opinadores” profesionais que sosteñen a mesma postura. Pero estas actitudes non teñen fundamento nun Estado Democrático.
S. A. Tocarev no seu libro Historia de las religiones editado na URSS, que en España publicou a editorial comunista Akal (1979), escribe nunha nota do autor ó comezo da obra:
“Educar ó home sobre a base das concepcións materialistas científicas é unha das máis importantes tarefas ideolóxicas que debemos realizar durante o período de edificación do comunismo. O programa do PCUS sinala a necesidade de ‘realizar sistematicamente unha ampla propaganda científica ateísta, explicar pacientemente a debilidade das crenzas relixiosas’. Resulta imposible levar a cabo a propaganda ateísta científica se non se coñecen a fondo e seriamente as relixións pasadas e actuais dos diferentes pobos”.
Nun partido de tenis por televisión hai un detalle que case nunca falla para coñecer a procedencia dos tenistas, e é que os que son naturais dos países excomunistas levan xeralmente colgada do pescozo unha cruz. Isto sería a constatación de que a educación estatal atea e (pseudo)científica foi un completo fracaso. Teñen en conta esta realidade obxectiva os que aquí pretenden facer o mesmo?
Se un concello español crea unha Oficina Municipal para apostatar da relixión católica está indo contra o que é un Estado laico ou aconfesional. Ademais converte unha institución do Estado (o Concello) en confesante en temática relixiosa, e en militante anticatólica, ou contra outro grupo relixioso se se dese o caso. Non respecta unha liberdade fundamental dos cidadáns.
Un Estado aconfesional ou laico debe respectar as crenzas relixiosas dos seus cidadáns. Non só respectalas senón tamén facilitar que as poidan practicar tanto persoal como institucionalmente, pois forman parte dos Dereitos Humanos proclamados pola ONU (10-XII-1948) como vemos no artigo 18. “Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión. Este dereito inclúe a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público como en privado, pola ensinanza, a prác tica, o culto e a observancia”.
Terá alguén dúbidas acerca de que un Estado aconfesional e laico debe promover o exercicio de tódolos Dereitos Humanos? Supoño que non, por tanto, un Estado democrático e laico ten a obriga de favorecer a práctica relixiosa dos crentes, ó igual que tutelar os dereitos dos agnósticos e ateos. Do contrario, estaría tomando postura contra as Convencións Internacionais de Dereitos Humanos e limitando as liberdades humanas máis fundamentais
Unha das definicións máis clara e breve da liberdade relixiosa atopeina en Bieito XVI na súa Mensaxe da Paz para o 1 de xaneiro de 2011: “A liberdade relixiosa significa tamén, neste sentido, unha conquista do progreso político e xurídico. É un ben esencial: toda persoa poderá exercer libremente o dereito a profesar e manifestar, individualmente ou comunitariamente, a propia relixión ou fe, tanto en público como en privado, pola ensinanza, a práctica, as publicacións, o culto ou a observancia dos ritos. Non debería haber obstáculos se quixese adherirse eventualmente a outra relixión, ou non profesar ningunha” (nº 5)
Supoño que ninguén poñerá en cuestión que unha autoridade política ten liberdade para ser dunha relixión e practicala, ou non ser de ningunha. Faltaría máis! Pero en relación ó tema inicial a conclusión non pode ser outra que: a asistencia dunha autoridade a unha celebración relixiosa, no caso de non ser el crente desa relixión ou de ningunha, expresa o respecto e o apoio a uns cidadáns no exercicio lexítimo dos seus dereitos que todo Estado democrático (aconfesional e laico) debe respectar e promover. É máis, nalgunhas circunstancias, para unha autoridade é mesmo unha obriga moral ineludible a súa asistencia, que dificilmente podería delegar noutra persoa.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas