Dentro da campaña contra a fame das Mans Unidas, organización da Igrexa católica en España para loitar coa fame nos países do Terceiro Mundo, a semana pasada tivemos connosco á misioneira María José López Cabezón. Ela contounos a súa experiencia no medio dos máis desfavorecidos do mundo, así como a importancia da axuda de Mans Unidas para financiar os proxectos que promoven o desenvolvemento e a dignidade das persoas destes países.
O lema deste ano é, como sempre, moi suxestiva: “O efecto ser humano”. Lémbrasenos que o ser humano é a única especie capaz de cambiar o planeta.
Certamente é así. Todas as nosas capacidades podémolas usar para ben e mal, sabemos construír e tamén podemos destruír. Abonda lembrar todos os problemas ambientais e de destrución da natureza. Pero non podemos esquecer, que na maioría dos casos, a pobreza non é provocada polo tan pregoado cambio climático, senón polas inxustizas, a mala administración dos gobernantes, a avaricia dos homes e as loitas por ter o maior poder posible.
O obxectivo de Mans Unidas está claro e así o leva facendo durante case sesenta e cinco anos. Todos somos conscientes de que as axudas económicas son importantes. Pero isto non abonda. Hai cousas que non se arranxan con diñeiro: inxustizas, abusos, avaricia, ansia de poder, corrupción política etc. Por isto, a proposta de Mans Unidas parte do mesmo Xesucristo, que é o único que de verdade pode cambiar o mundo, porque é o único que pode cambiar o noso corazón, unha vez que nos atopemos con el.
Para concretar un pouco máis isto que lles acabo de dicir propóñolle pensar un momento nos dez mandamentos, aos que Xesucristo veulles a dar plenitude. Se todo o mundo fose consciente da importancia destas dez sinxelas normas, xurdidas do encontro de Deus co pobo de Israel na pobreza do deserto, a vida das persoas sería moi distinta.
Pero aínda hai unha razón máis. Os cristiáns non facemos caridade por unha cuestión só humanitaria. Nós temos un motivo máis, que é a esperanza de formar parte un día do Reino dos Ceos, no que xa non hai ningún tipo de inxustiza, imperfección, sufrimento ou pobreza. Os cristiáns queremos que se faga realidade xa ese mundo novo que agardamos na medida que sexa posible.
Mans Unidas convídanos a transformar o mundo ao estilo de Xesucristo e como adianto da plenitude do ceo que todos esperamos. Pero antes de transformar o mundo temos que transformarnos cada un de nós e converternos a Cristo. Non imos cambiar o mundo se antes non cambiamos nós.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Consiliario de Mans Unidas Lugo