O 8 de xullo na igrexa de Santiago de Saamasas (pertencente á parroquia San Antonio de Padua, Lugo) houbo unha charla titulada “Os restos arqueolóxicos de Santiago de Saamasas”, a cargo do director do Museo Diocesano Catedralicio, Marcos Gerardo Calles Lombao, que comezou referíndose ao feito de que o cancel visigótico está en depósito no Museo Diocesano Catedralicio, e nun lugar privilexiado da devandita institución.
Para explicar o porqué da sona que ten a peza, Marcos Calles fixo un percorrido por varias das personalidades que se interesaron, desde que en 1920 o arqueólogo César Luis de Montalbán y Mazas visitou Saamasas e escribe sobre o que viu, igual que fan, na mesma década, Manuel Vázquez Seijas e Ángel del Castillo. Pero é Helmut Schlunk quen máis contribuíu a que moitos outros investigadores se interesasen. De entre eles, Marcos Calles recomenda a lectura de Jesús Guerra Mosquera: “Los restos visigóticos de Saamasas y Lugo” en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo 1967 (páxs. 134-143)
O director do Museo Diocesano Catedralicio explicou as pezas que compoñen o cancel, cal sería a súa disposición e algunha palabra como “Minei”, referida seguramente ao río Miño.
Finalmente, preguntou ao numeroso público presente a súa opinión sobre as figuras zoomórficas do cancel, porque hai bastantes interpretacións. Para Marcos Calles serían unha vaca e un oso, tal como di Isaías 11:7 “A vaca e a osa pastarán en compañía”.