O Deus dos pobres

Mentres crecen os ruídos do benestar e dalgunhas festas, que pretenden ocultar as miserias dos nosos pobos, as voces dos que sofren e coexisten coa pobreza, siléncianse.  O Papa Francisco, sensible a estas realidades, instituíu, a Xornada Mundial dos Pobres que a Igrexa universal celebra este domingo xa na súa oitava edición. O lema deste ano elixido polo Papa está sacado do libro do Siracida, 21, 5: “A oración do pobre sobe até Deus”. Di o Papa que esta expresión da sabedoría bíblica é moi axeitada para prepararnos e celebrar esta Xornada. É que a esperanza cristiá abraza tamén a certeza de que a nosa oración chega até a presenza de Deus; pero non calquera oración: a oración do pobre!

O sabio Ben Sirá, no século II antes de Cristo, declara buscar a sabedoría desde a mocidade e descobre unha das realidades fundamentais da revelación: que os pobres teñen un espazo privilexiado no corazón de Deus, de tal maneira que o mesmísimo Deus, ante a súa dor e sufrimento, está impaciente até non facerlles xustiza, “até extirpar a multitude dos prepotentes e crebar o cetro dos inxustos; até retribuir a cada ser humano segundo as súas accións, remunerando as obras segundo as intencións de cada un” (Cf. Si 35,21-22).

Esta Xornada é unha moi boa ocasión para repensar as nosas imaxes persoais e comunitarias de Deus e para concienciarnos da realidade da pobreza e dos pobres nas nosas comunidades e nos nosos pobos e cidades. O Deus dos pobres é unha realidade omniabarcante no cristianismo, non é unha moda teolóxica ou unha ideoloxía pasaxeira, senón que afunde as súas raíces no Deus da historia e na mesma historia da salvación e da encarnación de Deus.

Esta maneira de pensar e entender a Deus é un concepto totalizador e unha forma de ser e estar no mundo que non se limita ás liberacións económicas, políticas, sociais ou ideolóxicas pero que tampouco debe prescindir delas. Por iso, hoxe, pode ser unha ocasión para responder con credibilidade e racionalidade á pregunta máis antiga e sempre actual: Como dicir aos pobres deste mundo que Deus os quere? É que o clamor dos pobres é o clamor de Deus na historia, do Amor Primeiro, do máis Grande, do Misericordioso.

Este xeito de pensar a Deus debe conducir á Igrexa, con todos os seus membros, a estar sempre dispostos a defender os dereitos dos máis débiles para que a ninguén lle falte nunca a esperanza dunha vida mellor, (Cf. Papa Francisco, Spes non confundit, n. 13). Lembrar as obras da misericordia, as espirituais e corporais é tamén un bo exercicio para unha praxe de cristianía e cidadanía imprescindible para todos e, sen dúbida, para contribuír a un mundo mellor e a unha Igrexa de “santidade política” e aberta a todos, capaz de influír indefectiblemente na contribución dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

As obras de misericordia nunca caducan: inculturizarse, educar, dar bos consellos, corrixir fraternalmente, saber perdoar, consolar aos tristes, consufrir con paciencia os pecados dos demais, rezar por todos, que no fondo é desexar o mellor, mesmo para os teus inimigos e por suposto, non esquecerse das corporais: coidar aos enfermos, compartir o pan co famento, dar de beber ao sedento, acoller ao peregrino, vestir, redimir e enterrar respetuosamente aos nosos mortos que nos deixaron exemplos de sacrificio, amor ás xentes e á terra que os viu crecer.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: