Con amor inmenso, Deus creounos e díxonos: “crecede e multiplicádevos e enchede a terra extensiva e intensivamente”. É dicir, multiplicádevos en número até encher a terra e crecede cualitativamente para que poidades exercer responsablemente o voso señorío sobre toda a creación.
Segundo o plan de Deus, o home é o reitor do universo e ten o labor de perfeccionalo.
O mundo que Deus creou, é bo, pero é perfeccionable, e ao home confíreselle este labor. A nosa misión é deixar tras nós un mundo mellor, uns costumes máis cristiáns, unha sociedade máis humana, unhas familias máis unidas, unha Igrexa máis Santa… Precioso labor o noso, pero non libre de dificultades. Para poder levalo a feliz termo, o primeiro que se nos pide, é querer capacitarnos para mellorala. Aquí non vale aquilo de “querer é poder”. Xesús advírtenolo no evanxeo: “un cego non pode guiar a outro cego; por moi boa vontade, antes terá que curar da súa cegueira, pois pola contra, cego e lazarillo correrán o perigo de precipitarse polo despeñadeiro”.
Nós abundamos en críticas aos demais, dicindo que son avaros, que son egoístas, que son soberbios, que son malos veciños…
Poida que sexa verdade. Pero como son eu? Canto hai en min do que critico nos demais!. Vemos a palla no ollo do veciño e non vemos a viga no noso. No canto de criticar aos demais, empecemos pola autocritica, pois pola contra, aplicarannos o refrán do “médico cúrate a ti mesmo”. Como pode un pai inculcar aos seus fillos que sexan ben educados, se el é blasfemo? como pode un matrimonio pretender que a súa familia cumpra co precepto dominical, se os membros nunca pisan a parroquia? como pode un párroco inculcar aos seus fregueses o espírito de desprendemento en favor dos necesitados, se el é un avaro?. As palabras poden pouco, se falta o testemuño. As palabras moven, pero o exemplo arrastra.
Os cristiáns debemos ser como o gran de trigo, con vocación de espiga, a cal multiplica o froito no cento por un. Acrecenta o froito e aínda por riba, o do evanxeo: “a semente que usedes, usarana convosco”.
O que repartimos en favor do necesitado, estamos a sementalo en terra fértil: o froito que sementades multiplicarase aquí e na eternidade.
Na realización do orbe interveñen dúas mans, a creadora de Deus que achega a materia prima e a man do home que pon cada cousa no seu sitio. Agradezamos ao Señor o pan de cada día e pidámoslle que non falte en ningunha mesa do mundo, o pan para ningún dos seus fillos da terra.
Indalecio Gómez Varela