O 19 de xuño deu comezo o III Encontro Eucarístico coa conferencia inaugural do cardeal D. Antonio Cañizares, que calificou a Eucaristía non como un don máis que recibe a Igrexa, senón como o don por excelencia, don do mesmo Cristo, da súa persoa.
Outro dos aspectos da Eucaristía resaltados por D. Antonio Cañizares é o da unión, non só da Igrexa, senón tamén da sociedade. Ademais, unha maior devoción eucarística daría máis paz ao mundo. Máis aínda, o futuro da humanidade depende da Eucaristía, e como esta non é posible sen sacerdotes, estes tamén fan posible o futuro. O cardeal Cañizares referiuse tamén á celebración eucarística fóra da Misa sinalando que desde o ano 2000 vese un rexurdir masivo en moitas partes do mundo da adoración perpetua.