Non os camiños, senón o camiño. É o mesmo de Xesús: Ou sexa, Xesús mesmo. O que pasa é que ese camiño que é Xesús ten diversas e múltiples variedades. Pero sempre é o mesmo.
Xesús camiña por terra, mar e aire. Alí onde respira un ser humano, alí está el. Tamén Xesús transita pola selva amazónica do Perú. Alí (aquí) tamén alarga os seus pasos para chegar pronto ao ferido do camiño. E faio a través de trochas e veredas, de baixos e outeiros, en carro ou a pé. Non importa a lama ou as inclemencias do tempo. O importante é o corazón que move montañas e obstáculos.
Xesús é ese camiño, ás veces empinado, por onde avanzan os seus enviados. Os misioneiros somos así. O lume de Pentecostés, nos albores da Igrexa, segue quentando corazóns e fai que o desafío de Xesús “vaian e anuncien” siga provocando vontades e compromisos.
Ser misioneiro é andar o mesmo camiño de Xesús, é dicir, facerse camiño co Mestre. É El quen abre paso. Nós seguímolo e deixámonos contaxiar pola súa forza evanxelizadora. Prestámoslle os nosos pés para andar, os nosos brazos para abrazar, os nosos ollos para ver, os nosos oídos para escoitar, o noso corazón para amar.
Non hai nada nin ninguén que poida impedir seguir a Xesús cando El chama e elixe. “Ven e sígueme”. Tres palabras que arrolan a alma e converten en ceo o “si” do elixido.
Este é o meu testemuño misioneiro cando o 15 de outubro estea cumprindo os meus 26 anos na Misión Pasionista do Perú.
P. Odilo González, c.p.