O “Arde Lucus” e a cultura cristiá

O símbolo do peixe usárono os cristiáns en tempos da antiga Roma para representar a Xesucristo

Con posterioridade ao Corpus Christi e á Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento, celebráronse as festas do Arde Lucus, consideradas como “un fenómeno máxico na cidade máis antiga de Galicia”, recoñecida como festa de interese turístico “galego, nacional e internacional”. Nas seguintes ilñas fanse algunhas consideracións respecto da relación entre cristianismo e o Imperio Romano. O Arde Lucus convídanos a retroceder no tempo para gozar do noso legado cultural e histórico en primeira persoa. Este legado histórico non se entende hoxe sen unha relación íntima co cristianismo.

As orixes do Cristianismo non se entenden sen repensar a íntima relación entre o Imperio Romano e a nova relixión de Xesús de Nazaret. Segundo prestixiosos historiadores, é un tema fascinante porque esta relación marcou a historia da humanidade pola complexidade de vínculos e tensións que se estableceron entre ambas as institucións e que, dalgunha forma persisten, non soamente polas concepcións relixiosas “politeas” do paganismo romano e “monoteístas trinitarias” do cristianismo, senón tamén e, sobre todo, polo impacto mutuo das culturas e a diversidade de conexións entre os poderes e a fe. De feito, a influencia do Imperio Romano no desenvolvemento do cristianismo foi unha historia complexa de poder e de fe.

Aínda que as relacións, conexións e interaccións foron mutuas, o cristianismo tivo un impacto altamente significativo no Imperio Romano, tanto a nivel relixioso como social e político. A medida que esta relixión se expandía e crecía, comezou a desafiar as crenzas e prácticas tradicionais romanas, o cal xerou tensións e liortas con outras relixións da época. Os cristiáns negáronse, desde os seus comezos, a render culto a calquera poder temporal, e por suposto, a considerar ao emperador como un deus. Iso foi percibido polas autoridades romanas como un acto revolucionario contra o poder establecido e como unha perigosa ameaza contra a estabilidade e unidade do Imperio Romano. Por iso, tanto a oposición radical ao politeísmo como a negativa do culto ao emperador, entre outras causas, xeraron por parte das autoridades, movementos de persecución e oposición radicais contra os cristiáns, de tal maneira que moitos cristiáns aceptaron o martirio antes que renegar da súa fe en Xesucristo. É moi probable que, por estas persecucións, o cristianismo tivese unha expansión considerable no Imperio Romano. Fíxose famosa a expresión: “o sangue dos mártires é semente de novos cristiáns” (Tertuliano, século II) e así foi, porque cantos máis cristiáns eran perseguidos máis se multiplicaban.

Sobre todo, hai que resaltar que o cristianismo anunciaba a salvación, onte igual que hoxe. Ofrecía unha esperanza de vida eterna, onte igual que hoxe. E liberaban aos escravos en aras da igualdade en dignidade de todos ante a lei; sostiñan que todos somos fillos de Deus (fraternidade universal) e irmáns, onte igual que hoxe. Eles, onte igual que hoxe, propugnaban o amor ao próximo e esa linguaxe testemuñal era unha linguaxe clara e verdadeira que todos comprendían polo que supuña de opción polas clases máis marxinadas da sociedade romana. Aquela novidade relixiosa de hai máis de 2000 anos permanece viva e de maneira peculiar en Lugo. O crismón de Santa María da Ermida (Quiroga) que podemos contemplar no noso Museo Diocesano ou o baptisterio paleocristián na contorna da Catedral e o sarcófago de Temes entre outros testemuños históricos, fálannos desta íntima e estimable colaboración.

Mario Vázquez Carballo. Vicario Xeral e Deán da Catedral

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: