A variante temperatura estacional pode servirnos de referente para explicar o comportamento do home na historia da salvación.
A temperatura desta estación é invernal: A neve cobre os campos, e o frío conxela as augas. Pero volverá a primavera e co seu cálido clima, a floración embelecerá novamente os bosques e as pradarías. Á primavera seguirá o estío rico en espigas, e ao estío seguirá o outono xeneroso en froitos.
Tamén a historia do home pasou polo inverno da graza: nesa estación conductualmente invernal, a humanidade non se distinguiu pola súa floración nin polos seus froitos de santidade. A invernía do noso mal comportamento privou ao mundo da súa riqueza orixinal e inoculou no corazón do home parálise para toda obra boa. Pero para Deus nada hai imposible, e o poder e bondade do Señor comprometéronse en devolver ao home o seu primitivo estado de graza. Así nolo fan ver os tres personaxes do advento: o profeta Isaías, lembrándonos as promesas de redención do Señor. San Xoán Bautista, anunciándonos que “O Redentor está á porta, e chama”; e a Virxe, acollendo ao Fillo de Deus no seu seo virxinal, convertido agora no primeiro sagrario do mundo.
O advento é a síntese do misterio da redención. No proceso deste misterio redentor existen unhas constantes que marcan o camiño que nos conduce á reconciliación con Deus. Son as seguintes:
Recoñecer que necesitamos ser redimidos. Por nós mesmos non podemos recuperar as nosas boas relacións con Deus;
Pedir que veña o Redentor e que nos salve;
e acoller ao Salvador, que non se presenta con aspecto de xuíz, senón con man acolledora.
As crises producen pesimismo, derrota e tristeza. Pola contra, a esperanza procrea gozo e paz. Este é a mensaxe do presente domingo: ALEGRÁDEVOS, TEDE PAZ. Alguén dirá: non podemos ter paz nin hai lugar para o gozo mentres exista tanto mal no mundo. Certo que non se pode ignorar a existencia da desorde na nosa sociedade. Á vista están a crecente descrenza na nosa contorna. A onda de inmoralidade por todas as partes; o desprezo multitudinario dos valores cristiáns; o abandono masivo da práctica relixiosa… Pois, a pesar de todo, “alegrádevos e gozade de todo corazón, porque o Señor cancelou a túa condena e comprácese en ti, ámate e alégrase con xúbilo”, xa que neste mundo, o ben excede ao mal. Son máis os xustos que os malvados; somos máis os que cremos en Cristo, que os que renegan del; somos máis os que amamos á Igrexa, que os que a perseguen? E aínda que fósemos menos en número non somos un “residuo” moribundo dun cristianismo agonizante, se non o “resto” revitalizador dun cristianismo actualmente asediado polas forzas do mal, ás cales estamos dispostos a resistir desde a Igrexa de Xesucristo, “sempre perseguida pero nunca vencida”. Pois, alegría e paz, porque, aínda que odiados e maltratados, nunca seremos derrotados, porque “eu estarei convosco até o fin do mundo”, di o Señor.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo