Nestes tempos e nos nosos pobos quedan moitos pais de familia que se comportan como colaboradores de Deus na formación dun mundo máis humano e máis cristián. E conscientes de que a sociedade do mañá será o que sexan os homes de hoxe, educan aos seus fillos para que eses homes do mañá sexan membros útiles na construción dunha sociedade máis fraterna e dunha Igrexa máis santa.
Esta foi a nosa sorte. No colo das nosas nais aprendemos a rezar ao Señor e a respectar aos nosos semellantes. Na persoa do noso pai reflectiuse a imaxe dun bo cristián e espertouse en nós o desexo de imitalo.
Grazas a Deus e aos nosos pais, nós somos crentes e a nosa parroquia é cristiá. Que non rompa a cadea!.
A educación dos fillos debe ser integral: humana e cristiá.
No humano os pais han de procurar que os seus fillos crezan sans, cultos e responsables; e na orde espiritual, cóidense de que abunde neles os valores cristiáns. Así como a nosa saúde require alimento, abrigo, ensino, etc., tamén a nosa vida cristiá necesita nutrirse de alimentos espirituais. Necesitamos da palabra de Deus para coñecer cal é o proxecto do Señor para os cristiáns. Necesitamos frecuentar os sacramentos e recibilos ben dispostos para que nos fagan fortes ante as tentacións. Necesitamos participar na Santa Misa, polo menos os domingos, porque na Eucaristía, Cristo ofrécesenos como Pan de Vida. Necesitamos coidar a vida de piedade porque o mellor xardín, se non se coida, convértese nunha ortigueira.
A práctica da vida cristiá é garantía de paz de conciencia nesta vida e presaxio de gloria para a eternidade. Pero a educación cristiá dos fillos é dobremente vantaxosa: vantaxosa para eles que os fará socialmente apreciados polos seus concidadáns no presente e cidadáns do Ceo para o futuro. E vantaxoso para os pais no presente, porque os fillos, así educados, serán moi respectuosos cos seus maiores: amaranos; coidaranos cariñosamente; faranos felices na súa ancianidade; desculparán as súas carencias; lembrarán con agradecemento todo o ben que recibiron, e regarán con bágoas do corazón a tumba dos seus pais ao despedilos deste mundo.
Ditosos fillos que tiveron tan bos pais e pais que teñen tan cariñosos fillos!
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral de Lugo