A situación vivida ao final do último curso catequético obrigou a que a catequese “quedase na casa”. Coa chamada “nova normalidade”, neste curso 2020-2021 a catequese retorna ás parroquias. Para aproveitar a rica experiencia vivida nos fogares, un reto deste curso é fortalecer a catequese tamén no ámbito familiar, potenciando os medios dixitais dos que xa se dispón. A iso responde o lema deste curso, “A catequese comeza na casa”, onde comezar tería un dobre significado:
A fe comeza a vivirse e a educarse na casa. En primeiro lugar, a catequese ou educación da fe comeza na casa cos pais e os avós, os irmáns… No núcleo familiar é onde mellor se adquiren os primeiros rudimentos ou ensinos básicos da fe como, por exemplo, aprender o sinal da cruz.
Á súa vez, a catequese parroquial será a continuación e complemento do recibido na familia.
A catequese en liña comeza na casa. Desde fai varios anos, apóstase polo emprego dos recursos que nos ofrecen os medios telemáticos e as novas tecnoloxías da información e da aprendizaxe para a catequese nas parroquias.
Coa nova situación aprendeuse que con elas tamén desde as parroquias é posible axudar a que os pais e as nais cumpran coa súa función de ser catequistas dos seus fillos.