Co título Hojas volanderas “científico-periodísticas” sobre Vivero, ahora ya fijas en un libro, D. Jaime Delgado ofrécenos unha serie de colaboracións aparecidas no semanario Heraldo de Vivero e outras publicacións. En primeiro lugar, detalla as características do coro de estilo ecléctico situado na ábside da igrexa de San Francisco de Viveiro. E concreto, escenas da vida de San Francisco de Asís e outros (San Francisco Blanco, Sebastián de Aparicio…) e motivos xacobeos.
Nunha segunda parte, D. Jaime Delgado fai unha historia dos baptisterios e estuda a pía bautismal de Santa María de Viveiro, “unha das poucas pías lucenses que ofrecen temas simbólico-doctrinais”.
A terceira parte adícase ós seguintes temas:
– símbolos predecesores da cruz: tau, peixe, crismón;
– as representacións cristiás da crucifixión entre os séculos III e VI;
– influencia das actitudes teocéntrica e antropocéntrica na representación de Cristo.
Finalmente, o novo libro de D. Jaime Delgado presenta un estudo do retablo barroco da igrexa de Santa María de Xerdiz.