É motivo de ledicia dar noticia da aparición da cuarta edición da Biblia traducida á lingua galega partindo das orixinais: hebreo, arameo e grego. Esgotada a edición anterior, non podíamos permanecer indiferentes ante o baldeiro existente e as necesidades das moitas peticións que xurdían directamente do pobo galego e de diversos grupos e institucións.
Esta nova edición, presentada xa na Diocese de Lugo, non soamente é unha aportación pedagóxica e necesaria para a investigación senón que, sobre todo, ofrece unha nova revisión lingüística dos textos adaptados á normativa actual do galego. Un equipo de filólogas e filólogos convocados pola editorial SEPT, e co apoio da Xunta de Galicia, traballaron con esmero e xenerosidade. É de recoñecer tamén a valiosa aportación do biblista Xosé Fernández Lago quen supervisou esta nova edición e o profesor da Diocese lucense Xosé Antonio Salgado Agromartín, quen traduciu o Libro de Daniel.
O beneplácito dos Bispos das Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá en Galicia, representados polo arcebispo emérito D. Xulián Barrio, contribuiu a significar a relevancia deste feito no campo relixioso do cristianismo e da cultura universal.
Importantes razóns xustifican esta publicación: 1) a cooperación co movemento de implantación da liturxia na nosa lingua que coa publicación do novo Misal, ano MMXXIII, (cuxa reedición actualizada foi aprobada recentemente polos bispos das dioceses de lingua galega e confirmada pola congregación do culto divino) e doutros textos axudará a restablecer a normalidade lingüística na expresión litúrxica e devocional dos católicos galegos. 2) Desde unha perspectiva estritamente cultural, con importantes repercusións no desenvolvemento e no enriquecemento da singularidade dun pobo, nunca debemos esquecer que estamos ante os libros máis fermosos e mellores da literatura e do pensamento universal.
Xa o Papa Paulo VI recordaba na Evangelii Nuntiandi que a nova evanxelización perdería moito da súa eficacia se non se tomase en consideración o pobo concreto ao que se dirixe, ou se non se utilizase a súa lingua, signos e símbolos.
Xosé Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese