Nota dos bispos Galicia con motivo da Xornada Interdiocesana de Ensino Relixioso Escolar

Queridos pais e nais:

1.- Estamos seguros de que unha das vosas maiores preocupacións é a educación dos vosos fillos e fillas. Nela poñedes todo o voso empeño e esforzo nuns momentos cheos de retos e dificultades.

2.- Nesta situación os centros educativos xogan un papel importante para lograr unha educación de calidade.

3.- Para axudarvos a lograr esa educación, pedímosvos que non vos esquezades de solicitar para eles o Ensino Relixioso. Nunha formación integral da persoa, a educación non pode prescindir da dimensión relixiosa que é constitutiva de todo ser humano.

4.- A presenza do Ensino relixioso nos centros educativos é un dereito e un deber que tedes vós, os pais, recoñecido na Constitución, e que todas as autoridades educativas deben garantirvos para que poidades optar por ela con plena liberdade evitando toda discriminación e en igualdade de trato que o resto das demais asignaturas.

5.- O Ensino Relixioso axudará aos vosos fillos e fillas a coñecer mellor e profundar na mensaxe de Xesús; a reflexionar sobre os criterios, valores e actitudes que permiten dar pleno sentido da vida, do mundo e da historia; a crecer en intelixencia da Palabra de Deus para atopar nela a luz que lles ilumine á hora de formar a súa personalidade e inserirse no medio da sociedade; a comprender a propia tradición relixiosa, na que naceron e a coñecer o sentido relixioso da nosa cultura chea de costumes, festas, ritos e modos de vida impregnados polo cristianismo; capacitarlles para un diálogo entre fe e cultura nun mundo cada vez máis pluricultural e plurirelixioso.

6.- Sen dúbida queredes que progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que os vosos fillos crezan sen unha cultura e formación relixiosa. Estade seguros de que nela atoparán coñecementos e valores que lles axudarán a ser boas persoas. A relixión non fai dano a ninguén, ao contrario, axúdanos a ver a vida e actuar nela con sentido de verdade, xustiza e solidariedade.

7.- A Igrexa ponse ao voso servizo para alcanzar esa formación relixiosa que, sen dúbida, será un gran ben para os vosos fillos e fillas. Non vos deixedes levar por esas opinións da mal chamada modernidade que proclaman que a Relixión non ten valor nin sentido.

8.- Xa que logo, esta é a nosa petición: Sede conscientes da vosa responsabilidade de pais crentes e pensade no ben dos vosos fillos. Pedide Ensino Relixioso Católico en todos os centros educativos.

9.- Esta solicitude ha de ser consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes e dos compromisos adquiridos no día do seu bautismo. Non solicitala sería, sen dúbida, un contrasentido con eses compromisos.

10.- Queremos agradecer todo o esforzo que fan os profesores de Relixión e pedímoslles que coa súa palabra e o seu testemuño transmitan aos seus alumnos a mensaxe de Xesús e os encamiñen polos camiños dos valores do Evanxeo.

11.- Que o Señor vos axude a todos os que colaborades nunha mellor educación humana e relixiosa da infancia e mocidade.

Saúdanvos con todo afecto e bendín no Señor.

 

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: