Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, acordamos manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día.
A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.
No presente ano de 2016, este día foi declarado laborable na Comunidade Autónoma de Galicia. Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas diocesis respectivas o carácter festivo deste día.
En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:
1. Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.
2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, esposo da Virxe.
3. Pedir, igualmente, aos párrocos e rectores de igrexas que informen aos fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.
4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 12, e ao domingo, día 13 de marzo.
5. Respecto da celebración logo da hora nona do día 18 de marzo, de acordo coas indicacións do Calendario Litúrxico Pastoral da Conferencia Episcopal Española, celebrarase misa vespertina da Solemnidade de San Xosé. Para a misa vespertina do día 19 de marzo utilizarase o formulario do Domingo de Ramos.
Julián, Arcebispo de Santiago.
Luis, Bispo de Tui-Vigo.
Alfonso, Bispo de Lugo.
José Leonardo, Bispo de Ourense.
Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.
Antonio, Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol.