Atendendo ás recomendacións que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia nos fixo chegar para a prevención do contaxio do coronavirus no ámbito das celebracións litúrxicas e devocionais e ás indicacións realizadas desde a Conferencia Episcopal Española, os bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela ofrecemos unha serie de indicacións co obxectivo de extremar as medidas de hixiene adecuadas nos actos litúrxicos, especialmente naqueles que conleven accións de bicar as imaxes relixiosas ou outras manifestacións externas de piedade popular:
1. É conveniente retirar a auga bendita das pías que hai nas entradas dos templos e noutros lugares de devoción.
2. Manter a indicación de evitar dar a man e outras formas de contacto físico no rito da paz; e lembrar que, segundo o previsto nas normas, é posible tamén prescindir deste rito nestas circunstancias, e convidar directamente á preparación para a Comuñón.
3. Que os sacerdotes e os ministros extraordinarios que distribúen a comuñón durante a Eucaristía, se laven as mans antes e despois deste momento. Aconséllase aos sacerdotes que para iso teñan un spray ou líquido desinfectante nas sancristías e o usen antes de celebrar os actos de culto.
4. Que as mostras de devoción e afecto cara ás imaxes, tan propias deste tempo de Coresma e na próxima Semana Santa, poidan ser substituídas por outras como a inclinación de cabeza ante as imaxes sacras do Señor, da súa Nai ou dalgún outro santo de especial devoción. O día de Venres Santo na adoración da Cruz utilícese a segunda forma, nº 19 (Cf. O sacerdote, toma a cruz e, de pé ante o altar, convida o pobo a que adore a Santa Cruz en silencio). É necesario evitar todo tipo de contacto físico con cruces, medallas, escapularios, etc. que xa fosen bicadas por outros fieis, facilitando, ademais, unha maior rapidez que evite aglomeracións innecesarias.
A prudencia e a preocupación polo ben propio e do próximo parécennos razóns suficientes para que tamén como Igrexa contribuamos no posible a evitar circunstancias que poidan dar lugar á expansión infecciosa do virus COVID-19. Vivir con fe esta situación pídenos igualmente non deixarse dominar polo medo, coma se non tivésemos esperanza, dando así testemuño do destino de vida ao que estamos chamados por Deus; e procurar exercer a caridade nos modos adecuados: que ninguén quede abandonado nas nosas comunidades parroquiais, nin quede sen resposta o próximo que necesite a nosa axuda.
Os Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela participamos da crecente preocupación, os temores e ansiedades da poboación pola rápida propagación do coronavirus a nivel mundial. Así mesmo, agradecemos a xenerosa dedicación do persoal sanitario e administrativo, auxiliares e voluntarios durante este período.
Queremos vivir estes momentos de dificultade unidos, como Igrexa; e, por iso, xunto coas medidas e propostas anteriores e, á espera de ulteriores medidas que puidesen emitir as autoridades sanitarias, convidamos insistentemente a todos os fieis desta Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela a ser constantes na oración pola saúde pública e a de todos os afectados, e a confiar sempre en Deus Pai.
+ Julián, Arcebispo de Santiago.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+ Alfonso, Bispo de Lugo.
+ José Leonardo, Bispo de Ourense.
+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.