Froito dun san optimismo dicimos moitas veces que “non hai mal que por ben non veña”. Si, é así. Moitas veces aquilo que é malo ata pode traer algo bo.
Todo isto pola peculiar Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento que se celebrou en Lugo o domingo pasado. Como moitos sabedes, este ano tocáballe ao Concello de Santiago facer a Ofrenda en nome das sete antigas provincias do Reino de Galicia (Santiago, A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui). Pero o seu novo alcalde, apelando a unha mala concepción da laicidade das institucións públicas, rexeitou presentar a Ofrenda.
Debemos respectar a fe ou a ausencia dela de cada persoa e, polo mesmo, entendo que non ten ningún sentido que un ateo se poña a simular unha oración ante quen non existe para el. Por iso, ao meu xuízo, neste caso concreto, o ideal é que o alcalde de Santiago delegase a presentación da Ofrenda nalguén da súa Corporación que profesase a fe católica.
A parte boa de todo isto, onde está?. Grazas á polémica creada, moitos lucenses e galegos tivemos ocasión de lembrar a importancia das nosas tradicións e redescubrir o valor da fe e da Eucaristía. Quizais estabamos algo adormecidos e esta revolución serviu para espertarnos.
Unha campaña nas redes sociais e internet, sen precedentes na Diocese de Lugo, axudounos a ver a importancia de estar unidos tamén para estas cousas.
Á marxe das polémicas, os últimos 15 días foron moi intensos na vida eclesial da cidade. O Corpus, as múltiples actividades do Centro Eucarístico Lucense, a Oitava do Corpus e a mencionada Ofrenda de Galicia. Dúas semanas de graza que o Señor regalounos para a reflexión, a oración, a música, a teoloxía, a liturxia, a poesía, a fotografía, en definitiva, para honrar a Cristo-Eucaristía que na Catedral de Lugo recibe culto dun modo singular desde tempo inmemorial.
Miguel Ángel Álvarez