No Ángelus do pasado domingo 24 de xaneiro, o Papa Francisco explicaba como o Evanxeo transforma a sociedade e exhortábanos a «evanxelizar aos pobres», e non dar só axuda en clave social ou política.
Alégrome moito de que o Papa falase nestes termos e con esta claridade. Falamos de pobres, inmigrantes, refuxiados… pero confundimos os termos e, sobre todo, as estratexias de actuación, esquecendo os efectos positivos da presenza de Deus no medio do mundo a través do Evanxeo e da celebración sacramental da fe.
Todos estamos de acordo con que estas palabras non debesen existir no dicionario. Máis ben, non deberían existir persoas ás que aplicar estes cualificativos. Por desgraza non é así. Nunca tanto se falou dos marxinados e nunca estivemos tan sensibilizados con estas situacións tan dolorosas. Os novos medios de comunicación, a globalización e a actual situación económica influíron para que a nosa conciencia reaccione -ás veces de maneira pasaxeira- ante o panorama actual.
Tampouco se pode meter dentro do mesmo saco a todos os marxinados. Preséntanse casos moi distintos. Desde Occidente tratamos de arranxar todo isto só con achegas económicas pero non é suficiente e, na maioría dos casos, tampouco é o mellor. Estou convencido de que axudar a algunhas persoas a saír da súa situación unicamente con diñeiro non é o mellor nin o máis eficaz.
Falo desde a autoridade que me dá o atender o despacho de Cáritas da parroquia e o coñecer de primeira man a situación dos que chegan pedindo unha axuda. Non fago este labor só xa que hai voluntarios que axudan moito.
Pódese dicir que en moi poucos casos son problemas meramente económicos. Estes casos solucionaríanse facilmente, pois a parroquia dispón de recursos suficientes para eles. Estamos a falar de persoas con pensións moi pequenas, con algún membro da familia en paro, inmigrantes que tiveron un gasto excepcional… que veñen a Cáritas un par de veces ao ano ou cando están apuradas de verdade, pero a maior parte do ano viven dos seus propios recursos e esforzos.
Os casos restantes podemos dicir, con pena, que son casos perdidos e a solución non pasa por unha achega económica por grande que esta fose. Non se cura un cancro con aspirinas. A cuestión é saber por que se chegou a esta situación e tentar arranxar o problema na orixe, pero isto non lle interesa a ninguén, quizais porque non dá votos. Venden moito máis unhas grandes cifras para asuntos sociais nos orzamentos xerais das Administracións Públicas que propor outras medidas máis efectivas, pero menos populares.
Facendo unicamente curas de urxencia, sen denunciar e sanar a orixe da enfermidade, os afectados nunca recuperarán a saúde integral.
Outro caso distinto é o dos inmigrantes e refuxiados. Nós temos que atendelos como quen acolle a un irmán que vive na mesma “casa común” (encíclica Laudato Si’). O coidado desta casa pasa, en primeiro lugar, por coidar aos da mesma especie, os nosos irmáns.
As causas polas que teñen que fuxir dos seus países de orixe non dependen, polo menos directamente de nós. Nestes casos estamos a falar de complicados problemas históricos e económicos que lles correspondería solucionalos aos organismos internacionais. Pero todos podemos e debemos denunciar as causas e consecuencias destas situacións “caia quen caia” e sendo “a voz dos sen voz”.
Se se fixan, na columna de hoxe case non mencionei para nada a Deus nin á relixión. Mantíveno á marxe. Quizais o mundo fai o mesmo e por iso chegamos a estas situacións tan tristes.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán