Este domingo celebramos o VI domingo de Pascua, pero tamén o día do traballo por ser o 1 de maio; e o día da nai porque é o primeiro domingo deste mes.
Cristo fai novas todas as cousas, por iso a Igrexa “bautiza” o día de traballo coa memoria de San Xosé obreiro, o carpinteiro de Nazaret. Xosé axudou á Virxe María a criar e educar a Xesús, coma se fose o seu auténtico pai. A Igrexa dedica a María o mes de maio ou mes das flores, por iso en España celebramos o primeiro domingo deste mes o día da nai.
Ninguén sen traballo e sen nai. O traballo é necesario para vivir dignamente e para axudar á estabilidade das relacións familiares. Ademais, traballo, polo menos para os crentes, é tamén ocasión para colaborar coa obra creadora de Deus.
O papa Francisco na exhortación apostólica Amoris Laetitia, denuncia a ausencia de traballo, ou a indignidade de moitos empregos, que ás veces causan feridas dolorosas no seo das familias.
Ter un traballo que permita vivir dignamente é unha das principais preocupacións dos españois. Os gobernos de todas as administracións falan continuamente de políticas de emprego. Quizais non estaba de máis que todos lembrásemos aquel primeiro de maio da historia, cando, despois de moito esforzo, conseguiuse a xornada laboral de 8 horas e o poder descansar outras 8, aínda que se lles quedou polo camiño unha última reivindicación tamén fundamental: 8 horas de “cultivo persoal” que non conseguiron sacar a adiante polos intereses pouco xenerosos dalgúns. Na miña opinión, aínda estamos suspensos en todo o que implica este “cultivo persoal” que reclamaban os nosos antepasados non tan afastados: formación humana e profesional antes, durante e despois da nosa época de traballadores.
E ninguén sen nai. Isto xa non depende de nós. A chamada “lei de vida” ten o seu ritmo. Pero, sexan como sexan as cousas, sempre vai haber unha nai que nunca vai fallar: María, a nai de Xesús. El mesmo entregóunola a todos, cando lle dixo a Xoán, que estaba aos pés da cruz: “aí tes á túa nai” (Xn 19, 26-27). Di tamén o texto evanxélico que “desde aquel día o discípulo recibiuna na súa casa”.
Tamén na Amoris Laetitia o Papa alza a voz en favor de tantos nenos que son privados das súas nais, inxusta e innecesariamente, en procesos violentos ocasionados por guerras e outros intereses. Tampouco se esquece o Papa dos nenos aos que non se lles deixa nacer nin das nais que teñen que abortar inducidas por terceiros ou porque ninguén lles brinda a axuda material e emocional que necesitan para seguir adiante co embarazo.
Hoxe poño nas mans de María a todas as mulleres que exercen a súa maternidade de distintas formas, a todos os fillos que necesitamos o amor e coidado dunha nai, a todas as nais que están soas e a todas as persoas que foron arrebatadas das mans das súas nais. Que ela, a Nai de Deus, interceda por todos.
Baixo o patrocinio de San Xosé Obreiro poño a todos os traballadores, aos empresarios, aos sindicatos, aos autónomos, aos que non teñen traballo ou teñen que traballar en condicións precarias. Que o carpinteiro de Nazaret interceda para que todos teñamos un traballo que nos permita vivir dignamente e fáganos experimentar a graza de ser colaboradores de Deus no “coidado da casa común” (Laudato Si).
Miguel Ángel Álvarez